Brutal e violento Nadal na Coruña. Dos relatos confusos á transparencia institucional

O corpo do mozo falecido o pasado 24 de decembro, nunha céntrica rúa da Coruña © Imaxe TVG

O Nadal de 2023 na cidade pasará á historia como un Nadal de morte e brutalidade nunha cidade como a Coruña, onde non soen acontecer feitos desa relevancia. A Coruña é unha cidade segura, iso indican os datos e tamén a percepción da súa cidadanía. Tiven a sorte de analizar a percepción da seguridade na cidade para o meu TFG en setembro deste mesmo ano, e tanto os datos obxectivos como as percepcións da cidadanía asi o demostran.

Esta fin de semana alguén matou a Yoel, no centro da cidade e con presenza de ollos e cámaras, feito que está a ter avances recentes en forma de detencións. Este Nadal tamén alguén matou a Henry C., foi un policía nacional, nunha fuxida por un polígono industrial, sen testemuñas

Poucos pero graves son os casos onde persoas perden a vida de forma violenta na Coruña da man de outras, non podo deixar de lembrar a aquelas mulleres asasinadas pola violencia machista, ou a Samuel Luiz vítima da LGTBIfobia. Cada morte violenta é un fracaso da nosa sociedade, e non deixan de ser importantes por ser cuantitativamente poucas.

Esta fin de semana alguén matou a Yoel, no centro da cidade e con presenza de ollos e cámaras, feito que está a ter avances recentes en forma de detencións. Este Nadal tamén alguén matou a Henry C., foi un policía nacional, nunha fuxida por un polígono industrial, sen testemuñas. Chegounos o relato a través dos medios, ese día non había prensa escrita, os dixitais debuxaron a un superhome cunha enorme barra de metal ao que non lle facían efecto nin a Táser nin as primeiras balas que impactaron no seu enorme corpo. Nese relato, este superhome só producira danos materiais previamente á súa persecución e era un delincuente consolidado segundo declaracións de policías que logo foron desmentidos pola súa nai. Os relatos posteriores foron afinando a versión cara unha definición mais próxima á lexítima defensa do policía que disparou.

Non vou valorar aquí se foi ou non desproporcionada a intervención policial, porque faltan datos, e moito coñecemento, tamén faltan protocolos actualizados, e medios, pero o que si afirmo é que pode evitarse que aconteza de novo, e gran parte dos esforzos deben ir dirixidos a ese fin.

Axentes da Policía Nacional no lugar dos feitos, no polígono da Agrela © Imaxe TVG

Non vou valorar aquí se foi ou non desproporcionada a intervención policial, porque faltan datos, e moito coñecemento, tamén faltan protocolos actualizados, e medios, pero o que si afirmo é que pode evitarse que aconteza de novo, e gran parte dos esforzos deben ir dirixidos a ese fin

Un caso así debe servir para reflexionar sobre moitas cousas. Como sociedade debemos tomar conciencia dos camiños que tomamos, ou os que se toman no noso nome, co noso coñecemento ou sen el, pero coa nosa complicidade, temos que ser capaces de saber se estamos de acordo en como se fan as cousas, e sabelo supón tomar posicións informadas e racionais. Para ser unha sociedade informada temos que distinguir as fontes das que flúe a información, e temos que esixir transparencia por parte das institucións, porque cando un funcionario público mata a unha persoa a administración é tamén responsable. Faltou unha rolda de prensa inmediata ante un feito de tal magnitude, unha declaración que resituara o relato confuso que estabamos lendo nos medios, era a súa responsabilidade.

Tamén precisamos saber, dun ou outro xeito, en que consiste a proporcionalidade das actuacións policiais e como se xestiona isto dende a administración competente. Saber que cando se produce unha morte violenta na que actúa un policía, ese funcionario e o corpo ao que pertence teñen que responder á activación de protocolos e, polo tanto, temos que saber cales son eses protocolos, dende cando non se actualizan ou cal é a xurisprudencia que os completa, porque podemos atoparnos sorpresas que esixen actualizacións e melloras neles. Deberíamos saber de que medios se dispón para evitar estes desenlaces, saber onde está o peso probatorio… todo isto serve para valorar e tomar posicións de cara aos órganos responsables da resolución por vía xudicial e administrativa.

Están xurdindo comunicados categóricos de sectores tanto policiais como sociais con relatos enfrontados que pouco axudan a construír un outro crible e sostible para a cidadanía. A dúbida sobre o que aconteceu na Grela o día de Nadal pola mañá sempre vai quedar, á marxe de como se solucione xudicial e administrativamente o caso

Se nestes días preguntara o dato mais relevante co que quedou cada persoa que le estas liñas en cada un dos casos, sen pensar e cunha resposta rápida, seguramente sairía a orixe peruana ou cubana das vítimas, neste caso ambos cidadáns españois racializados, ou outros datos que, dende a transparencia que debeu producirse dende a administración, non se terían comunicado por ser irrelevantes ou non estar comprobados nos feitos acontecidos.

Estes días completouse o relato dos medios cunha reportaxe e as declaracións da nai da vítima sobre a saúde mental do seu fillo e como ela cre que se podería ter evitado a súa morte. Se foramos esa sociedade informada, ler sobre esquizofrenia non reforzaría esa idea da enorme agresividade do xigante negro e tolo. O titular fala do fallo do sistema ante unha persoa cunha saúde feble, unha vez máis revitimiza a Henry e, unha vez mais, nos preguntamos por protocolos policiais ante situación con persoas con enfermidade mental.

A evolución da información manexada polos medios e as reaccións en RRSS está facendo modificacións constantes ata en artigos escritos o propio día de Nadal nalgúns tabloides, porque eran falsos ou están sendo refutados coas novas achegas, informacións que xa calaron na opinión pública, difíciles de desmontar logo. Algúns medios desinforman mentres seguimos sen un relato oficial. Estaría ben telo entre tanta especulación, aínda que estea cheo de incógnitas; saber que os nosos e as nosas xestoras públicas son conscientes das incógnitas por resolver e as deixan en mans de quen ten a función de resolvelas, xera seguridade aínda que pareza o contrario.

Están xurdindo comunicados categóricos de sectores tanto policiais como sociais con relatos enfrontados que pouco axudan a construír un outro crible e sostible para a cidadanía. A dúbida sobre o que aconteceu na Grela o día de Nadal pola mañá sempre vai quedar, á marxe de como se solucione xudicial e administrativamente o caso. A dúbida vai quedar non só para todas as persoas que cuestionan a proporcionalidade da acción policial, senón tamén para o propio corpo da Policía Nacional que, polo que estamos vendo, e tal e como se esperaba deles, pechan filas ante un feito que apenas presenciaron os participantes da intervención e o xustifican falando da carencia de medios. A que se refiren? a medios humanos, que, efectivamente, pode ser que falten, pero tamén materiais, en todo caso, sempre hai que actuar en consecuencia cos medios cos que se conta.

Sobre os medios materiais sabemos que, a Policía Nacional da Coruña dispón de pistolas Táser, armas que, como todas, deben ser usadas con moita destreza e coñecemento polo seu funcionamento e polos danos que poden producir nas persoas. Hai outras ferramentas que nunca escoitei pedir, polo menos publicamente, aos sindicatos policiais mais duros. Son ferramentas que, tras acontecementos deste tipo, que por desgraza non foi o primeiro nin será o último, poderían axudar a resolver o que mais preocupa a dia de hoxe, cando a prevención xa non é posible, a valoración da adecuación e proporcionalidade da acción, por exemplo as cámaras no peito dos policías que gravan as súas intervencións. As cámaras son elementos disuasorios para quen se sinta tentado a actuar con desproporción e tamén para demostrar a adecuación dunha intervención, os protocolos de uso deben conter que ocultar a gravación poda ser unha proba que cuestione a propia idoneidade da actuación e o valor probatorio do atestado do que formaría parte dita gravación.

Este Nadal na Coruña foi terrible, dúas persoas foron vítimas de mortes violentas, podemos alporizarnos e repetir consignas baleiras do insegura que é a cidade e pedir que se endurezan os sistemas de control social, ou podemos reflexionar como sociedade racional e informada, que esixe transparencia, medios e xustiza para todas, sen xerar relatos confusos

Este Nadal na Coruña foi terrible, dúas persoas foron vítimas de mortes violentas, podemos alporizarnos e repetir consignas baleiras do insegura que é a cidade e pedir que se endurezan os sistemas de control social, ou podemos reflexionar como sociedade racional e informada, que esixe transparencia, medios e xustiza para todas, sen xerar relatos confusos. Porque o relato da seguridade sempre parece caer no lado do poder e no da dereita e extrema dereita, pero a seguridade é patrimonio de todas, e se cadra máis das persoas que pulamos por unha vida digna, esa vida digna inclúe contornas seguras, para todas e todos. A demanda de seguridade non pode estigmatizar a vítimas do sistema racista, capacitista, aporofóbico e patriarcal. As reaccións da esquerda ante estes feitos tamén deben promoverse dende a perspectiva dende a que tento enfocar estas liñas, máxima transparencia e compromiso das institucións, dos seus servizos, e a construción dunha sociedade autónoma, formada e libre que participe da xestión que as administracións fan das súas vidas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.