Ética xornalística e ollada de xénero: 'As mulleres que opinan son perigosas', outra volta en Pontevedra

Diana López Varela, na presentación da edición 2024 de 'As Mulleres que opinan son perigosas' © Concello de Pontevedra

A sétima, tamén. O congreso 'As mulleres que opinan son perigosas', a asentada cita anual con profesionais xornalísticas de referencia, ten xa datas e programa para este 2024. Os vindeiros 15 e 16 de marzo o Teatro Principal de Pontevedra acollerá a nova edición do encontro que impulsan as xornalistas Susana Pedreira e Diana López Varela con intervencións que abordan dende a abordaxe informativa con perspectiva de xénero de diversas cuestións ata a ética xornalística.

A vertente da ética xornalística, precisamente, centrará a intervención neste congreso da xornalista de Praza.gal Ana G. Liste, que falará no tratamento da violencia machista nos medios de comunicación na sesión inaugural da segunda xornada (sábado 16, 12h). Antes, o venres, intervirán profesionais como a guionista, podcaster e realizadora Lula Gómez ou xornalistas como Mercedes Corbillón, Jazmín Abuín, Diana Oliver ou Lucía Méndez.

Presentación da sétima edición d'As Mulleres que opinan son perigosas, este 28 de febreiro © Concello de Pontevedra

Patricia Fernández de Lis, Isabel Cadenas Cañón, Cláudia Morán, Noor Ammar Lamarty, Mariola Cubells e Olga Viza completan a nómina de convidadas a un congreso no que tamén participan as gañadoras do I Premio Opinión #MulleresQueOpinan, convocado o pasado ano, que distinguiu os traballos de Carolina Sertal e Carmen G. Magdaleno.

Ana G. Liste, xornalista de Praza.gal, será unha das relatoras da sétima edición do encontro, que se celebra en Pontevedra os vindeiros 15 e 16 de marzo

"Entender e desmontar o machismo", a opinión xornalística "dende a comedia e con retranca", as "maternidades precarias entre o privilexio e a incerteza", a importancia da perspectiva de xénero na información científica ou a importancia de "romper silencios persoais e colectivos" son algúns dos asuntos que abordarán nesta ocasión 'As mulleres que opinan' en dous días nos que tamén haberá tempo para "repensar o feminismo". Tamén terán atención especial as pioneiras no xornalismo deportivo ou o papel das profesionais de maior idade.

Na presentación da sétima edición do congreso, as súas impulsoras recibiron o apoio tanto do Concello de Pontevedra como da Deputación, que continúa apoiando o evento malia á súa mudanza de cor política tras as pasadas eleccións municipais. Neste contexto, o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, destaca que "se Pontevedra é unha cidade dinámica e referente é grazas ao talento e labor de persoas con iniciativa como Susana e Diana". "Esta iniciativa é das participantes e do público e o papel da Deputación cínguese a apoiarvos", agregou o presidente da institución provincial, Luis López.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.