A familia Franco afirmou residir na Casa Cornide para evitar abrila ao público como esixe a lei

Fachada principal da Casa Cornide, na Coruña © Xunta

A familia Franco buscou acollerse a unha excepción para evitar cumprir coa súa obriga de abrir a Casa Cornide ao público, sinalando que os descendentes do ditador residen no inmoble de forma "temporal"

A Lei de Patrimonio Cultural de Galicia indica que os propietarios dos Bens de Interese Cultural -como a Casa Cornide- "permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día". A norma introduce algunhas excepcións e limitacións a esta obriga, entre as que figuran os casos en que o BIC é un inmoble que constitúe un domicilio no que reside habitualmente unha persoa. A familia Franco buscou acollerse a esta excepción para evitar cumprir coa súa obriga de abrir a Casa Cornide ao público, sinalando que os descendentes do ditador residen no inmoble de forma "temporal".

Porén, a Consellaría de Cultura rexeitou por completo a solitude de exención, xa que “á vista do informe emitido por técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural" o inmoble está practicamente "baleiro de mobles", polo que "non parece probable que sexa o domicilio particular dos seus propietarios”. A Xunta indica, iso si, que a zona “dedicada á vivienda dos gardeses” si queda exenta da apertura ao público obrigada pola condición de BIC. A declaración da Case Cornide como Ben de Interese Cultural é firme dende finais do pasado ano 2023.

Marcha pola recuperación da Casa Cornide © XSG

A Consellaría de Cultura rexeitou por completo a solitude de exención, xa que “á vista do informe emitido por técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural" o inmoble está practicamente "baleiro de mobles", polo que "non parece probable que sexa o domicilio particular dos seus propietarios”

De feito, en decembro do ano 2020 puido verse unha furgoneta retirando mobiliario do edificio xusto antes do inicio do proceso para que os Franco devolvan o inmoble. Nos meses seguintes bens "de gran valor" ligados á Casa Cornide apareceron no mercado de antigüidades.

A comunicación remitida pola Concellaría de Cultura informa, en todo caso, de que de "no momento en que a situación varíe", é dicir, cando "pase a ser domicilio particular dalgún dos seus propietarios ou dalgún arrendatario, poderá ser dispensado total ou parcialmente da obriga de visita pública gratuita”.

O Concello da Coruña inicia o proceso para recuperar o edificio

O pleno municipal da Coruña aprobou por unanimidade unha proposta para revisar os acordos plenarios do ano 1962 que supuxeron a usurpación da Casa Cornide por parte da familia Franco

Este xoves, coincidindo coa comunicación da Xunta aos herdeiros do ditador, o pleno municipal da Coruña aprobou por unanimidade -cos votos de PSdeG, PP e BNG- unha proposta para revisar os acordos plenarios do ano 1962 que supuxeron a usurpación da Casa Cornide por parte da familia Franco. Unha vez que se aprobou no Pleno, o Goberno municipal contará cun prazo de seis meses para resolver a revisión de oficio dos acordos plenarios correspondentes ao ano 1962. 

Pazo de María Pita © Concello da Coruña

Esta medida supón, na práctica, que o Concello inicia oficialmente os trámites para recuperar este edificio histórico da Cidade Vella, co obxectivo de devolvelo ao patrimonio municipal

Esta medida supón, na práctica, que o Concello inicia oficialmente os trámites para recuperar este edificio histórico da Cidade Vella, co obxectivo de devolvelo ao patrimonio municipal. O informe xurídico encargado polo Concello para reclamar a Casa Cornide estima que "houbo, naquel entón, un incumprimento dos requisitos e leis vixentes na transacción que lle permitiu aos Franco usurpar un ben que pertence á cidadanía da Coruña”, sinalou o concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, responsable tamén da área de Memoria Democrática.

O Goberno municipal busca anular dúas decisións: o alleamento da propiedade municipal que se aprobou o 3 de xullo de 1962 e a adxudicación en poxa da Casa Cornide aprobada o 2 de agosto dese mesmo ano

O Concello xa instou ao Ministerio de Educación e ao Ministerio de Facenda a realizar unha revisión de oficio da permuta feita no seu día. Desta forma, o Goberno municipal busca anular dúas decisións: o alleamento da propiedade municipal que se aprobou o 3 de xullo de 1962 e a adxudicación en poxa da Casa Cornide aprobada o 2 de agosto dese mesmo ano. Castro sinala en que “estes dous pasos administrativos incorreron en ilegalidades claras” co obxectivo de “facilitar que a familia dun ditador obtivese a Casa Cornide como un agasallo”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.