"O do Xabarín non é nostalxia, é cabreo. É moita a xente que di: 'de rapaz tiven unha oportunidade que hoxe os meus fillos non teñen'"

Suso Iglesias © Cedida

Ás seis da tarde do 18 de abril de 1994, hai hoxe 30 anos, comezou a emitirse na TVG o Xabarín Club, o programa infantil e xuvenil que marcou unha época no país e que deixou unha pegada imborrable en toda unha xeración de galegos e galegas, especialmente as que naceron entre 1975 e 1995 e que hoxe andan entre os trinta e os cincuenta anos

Ás seis da tarde do 18 de abril de 1994, hai hoxe 30 anos, comezou a emitirse na TVG o Xabarín Club, o programa infantil e xuvenil que marcou unha época no país coas súas series, cancións e os seus carnés de socio e socia, que chegaron a ser máis de cen mil neses primeiros anos. O Xabarín deixou unha pegada imborrable en toda unha xeración de galegos e galegas, especialmente as que naceron entre 1975 e 1995 e que hoxe andan entre os trinta e os cincuenta anos. 

O Xabarín atravesou posteriormente etapas moi distintas e -cómpre lembralo- segue a existir, agora mesmo cun espazo web para poder ver os contidos en calquera dispositivo e en calquera momento. Iso si, con menos recursos e menos ambición que o programa orixinal e un impacto social moito menor, en tempos de gran fragmentación.

Detrás do nacemento do Xabarín houbo moitas persoas, un equipo que foi responsable do contedor nos seus primeiros anos. Entre estes nomes propios destaca un, o de Suso Iglesias (con quen xa conversamos hai uns anos), responsable do programa nos seus inicios e posteriormente director da TVG entre o 2005 e 2009 e director de estratexias de contidos de Telecinco entre 2009 e 2010. Falamos con el sobre os inicios do Xabarín e a programación infantil na actualidade.

Como nace o programa? Quen tivo a iniciativa?

O programa naceu como un encargo de José Francisco Rodil, daquela director da TVG, que nos pediu que fixéramos un contedor de contidos infantís para as tardes, imitando un pouco o Super3 que uns meses antes lanzara TV3. O obxectivo era unir nun único espazo contidos de animación que xa estaban na programación e, ademais, ligado á idea dun club social. Eramos un equipo que nese momento estabamos traballando nun concurso diario sobre o Camiño de Santiago, 'Pasiño a pasiño', que presentaba Manolo Romón e que tiña moito éxito entre a rapazada. 

Suso Iglesias co guionista Carlos Portela, o "doutor TNT" do Xabarín © Cedida

"Entre Gonzalo Pintos e eu barallamos a idea de que a mascota fose un porco, pero non o tiñamos moi claro. Entón tivemos unha xuntanza con Miguelanxo Prado, a quen xa lle encargáramos a imaxe do programa, e el propuxo que fose un porco bravo, un xabarín. E aí, nesa mesa, fixo un debuxiño do personaxe, que máis ou menos era xa o que despois coñecemos"

Falemos de nomes. Quen estaba no equipo co que comezou o Xabarín?

Un programa de televisión faise con moita xente. Neses inicios estaban Gonzalo Pintos e Ricardo Llovo, en realización. Estaba Javier Viana, que era o célebre 'Inspector Tomé', estaba Manolo Romón, estaba José Antonio Domelo, que se encargaba do club; estaba tamén Antonio Blanco Toñito, que morreu poucos meses despois..., despois incorporouse Alberto Casal e Carlos Portela, o Doutor TNT. Na televisión hai moito traballo colectivo e colaboras con moitas persoas: ao noso lado facíase o Luar e por exemplo sempre coincidiamos con Xurxo Souto, o que facilitou a colaboración que tivemos despois cos Diplomáticos e cou outros grupos.

Ese primeiro Xabarín de abril de 1994 non era aínda o que coñecemos nos anos seguintes. Aínda non estaban as cancións, por exemplo, e outras cousas que foron collendo forma xa cando o programa se consolida, non si?

O programa naceu cunha certa precariedade e houbo que inventalo todo. Aínda que nun comezo estaba previsto que comezásemos en outono, co inicio da nova tempada, ao final todo se adiantou a abril. Houbo que seleccionar as series que nos interesaban, o tipo de realización, a imaxe, desenvolver o club social... Entre Gonzalo Pintos e eu barallamos a idea de que a mascota fose un porco, pero non o tiñamos moi claro. Entón tivemos unha xuntanza con Miguelanxo Prado, a quen xa lle encargáramos a imaxe do programa, e el propuxo que fose un porco bravo, un xabarín. E aí, nesa mesa, fixo un debuxiño do personaxe, que máis ou menos era xa o que despois coñecemos.

"Había unha serie de muppets, de Canadá, chamada Chicken minute, que aquí se traducira como 'A banda do galiñeiro', que incluía cancións polo medio. E pedímoslle a Xurxo Souto que os Diplomáticos fixesen unha versión dunha das cancións, que foi o Xa vén o xabarín, que foi a primeira canción do programa, en xuño de 1994"

E como se inclúen as cancións? Estaban no proxecto dende o inicio?

Cando comezou o programa, que como che digo se iniciou con certa precariedade, non tiñamos practicamente nin cabeceira, nin cortinillas. Entón, encargamos a Julián Hernández, de Siniestro, que fixese a sintonía, que iría cunha letra de Manolo Romón. Coincidiu que nese momento había unha serie de muppets, de Canadá, chamada Chicken minute, que aquí se traducira como 'A banda do galiñeiro', que incluía cancións polo medio, e cancións moi boas, cun estilo cajún. E pedímoslle a Xurxo Souto que os Diplomáticos fixesen unha versión dunha das cancións, que foi o Xa vén o xabarín, que foi a primeira canción do programa, en xuño de 1994. Gustounos moito e tivo moito éxito e entón comezamos a encargar cancións, que comezaron a chegar cara ao Nadal dese ano. Nós queríamos que o Xabarín tivese música, que era algo que os outros clubs, coma o Super3, non tiñan.

Os que estabamos no equipo do programa tiñamos contacto con moitos grupos, por diversos motivos e aí fomos facendo contactos. Ás veces foi algo casual, como por exemplo con Aerolíneas Federales; no estudio Fusión, onde gravabamos as cancións, tamén gravaba Aerolíneas, que xusto se disolveran, pero deixaran gravadas alí unhas cancións que de casualidade escoitamos e parecéranos xeniais, así que lles pedimos unha versión en galego. E así naceu o Non todo é o que parece e outras.

Despois apostamos moito por este tema. Graváronse máis de 100 cancións e decidimos que había que editalas tamén en discos, para que a xente puidese escoitalas e que os grupos tivesen difusión. Neses tempos a xente chamábanos desesperada para preguntar onde podían conseguir as cancións. Os discos vendiámolos moi baratos, co prezo xusto para que o proxecto se financiase só.

"Sempre tivemos moi claro que á hora de dirixirse aos rapaces había que falarlles de forma normal, sen impostar a voz, cunha linguaxe coloquial, de ti a ti. Isto ademais, sumouse ao feito de que as series que puñamos tiñan un público non tan infantil, polo que o ton do programa tiña que ser axeitado para todos, grandes e pequenos"

Penso que a clave principal do éxito do Xabarín é que trataba os nenos e nenas como seres intelixentes, sen paternalismos...

Sempre tivemos moi claro que á hora de dirixirse aos chavales había que falarlles de forma normal, sen impostar a voz, cunha linguaxe coloquial, de ti a ti. Isto ademais, sumouse ao feito de que as series que puñamos tiñan un público non tan infantil, polo que o ton do programa tiña que ser axeitado para todos, grandes e pequenos. Os nenos son seres intelixentes, que están afeitos a escoitar na mesa as conversas dos adultos e que as entenden.

Outra das claves do éxito do Xabarín foi a calidade das súas series. Como podíades acceder nese momento a produtos como As bólas máxicas?

A comezos dos anos 90 eran un tempo no que estaba establecido nas cadeas públicas que a hora da merenda era a hora da rapazada. Era un espazo reservado para eles, cunha vocación de servizo público, porque só tiñas unha canle ou dúas. A FORTA tivo acceso ás series xaponesas, que xa estaban a ter moito éxito en Francia. Comezaron a emitirse primeiro en TV3 e despois estendéronse ás demais. E a vantaxe é que a través da FORTA as compras de series eran conxuntas, o que nos permitía competir coas outras cadeas.

Deste xeito, as televisións da FORTA tiñan a exclusiva da animación máis rompedora, que viña de Xapón, coas series de Akira Toriyama, o creador de Son Goku, de Doraemon, de Arale... En realidade, estas series foran descartadas por TVE como un produto residual, e o feito é que despois tiveron moitísimo éxito. A idea de incluílos nun programa propio tamén buscaba galeguizalos un pouco, traelos ao noso territorio.

"As televisións da FORTA tiñan a exclusiva da animación máis rompedora, que viña de Xapón, coas series de Akira Toriyama. En realidade, estas series foran descartadas por TVE como un produto residual, e o feito é que despois tiveron moitísimo éxito"

A entrada das privadas cambiou moito o panorama, porque se comezou a primar a audiencia e a loita pola publicidade. Nese momento, as cadeas comezaron a ver que a programación infantil non lles era rendible, porque se acumulaba unha audiencia que despois non ía ver os contidos seguintes, comezando polos informativos. E comezouse a primar unha programación pensada para adultos polas tardes, especialmente mulleres maiores, polo que aparecen os magazines.

 

Despois está a cuestión da lingua, co impacto que tivo nesta xeración, tanto os que vivían en contornas galegofalantes coma sobre todo os que vivían en espazos nos que só se falaba castelán. Como valoras o efecto que tivo?

O tema da lingua é moi distinto como o percibiamos nese momento e como o percibimos agora, polo efecto que creou. A sorte que tiñamos é que, ao estar na TVG, non tiñas que estar xustificando cada minuto por que facías un contido en galego. E a sorte, ademais, é que te dirixías a rapaces, que sempre teñen menos prexuízos que os adultos, aos que nese tempo si que lles escoitabas críticas ou bromas sobre as dobraxes en galego. Os nenos non, eles reciben todo de forma máis natural.

"A sorte que tiñamos é que, ao estar na TVG, non tiñas que estar xustificando cada minuto por que facías un contido en galego. E a sorte, ademais, é que te dirixías a rapaces, que sempre teñen menos prexuízos que os adultos, aos que nese tempo si que lles escoitabas críticas ou bromas sobre as dobraxes en galego. Os nenos non, eles reciben todo de forma natural"

A televisión cambiou moito en 30 anos, especialmente na forma en que as crianzas acceden aos contidos: de forma fragmentada, online, sen uns horarios establecidos. Como debería ser hoxe un programa como o Xabarín para repetir o éxito e o impacto que tivo nese momento?

Máis que a televisión en si, cambiou moito a forma de consumir televisión, cambiou a tecnoloxía, pero non tanto os contidos. Agora podes ver calquera contido a calquera momento do día. Todos eses elementos hai que consideralos á hora de deseñar unha emisión, se queres chamala así, que pase a ser importante para o público infantil no teu territorio. O Xabarín segue aí, nunca deixou de existir, pero a realidade é que non ten recursos para facer espazos propios ou acceder a mellores contidos. A realidade do mercado publicitario fixo imposible manter a programación infantil polas tardes nas cadeas xeralistas, as segundas canles e a TDT apareceron entón como alternativa. 

Como conseguir hoxe un Xabarín que tivese o mesmo impacto que tivo nos primeiros anos? É difícil, no éxito do Xabarín do comezo influíu tamén un marketing moi exitoso e uns contidos moi competitivos, aos que hoxe é moi difícil acceder. O problema é, sobre todo, de diñeiro, hai que investir no programa para que teña éxito. Nós fixemos o programa mentres puidemos e mentres nos deixaron.

"Como conseguir hoxe un Xabarín que tivese o mesmo impacto? O problema é, sobre todo, de diñeiro, hai que investir no programa para que teña éxito"

Polo tanto, ao final, a clave de todo é o diñeiro, os recursos cos que contes. Nos anos 90 tiñas moitos cartos para facer cousas. Había, por exemplo, unha partida económica moi importante para normalización lingüística, que se dedicaba sobre todo á programación infantil. Cando comezou o Xabarín en 1994 a idea era facer un bo produto, non se buscaba a promoción lingüística, que era algo que chegou de forma natural. Agora si que este sería un obxectivo primordial, tendo en conta a fragmentación de ventás que hai e que case ningunha delas está en galego.

"A min tenme dito alguén que con isto do Xabarín se foi creando unha idea un pouco falsa, que non tivo tanta importancia, que o fenómeno é só unha cuestión de nostalxia duns poucos, sobre todo algúns xornalistas. Pero eu si que vexo que hai moitísima xente que neses anos era neno ou adolescente que bota de menos o programa e as cancións daquela época seguen soando por aí"

Como estás asistindo nos últimos anos a esta demanda crecente de recuperación do vello Xabarín?

A min tenme dito alguén que con isto do Xabarín se foi creando unha idea un pouco falsa, que non tivo tanta importancia, que o fenómeno é só unha cuestión de nostalxia duns poucos, sobre todo entre algúns xornalistas. Pero eu si que vexo que hai moitísima xente que neses anos era neno ou adolescente que bota de menos o programa e as cancións daquela época seguen soando por aí. Iso non é nostalxia, é cabreo. Hai moitos nenos e nenas do Xabarín que hoxe son pais e nais que din: de rapaz tiven unha oportunidade que agora os meus fillos non teñen.

Ás veces, cando sucede un fenómeno deste tipo, teñen que pasar os anos para que te decates da importancia que tivo aquilo, mesmo cando estiveches dentro. A min pasoume hai algo máis dunha década, cando traballaba en Mediaset, que me coincidiu de estar nun concerto de Siniestro en Madrid e vin unhas rapazas que querían entrar na sala amosando o seu carné de socias do Xabarín.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.