A escritora palestina Adanía Shibli e o irlandés John Banville estarán na SELIC 2024 en Santiago

Os escritores Adanía Shibli e John Banville estarán na Selic 2024 en Santiago CC-BY-SA cedidas

Do 7 ao 16 de xuño a praza da Quintana de Santiago vai encherse de propostas para todas as idades e padais literarios durante a Semana do Libro de Compostela (SELIC). O escritor irlandés John Banville, vencellado á literatura negra baixo a sinatura de Benjamin Black, e a autora palestina Adanía Shibli, recentemente censurada pola Feira do Libro de Frankfurt, participarán nesta edición.

Ademais de Banville, pasarán por Santiago relevantes nomes da literatura peninsular contemporánea tamén ligados co xénero criminal como Rosa Ribas, Miguel Barrero, João Tordo ou Bieito Iglesias. O Festival da Lectura concilia a visita de autores e autoras con proxección internacional e estatal cunha forte presenza de escritoras e escritores galegos. Diego Ameixeiras, Rosa Aneiros e O Leo de Matamá encontraranse coas lectoras e lectores na carpa da Quintana para falar dos seus últimos libros.

O Leo de Matamá, Rosa Aneiros e Jon Bilbao participarán do Festival da Lectura CC-BY-SA SELIC

'Minor detail', de Adanía Shibli, está baseada parcialmente en feitos históricos e relata a violación e o asasinato dunha nena palestina en 1949 por soldados israelís

A concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica do Concello de Santiago, Míriam Louzao, e o director do Festival da Lectura, Camilo Franco, desvelaron este martes máis incorporacións a esta edición da SELIC, cunha programación moi diversa que a separa aínda máis doutras actividades como son as feiras do libro. 

Adanía Shibli, narradora e ensaísta palestina, ten unha ampla obra que inclúe novelas, obras de teatro, contos e ensaios narrativos, publicados en numerosos idiomas en antoloxías, libros de arte e revistas literarias e culturais. As súas novelas Touch e We are all equally far from love valéronlle en dúas ocasións o Premio Escritores Mozos-Palestina da Fundación AM Qattan. Minor detail (Un detalle menor) foi nomeada ao National Book Award for Translated Literature (Nova York) e ao International Booker Prize; baseada parcialmente en feitos históricos, relata a violación e o asasinato dunha nena palestina en 1949 por soldados israelís.

O público do Festival da Lectura terá ocasión de achegarse ao desdobramento ficcional do irlandés John Banville e á súa obra máis recente 'As singularidades'

A tradución ao alemán de Un detalle menor valeulle a Shibli o Premio de Literatura co que o Ministerio de Ciencia e Arte de Hesse e o Fondo Cultural Frankfurt Rhein-Main recoñecen o traballo de escritoras do chamado "Sur Global". A súa entrega, que debía ter lugar o pasado outubro na Feria do Libro de Frankfurt, foi obxecto dunha grande polémica pois a cerimonia foi cancelada con vagas explicacións, coincidindo poucos días despois do ataque de Hamás a Israel durante a festa do Sucot. En resposta a esta decisión, máis de mil autores e intelectuais, entre eles tres premios Nobel, asinaron un manifesto contra o que consideraban unha grave situación de censura.

John Banville, considerado un dos autores vivos máis importantes en lingua inglesa, asina unha vasta obra literaria que abarca novelas como O Mar ou O Intocable. A súa prosa precisa, con toques de humor negro e ironías que rozan o sarcasmo, valeulle numerosos e importantes recoñecementos como o Premio Booker, o James Tait Black Memorial Prize, o Guardian Fiction Prize, ou o Princesa de Asturias das Letras. 

Desde 2006, Banville desenvolve unha carreira paralela no xénero negro baixo o pseudónimo de Benjamin Black. Libros como O segredo de Chistine, Morte en verán ou Ordes sagradas son algúns dos seus títulos máis populares, protagonizados por Quirke, un médico forense con problemas co alcol tras a morte da súa muller. O público do Festival da Lectura terá ocasión de achegarse ao desdobramento ficcional deste autor, así como aos intersticios desta densa e celebrada obra que ten en As singularidades o seu expoñente máis recente, e segundo o propio Banville ten advertido, talvez a súa derradeira obra de ficción.

O espazo da SELIC na praza da Quintana, na edición de 2023 CC-BY-SA SELIC

Jon Bilbao achegará aos lectores e lectoras a súa última obra, 'Araña', na que asina a segunda parte dunha triloxía que iniciaba 'Basilisco'

Conversas, debates, sinaturas de libros, obradoiros e paseos. A programación completa da SELIC irá desvelándose a medida que se achegue o 7 de xuño, pero desde a organización destacan que esta edición conta cunha "potente programación". Na súa aposta polo xénero negro a través da SELIC Criminal, contará coa visita de Miguel Barrero, actual director da Semana Negra de Xixón, que participará nun encontro de directores de eventos de literatura policial. O escritor aproveitará igualmente para presentar a súa última novela, La otra orilla.

Do western ao caso Scala

O asturiano Jon Bilbao, guionista de TV e tradutor alén de escritor, é outro dos nomes que festexará a lectura en Compostela. Autor de libros de contos como Bajo el influjo del cometa (Premio Tigre Juan e Premio Euskadi de Literatura), achegará aos lectores e lectoras a súa última obra, Araña, na que asina a segunda parte dunha triloxía que iniciaba Basilisco, unha das súas obras máis aclamadas por público e crítica, e que tivo na nouvelle Los Extraños unha sorte de spin off. Nesta nova colección de historias, que alternan pasado e presente, ficción e realidade, o western de fronteira e a vida cotiá en Ribadesella, o escritor demostra a súa mestría como narrador e o seu dominio sobre o xénero do relato.

Rosa Aneiros falará de 'A noite das cebolas', Diego Ameixeiras de 'Un anarquista' e O Leo de Matamá do poemario 'Libre de libro'

O Festival da Lectura virá, así mesmo, cargado dunha chea de novidades editoriais do máis variado do panorama galego. Así, a xornalista e escritora Rosa Aneiros pasará pola SELIC coa súa última novela: A noite das cebolas, editada por Xerais. A súa protagonista afronta o cancro e a morte dun ser querido refuxiándose nun faro, onde a golpeará toda a potencia do inesperado. Escrita co inconfundible pouso de lirismo que lle valeu á autora o Premio Xerais por Sol de Inverno, trátase dunha novela optimista sobre unha muller que atopa, onde menos o agarda, un motivo e un motor para vivir intensamente ata o final.

A SELIC mantén a súa habitual aposta pola poesía cunha chea de propostas singulares. Leonardo Fernández Campos asume, entre as súas múltiplas personalidades musicais e literarias, a do Leo de Matamá para levar á Quintana o seu Libre de libro, un poemario editado por Chan da Polvora. Tamén visitará a Quintana Diego Ameixeiras para debullar Un anarquista (Xerais). Nesta novela, o autor do galardoado O cervo e a sombra (Premio Nacional da Crítica, Premio Follas Novas, finalista do Premio Hammett), trasládanos á Barcelona de finais dos anos 70, unha cidade disposta a pisar o acelerador da historia. O militante libertario Miguel Duarte, nun renacemento do movemento anarquista fronte aos consensos da Transición, verase envolto no caso Scala, que Ameixeiras explora entre a ficción e a crónica histórica preguntándose quen era esta personaxe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.