Case un milleiro de menores de 65 anos viven en residencias da terceira idade en Galicia

Unha residente nun centro da terceira idade da Xunta, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

O censo do Imserso permite completar os datos obtidos por Praza.gal sobre as persoas menores de 65 residentes en prazas sufragadas pola Xunta por ausencia de centros específicos

A principios deste 2024 Praza.gal conseguiu acceder aos datos da Consellería de Política Social sobre o número de persoas menores de 65 anos ingresadas en residencias da terceira idade públicas ou en prazas financiadas polo Goberno galego en centros privados. Eran un total de 593, segundo a información oficial que puido obter este xornal ao abeiro da lei de transparencia, a vivir nestas instalacións pola ausencia doutros centros específicos. Un ano antes, en 2022, eran case setecentas; concretamente, 696.

Nos últimos días, a publicación polo Imserso do primero censo estatal de residencias permitiu completar esta información. Con datos referidos a 2022, o rexistro estatal detectou un total de 925 menores de 65 anos vivindo nestas instalacións. Daquela, en prazas estritamente privadas serían unhas 229.

A radiografía do Imserso permite, en calquera caso, debullar máis a información para coñecer que 77 destas persoas vivían en residencias galegas 100% públicas. A suma ascende a 280 ao contar os centros residenciais públicos xestionados mediante concesións con empresas ou entidades privadas. A maioría, en calquera caso, viven en residencias de titularidade privada (417 en centros con ánimo de lucro e 228, sen el) que poden ter ou non prazas concertadas.

Duascentas persoas menores de 65 están ingresadas en centros de maiores malia non teren recoñecido ningún grao de dependencia

Dentro dese case milleiro de persoas menores de 65 anos non todas foron ingresadas en residencias da terceira idade por teren recoñecido algún grao de dependencia. É o que sucede na maioría dos casos (731 delas), pero case duascentas viven nun destes centros malia non seren recoñecidas oficialmente como persoas con situación de dependencia. A situacións coma estas vén aludindo recorrentemente o persoal das residencias para alertar, por exemplo, do ingreso de persoas con doenzas de saúde mental ou en situación de exclusión social ante a ausencia de centros públicos axeitados para acollelas.

Sete de cada dez, con máis de 80 anos

As persoas menores de 65 anos representan, en todo caso, apenas un 5% do total de poboación residente en centros da terceira idade en Galicia -case un punto máis que na media estatal-. O groso das persoas usuarias destas residencias, máis de 13.000 (un 71%) teñen máis de 80 anos e case tres cuartas partes do total teñen recoñecido algún grao de dependencia.

A desagregación dos datos por titularidade dos centros amosa ás claras o protagonismo do sector privado con ánimo de lucro na atención residencial á terceira idade en xeral e, en particular, a maiores en situación de dependencia. Non en van, o maior continxente de persoas residentes con maior grao de dependencia, o III (case 3.300) viven en centros privados con ánimo de lucro, nos que son o grupo máis abondoso.

O maior número de grandes dependentes reside en centros privados con ánimo de lucro e nos estritamente públicos son o grupo menos abondoso

Mentres, sempre segundo o censo do Imserso, nas residencias galegas totalmente públicas -tanto a nivel de titularidade como de xestión- o grupo de residentes máis abondoso é o de persoas que non teñen recoñecido ningún grao de dependencia, cun total de 800. Mentres, os grandes dependentes (grao III) son os menos numerosos, con 433 persoas en 2022.

Un volume notablemente maior de grandes dependentes reside nos centros públicos que teñen a xestión encomendada a empresas. Son algo máis de mil persoas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.