'Grândola, vila morena' volve onde o cantou o Zeca en Compostela cun coro cidadán 50 anos despois da revolución

Participantes no canto colectivo do 'Grândola, vila morena', este 25 de abril en Santiago © Santiago de Compostela

O canto colectivo celebrouse na contorna do Burgo das Nacións, onde o Zeca interpretou o Grândola en 1972

O 10 de maio de 1972 centos de estudantes, moitos activamente implicados na loita antifranquista, escoitaron a José Afonso nun concerto en Santiago. Celebrouse no vello Burgo das Nacións, no recinto que hoxe comparten a residencia de estudantes homónima e o Auditorio de Galicia, e nel exerceu de presentador quen tres décadas despois sería presidente, Emilio Pérez Touriño, na altura un mozo representante do estudantado de Económicas.

Canto colectivo do 'Grândola, vila morena' en Santiago, este 25 de abril de 2024 CC BY-NC-SA Imaxe: Concello de Santiago / Cedida | Edición: Praza.gal

Foi alí onde o Zeca interpretou o Grândola Vila Morena, segundo moitas fontes, por primeira vez en público. Segundo outras, por segunda vez, xa que soara antes nun festival en València. Sexa como for, o certo é que o que en 1974 acabaría sendo himno e símbolo da Revolução dos Cravos -por actuar como sinal definitivo do levantamento contra a ditadura a través da Rádio Renascença- soou antes en Galicia. E iso foi o que lembrou un simbólico coro cidadán este 25 de abril de 2024 na actual praza Música en Compostela da capital galega.

Goretti Sanmartín: "Celebramos os 50 anos dunha revolución sen disparos, pacífica e con dous símbolos: o cravo vermello e unha canción"

No marco do programa de actos impulsado polo Concello de Santiago para conmemorar, centos de persoas desafiaron a chuvia para, baixo a dirección de Ramón Bermejo (O Coro da Ra), cantar colectivamente o Grândola. O acto foi introducido pola alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, que visiblemente emocionada agradeceu a asistencia de "tantas persoas" para "celebrarmos os 50 anos dunha revolución" que "derrocou" unha ditadura "sen disparos, de maneira pacífica e con dous símbolos: ese cravo vermello que portamos hoxe e unha canción"

Sanmartín evocou tamén a "forza movemento estudantil" en Santiago durante o tardofranquismo, nos tempos do histórico concerto do Burgo. "25 de abril, sempre!", alentou para dar paso á interpretación colectiva. Xunto á veciñanza cantou tamén a propia rexedora, así como outros membros do goberno local (BNG-CA) e do grupo municipal do PSdeG e representantes de entidades da cidade como o reitor da USC, Antonio López.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, cantando o 'Grândola' xunto aos edís do goberno local Manuel Cesar e Míriam Louzao e a concelleira socialista Mercedes Rosón © Concello de Santiago

A Coruña, Vigo e Pontevedra acolleron tamén cantos colectivos do 'Grândola, vila morena' este 25 de abril

Escasos minutos despois, o acontecido en Santiago xa emocionaba tamén a través das redes sociais. As gravacións, profesionais ou afeccionadas, foron aplaudidas dende ambas beiras do Miño. O programa de actos continuou despois co concerto 50 anos de abril, promovido pola Associação José Afonso en Galiza co apoio do Concello e mais da Deputación da Coruña.

Os cantos colectivos do Grândola, vila morena, celebráronse tamén este 25 de abril noutras cidades galegas. Foi o caso da Coruña, con centos de persoas respondendo ao convite da Asociación Cultural Alexandre Bóveda; en Pontevedra, da man do Ateneo. Tamén houbo canto colectivo en Vigo malia á chuvia por impulso da asociación A Madriña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.