O Sergas encarga 50 módulos prefabricados para aloxar o persoal médico de garda durante as obras do novo CHUAC

Actual Hotel do Paciente do CHUAC no que durme o persoal médico de garda e que vai ser demolido como primeira gran actuación da ampliación do complexo CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Cada módulo metálico contará con aseo individual e aire climatizado polos que a Xunta está disposta a pagar ata 608.000 euros durante un máximo de dous anos

O Sergas vén de sacar a concurso a instalación e mantemento de 50 módulos prefabricados para substituír as habitacións do persoal médico que fai gardas no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) mentres as súas obras de ampliación non habiliten novos espazos. Ata agora ese persoal empregaba o Hotel de Pacientes, pero a súa demolición para construír novos edificios do complexo hospitalario coruñés xa está adxudicada e iso "provoca a necesidade urxente, inaprazable e imprescindible de proporcionar un novo espazo para a ubicación das habitacións dos facultativos que realizan gardas". Os módulos instalaranse no que hoxe é un aparcamento de persoal do complexo, ao oeste do mesmo.

Xustificación da contratación de 50 módulos prefabricados como aloxamento do persoal médico de garda do CHUAC CC-BY-SA Praza Pública

Segundo os pregos de condicións do concurso agora convocado, Sanidade está disposta a pagar pola instalación e mantemento dos 50 módulos ata 608.000 euros durante un máximo de dous anos (un ano prorrogable por outro), aínda que a documentación tamén sinala que o prazo de execución da nova torre polivalente que ocupará o espazo do Hotel de Pacientes e que substituirá parte das súas funcións é de 18 meses.

Cada módulo terá 6,21 metros de longo, 2,44 de ancho e unha altura libre interior mínima de 2,5 metros

Para cada módulo establécense unhas dimensións de 6,21 metros de longo, 2,44 de ancho e 3 de alto, cunha altura libre interior mínima de 2,5 metros. Serán metálicos e deberán contar con climatización e calefacción de xeito que garantan unha temperatura interior en inverno de entre 21 e 23 graos e en verán de entre 23 e 25. Tamén deberán contar con cando menos unha fiestra dun mínimo de 1,5 por 1,2 metros.

Características do 50 módulos prefabricados que servirán de aloxamento ao persoal médico de garda do CHUAC CC-BY-SA Praza Pública

O interior de cada módulo deberá contar cun aseo equipado con lavabo, ducha con mampara e inodoro. No exterior o Sergas proporá as cores e motivos dos vinilos adhesivos que os recubrirán. 

Os módulos instalaranse no que hoxe é un aparcamento de persoal do complexo

A empresa que resulte adxudicataria do contrato deberá realizar as instalacións, acometidas de servizos e o mantemento durante todo o tempo que os módulos estean en servizo. Os pregos tamén recollen diversas condicións das acometidas eléctricas, instalacións contra incendios ou iluminación.

Emprazamento dos 50 módulos prefabricados no que hoxe é aparcamento do persoal do CHUAC, ao oeste dos edificios actuais CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.