As traballadoras sociais denuncian esperas de "ata dous anos" na atención á discapacidade

Visita de Núñez Feijóo ás instalacións do centro de día e residencia de APAMP-Navia © Xunta

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou este martes o "compromiso" do Goberno galego coa atención á discapacidade. Fíxoo durante unha visita ás instalacións do centro de día e residencia de APAMP-Navia, unha entidade viguesa. Feijóo prometeu axilizar os procesos de valoración ou incrementar os fondos públicos, entre outras medidas.

O período de agarda chega a ser na provincia de Pontevedra de dous anos para a valoración da discapacidade e un ano para a valoración da dependencia

As palabras do presidente da Xunta foron respondidas de inmediato polo Colexio de Traballo Social de Galicia (COTSG), que cualificou as promesas como "papel mollado", lembrando que nestes momentos o período de agarda chega a ser na provincia de Pontevedra de dous anos para a valoración da discapacidade e un ano para a valoración da dependencia. Ademais, subliñan que as entidades sociais levan moito tempo reclamando un reforzo dos equipos humanos para solucionar estes atrasos, sen que dende o Goberno galego se tomen medidas. 

"É unha cuestión, sobre todo, de política de persoal. Aínda que os criterios de valoración son iguais para toda Galicia, as políticas de persoal dependen de cada xefatura territorial. E aquí, na área de Pontevedra-Vigo, non se cobren as baixas e os equipos están baixo mínimos, de aquí se xere tanto atraso", sinala Antonio Doval, secretario do COTSG. 

O Colexio reclama "a contratación de equipos permanentes ata que a situación se estabilice" e rexeita a incorporación de persoal temporal

O Colexio reclama "a contratación de equipos permanentes, ata que a situación se estabilice" e rexeita solucións como a incorporación de persoal temporal, "o non deixa de ser un parche". “É inútil porque en canto marchan comezan as novas acumulacións de expedientes”, conclúe o COTSG, que denuncia que “hai moitos expedientes sen resolver nas catro provincias" e isto está a provocar "situacións desesperadas”. 

Xunta de Goberno do COTSG © COTSG

O Colexio conclúe que “só poderá haber igualdade de oportunidades en Galicia revertendo a desmantelación do sistema de servizos sociais público”. Antonio Doval lembra que a entidade xa mantivo en marzo unha xuntanza co director xeral de Discapacidade, Ildefonso de la Campa, quen se comprometeu "a reforzar os equipos", algo que non cumpriu.

A entidade xa mantivo en marzo unha xuntanza co director xeral de Discapacidade, quen se comprometeu "a reforzar os equipos", algo que non cumpriu

Nesa xuntanza os representantes do Colexio tamén lle trasladaron unha reclamación relacionada coa tramitación da discapacidade, denunciando que o formulario para obter o grao de discapacidade da sede electrónica da Xunta é “contrario á norma estatal”. No formulario vén marcada de xeito predeterminado a renuncia á valoración dos factores sociais complementarios. Deste xeito, afirman, “as persoas galegas con discapacidade quedan en desvantaxe con respecto ao resto do Estado” e, indican as traballadoras sociais, “poden estar renunciando a 15 puntos na valoración sen ser conscientes”.

Non se está informando ás persoas usuarias de que poden solicitar que ambas valoracións (dependencia e discapacidade) sexan nun único acto

O Colexio tamén denuncia que nestes momentos non se está informando ás persoas usuarias de que poden solicitar que ambas valoracións (dependencia e discapacidade) sexan nun único acto. Porén, na actualidade a xente agarda primeiro pola valoración da dependencia (cunha media dun ano en toda Galicia) e despois solicita a valoración da discapacidade (ata dous anos na provincia de Pontevedra e un ano na da Coruña), o que adía moito o proceso. “A xente descoñece este dereito e a Xunta non pon os medios para que isto se cumpra”, di o COTSG. "O lóxico é que cando me citen para valorar a dependencia, me citen tamén para valorar a discapacidade. É un dereito que está contemplado na lei", subliña Antonio Doval.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.