Case 600 aldeas foron abandonadas na última década en Galicia

Aldea abandonada no norte de Lugo, á venda por 85.000 euros © Aldeasabandonadas.com

En Galicia hai xa 2.028 núcleos deshabitados, segundo o INE

Cada ano que pasa 80 novas aldeas fican abandonadas en Galicia. Xa son 2.028 e o seu número creceu en case 600 na última década, segundo o Nomenclátor do INE, que amosa o número de persoas que viven en cada núcleo de poboación. A estes máis de dous mil núcleos deshabitados pódense engadir outros tantos que contan con apenas 1 ou 2 habitantes, o que en moitos casos supón un risco claro de abandono nos vindeiros anos, se temos en conta que en moitos casos se trata de persoas de idade avanzada.

Galicia conta cun total de 30.246 entidades singulares de poboación, case a metade de todas as que existen no Estado Español (61.674); 10.356 corresponden a núcleos e outros 20.626 están definidos como poboamentos diseminados. Porén, o 70% da poboación galega concéntrase xa no 6% do territorio do país.

Ortigueira (121), As Pontes (82), Muras (53) e Ourol (50) son os concellos con máis núcleos deshabitados. Na lista tamén destacan A Lama (48), As Somozas (47), Palas de Rei (42) e Viveiro (41)

A maior parte dos núcleos deshabitados concéntrase no norte das provincias de Lugo e A Coruña. Entre as dúas provincias suman 1.500 das 2.000 aldeas abandonadas de Galicia, con datos moi inferiores para Pontevedra e Ourense. De feito, Ortigueira (121), As Pontes (82), Muras (53) e Ourol (50) son os concellos con máis núcleos deshabitados. Na lista tamén destacan A Lama (48), As Somozas (47), Palas de Rei (42) e Viveiro (41). Ademais, Vilalba (34), A Cañiza e Friol (29), Pantón (27) e Sober (24).

Hai uns anos Carlos Neira levou a cabo un completo estudo e mapeado destes lugares. Naquela investigación, Neira salientaba que "o feito de que o tipo de hábitat dominante no surleste de Galicia sexa nucleado e non disperso, con tamaños medios de poboación maiores, reduce susbtancialmente o número de lugares e aldeas con risco de abandono nesa zona".

En todo caso, o número de aldeas abandonadas crece en todo o país: nos últimos dous anos a cifra en Lugo pasou de 795 a 838, na Coruña de 641 a 676, en Pontevedra de 258 a 321 e en Ourense de 171 a 193, rexistrando Pontevedra o aumento maior en termos proporcionais (un 24%).

Este verán, Carme Toba Trillo, da Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), publicou na rede unha reportaxe fotográfica das aldeas nas que Chano Piñeiro filmou Mamasunción e Sempre Xonxa, Baíste (Avión) e Santoalla (Petín), hoxe despoboadas. Tamén o proxecto de fotográfico de Matteo Bertolino afondou na realidade do despoboamento do rural galego. De igual xeito, en numerosas localidades puxéronse en marcha iniciativas para dotar de nova vida a espazos rurais en proceso de abandono. É o caso de Rebordechán ou da rehabilitación da aldea de Saumede, na Bola, na que participa a música Monqoup.

 

Ducias de aldeas galegas, á venda en Internet

Entre eses máis de dous mil núcleos de poboación sen habitantes, algúns deles están á venda, atopándose con facilidade ducias de ofertas en Internet. Por menos de cen mil euros pódese mercar unha aldea enteira, con varias casas, muíños e outras edificacións. Unha das webs nas que se poden atopar estes anuncios chámase directamente aldeasabandonadas.com , que neste momento ofrece 36 aldeas galegas para a súa adquisición.

Por menos de cen mil euros pódese mercar unha aldea enteira, con varias casas, muíños e outras edificacións

En coherencia cos datos do Padrón, a maior parte atópanse en Lugo (14) e A Coruña (14), con 6 en Ourense e apenas 2 en Pontevedra. Por 84.775 euros está dispoñible unha aldea completa con seis vivendas no norte da provincia de Lugo. E por 159.981 pódese adquirir unha aldea a 52 quilómetros de Lugo cun total de dez inmobles, incluídas tres vivendas e un forno de pan. Preto da cidade da Coruña está a venda por 169.500 unha aldea que inclúe catro muíños, nunha fraga moi frondosa, asegurando o anuncio que "é moi semellante aos bosques de Costa Rica"

Máis elevado (600.000 euros) é o prezo doutra aldea lucense "non lonxe do Camiño de Santiago", que inclúe a compra dun convento, un muíño e outras edificacións que suman 40.000 metros cadrados. De igual xeito, por 240.000 euros véndese na Ribeira Sacra unha aldea que mesmo conta cunha capela e cun cine con bar e 170 metros cadrados de superficie.

Aldea abandonada en Ortigueira, á venda por 125.000 euros © aldeasabandonadas.com
Aldea abandonada na Costa da Morte, á venda por 52.000 euros © aldeasabandonadas.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.