O 90% da poboación de Vigo e A Coruña xa goza das vantaxes da 'cidade dos 15 minutos', por riba da media do Estado

A Rúa Barcelona, na Coruña © Concello da Coruña

O concepto da Cidade dos 15 minutos consiste nun obxectivo tan básico como que a cidadanía teña a maior parte dos servizos esenciais: atención sanitaria, centros de ensino, espazos comerciais, de ocio, zonas verdes e o propio posto de traballo a menos de 15 minutos a pé ou en bicicleta do seu fogar

A Cidade dos 15 minutos é un concepto urbanístico creado polo urbanista francocolombiano Carlos Moreno e popularizado inicialmente pola aplicacións dos seus principios en cidades como París e posteriormente en moitas outras, dende Barcelona ou Bogotá a Portland ou Melbourne. Consiste nun obxectivo tan básico como que a cidadanía poida ter a maior parte dos seus servizos esenciais: atención sanitaria, centros de ensino, espazos comerciais, de ocio, zonas verdes e o propio posto de traballo a unha distancia de menos de 15 minutos a pé ou en bicicleta do seu fogar.

Búscase así incrementar o benestar da poboación, garantir o seu acceso aos servizos públicos, reducir a necesidade de facer a diario desprazamentos longos -especialmente en coche- e consecuentemente a contaminación urbana. En definitiva un retorno a un modo de vida local, con cidades policéntricas e barrios con mellor calidade de vida, potenciando o comercio de proximidade fronte aos macrocentros comerciais do extrarradio.

Proximidade dos principais servizos na cidade de Vigo © Cityaccessmap

Un estudo de City Access Map indica que o 92% da poboación da Coruña e o 89% da de Vigo ten acceso a estes servizos de proximidade, fronte a unha media do 80% no conxunto do Estado

De forma sorprendente, unha vez que o obxectivo das cidades dos 15 minutos foi lanzado, espazos de ultradereita comezaron a difundir interpretacións que só poden ser cualificadas de delirantes nas que se dicía que a finalidade destas iniciativas era "recluír" a poboación nos seus barrios, limitando a súa liberdade para desprazarse por outras áreas e creando guettos. Análises moi semellantes das que estes mesmos sectores realizan da Axenda 2030 da ONU para o desenvolvemento sostible, que busca reducir a fame, a pobreza e a desigualdade, loitar contra o cambio climático ou garantir o acceso universal á sanidadade ou ao ensino.

En Galicia son varios os concellos que levan xa un tempo empregando o concepto de Cidade dos 15 minutos á hora de explicar o deseño das súas políticas urbanas, como A Coruña ou Pontevedra. No caso pontevedres, de feito, a cidade comezou a aplicar estas recomendacións dúas décadas antes de que o propio concepto fose lanzado, un modelo Pontevedra de cidade camiñable que tamén se exportou a moitos outros lugares e que a rede Cidades que Camiñan leva tempo impulsando.

Cidades como Pontevedra levan dúas décadas aplicando este obxectivo, moito antes de que o concepto fose lanzado

Porque a Cidade dos 15 minutos non inventa nada novo e, en moitos lugares, o que supón é un retorno a un tempo no que os coches non invadían todos os espazos, a maior parte das comprase se facían no comercio local e as crianzas xogaban na rúa. Por iso non sorprende que o recente estudo realizado por City Access Map indique que preto do 90% da poboación de Vigo e A Coruña goza xa das vantaxes deste modelo, é dicir, que ten a menos de 15 minutos a pé ou en bicicleta servizos sanitarios, centros de ensino, espazos de ocio, zonas verdes ou comercio local.

Proximidade dos principais servizos na cidade da Coruña © Cityaccessmap

Unha vez que o obxectivo das cidades dos 15 minutos foi lanzado, espazos de ultradereita comezaron a difundir delirantes interpretacións nas que se dicía que a finalidade destas iniciativas era "recluír" a poboación nos seus barrios

En concreto, a web cifra nun 92% a poboación da Coruña que goza desta proximidade de servizos e dun 89% en Vigo. Ambas as dúas cidades (as únicas galegas que forman parte deste estudo) sitúanse por riba da media do Estado, un 80%, e con datos moito mellores que os de Almería (41%), Xixón e Murcia (63%), Tarragona (65%), Las Palmas (66%), Zaragoza (74%) ou Málaga (75%). A listaxe, no Estado, está encabezada por Barcelona e Burgos, onde o 100% da poboación ten acceso a estes servizos a menos de 15 minutos.

O creador do concepto, o colombiano Carlos Moreno destaca que o importante non é a cifra exacta dos 15 minutos, senón que a poboación teña acceso a servizos no lugar no que vive

Minuto arriba, minuto abaixo, o propio Carlos Moreno ten sinalado en moitas ocasións nos últimos anos que o importante non é a cifra exacta dos 15 minutos (de feito el mesmo introduciu o concepto xemelgo do territorio da media hora para aquelas áreas, fóra das cidades, de media e baixa densidade), senón que a poboación teña acceso a servizos no lugar no que vive: "o importante no é que sexan 15 minutos nin 30 nin 12 nin 18, o importante é a proximidade (...) debemos transformar as nosas cidades e territorios para que sexan multicéntricos, para que teñan máis servizos de proximidade para todo o mundo en todas partes", como destacaca nesta entrevista en eldiario.es.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.