O Eixo Atlántico acorda colaborar con institucións cubanas a través da 'Oficina do Historiador' da Habana

Ricardo Rio e Xoán Vázquez Mao con Perla Rosales Aguirreurreta, directora xeral da Oficina do Historiador da cidade da Habana © Eixo Atlántico

O presidente do Eixo Atlántico, Ricardo Rio, e o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, reuníronse con autoridades cubanas e institucións europeas para impulsar proxectos conxuntos de cooperación ao desenvolvemento

O pasado mes de xullo unha delegación da Oficina do Historiador da Habana, entidade responsable da recuperación e a restauración da Habana Vella, visitaron varias cidades do Eixo Atlántico. Agora, a institución que agrupa urbes galegas e do norte de Portugal vén de devolver aquela visita, cun encontro na capital cubana no que o presidente do Eixo Atlántico, Ricardo Rio, e o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, se reuníron con autoridades cubanas e institucións europeas para impulsar proxectos conxuntos de cooperación ao desenvolvemento.

Durante a visita oficial, asinouse un protocolo de colaboración coa Oficina do Historiador para impulsar proxectos de desenvolvemento e intercambios entre as cidades do Eixo Atlántico e institucións da Habana.

A axenda de tres días incluíu reunións co Ministerio de Comercio e o Investimento Estranxeiro, a gobernadora da Habana, o Consello de Administración Municipal da Habana Vella e o presidente da Asemblea Municipal da Habana, entre outros dirixentes. Tamén visitaron os proxectos financiados con fondos europeos na capital cubana. A axenda incluíu, así mesmo, reunións coa delegación da Unión Europea en Cuba, o coordinador xeral da Cooperación Española en Cuba e co embaixador de Portugal.

Ricardo Rio e Xoán Vázquez Mao con Yanet Hernández, gobernadora da Habana © Eixo Atlántico

Proponse un intercambio no ámbito da contribución da recuperación da Habana Vella, e no desenvolvemento das actuacións contidas na mesma: sustentabilidade, mobilidade, descarbonización, economía e cohesión social

O proxecto que o Eixo Atlántico está a liderar na fronteira de Brasil con Uruguai dende hai tres anos e que supuxo a creación da primeira Axenda Urbana Transfronteiriza de Mercosur foi referencia en América Latina. Deste xeito, países como Cuba ou Arxentina propuxeron asociarse co Eixo Atlántico en proxectos de cooperación ao desenvolvemento.

No caso de Cuba, coa que existe un vínculo histórico especial para Galicia, exponse un intercambio tanto no ámbito da contribución da recuperación da Habana Vella, como ao desenvolvemento e das actuacións contidas na mesma: sustentabilidade, mobilidade, descarbonización, economía e cohesión social.

Galicia e o Norte de Portugal, valedores de Cuba ante a Unión Europea

En opinión do secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, Galicia e o Norte de Portugal deben de ser valedores de Cuba ante a Unión Europea para favorecer o desenvolvemento social e económico

En opinión do secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, Galicia e o Norte de Portugal deben de ser valedores de Cuba ante a Unión Europea para favorecer o desenvolvemento social e económico. “O elevado nivel dos nosos investigadores e expertos, e o avanzado nivel tecnolóxico das empresas do Norte de Portugal e Galicia, avalado polo seu alto índice exportador, constitúe recursos de primeiro nivel que deben de implicarse no desenvolvemento futuro de Cuba”, engadiu.

Así mesmo, o Eixo Atlatico destaca que Cuba "é un país que soubo sobrevivir en circunstancias adversas e que alcanzou un elevado nivel en áreas tan sensibles como a sanidade, a educación ou a cultura, áreas nas que tamén poden achegar o seu coñecemento as cidades do Eixo". Como primeiros resultado destas viaxes, propúxose á Comisión Europea e á Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) un proxecto de cooperación financiado por fondos da Unión Europea e que será presentado nos próximos meses.

“O elevado nivel dos nosos investigadores e expertos, e o avanzado nivel tecnolóxico das empresas do Norte de Portugal e Galicia, avalado polo seu alto índice exportador, constitúe recursos de primeiro nivel que deben de implicarse no desenvolvemento futuro de Cuba”

Cuba vén sufrindo desde hai máis de 50 anos un bloqueo que afecta gravemente á súa economía e, por tanto, aos recursos necesarios para a recuperación de centros históricos ou ao desenvolvemento de políticas impulsadas por organizacións internacionais tan necesarias como custosas. 

En calquera caso, o ámbito de colaboración establece a idoneidade "de ir avanzando políticas conxuntas de desenvolvemento que axuden a preparar a Cuba para afrontar os desafíos nunha etapa nova cando desapareza o bloqueo e os vetos existentes", destaca o Eixo Atlántico.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.