Canta enerxía eólica máis necesita Galicia?

Instalacións eólicas en Muras © Concello de Muras

Superado o parón renovábel decretado polo Goberno estatal, que interrompeu a tendencia á redución das emisións galegas de gases causantes de quecemento global iniciada en 2005, estamos a asistir a unha avalancha de novos proxectos de parques eólicos en Galicia e noutras comunidades autónomas do Estado español (nalgunhas delas tamén se están a promover grandes centrais fotovoltaicas). Entre 2010 e 2018 entraron en servizo un total de 17 novos parques eólicos, un menos que os inaugurados só en 2019. En 2020 estaba previsto pór en marcha seis máis, co cal o noso país, conta ou contará en breve, cuns 4.000 MW (megavatios) de potencia eólica, repartida en 186 parques. 

Perante esta nova vaga de construción de parques eólicos hai quen se pregunta se na nosa terra son realmente necesarios tantos parques eólicos 

Perante esta nova vaga de construción de parques eólicos hai quen se pregunta se na nosa terra son realmente necesarios tantos parques eólicos como os que se poderían poñer en marcha nos próximos anos se todos os proxectos que se están a tramitar saen adiante. Sobre todo tendo en conta o noso excedente eléctrico (baseado non só na produción renovábel senón tamén na queima de combustíbeis fósiles). 

O feito de se promoveren novos parques sen unha adecuada planificación pública, sen vencellalos ao mantemento e desenvolvemento dunha industria eólica local, e baixo un modelo neoliberal, que concentra os beneficios económicos en empresas privadas maioritariamente foráneas (incluídas as do oligopolio eléctrico) e non respecta o territorio e as xentes que o habitan, non fai máis que alimentar as dúbidas verbo do interese para a maioría social dun incremento notábel da potencia eólica, por moito que tenda a abaratar a factura eléctrica.

A resposta á pregunta de cantos parques eólicos máis serían necesarios depende á súa vez das respostas a outras preguntas. Ao meu ver, as máis importantes serían, por un lado, canta electricidade precisamos producir e para qué e, polo outro, a que ritmo, e en que medida, cómpre reducir as nosas emisións territoriais de dióxido de carbono (CO2) e outros gases causantes da emerxencia climática global. Tendo presente que as nosas emisións por habitante de CO2 e outros gases de efecto invernadoiro (GEI) son altas, situándose próximas á media da UE (antes da caída da produción con carbón, a partir do segundo trimestre de 2019, mesmo eran bastante superiores).

O feito de se promoveren novos parques sen unha adecuada planificación pública, sen vencellalos ao mantemento e desenvolvemento dunha industria eólica local, e baixo un modelo neoliberal non fai máis que alimentar as dúbidas verbo do interese para a maioría social dun incremento notábel da potencia eólica, por moito que tenda a abaratar a factura eléctrica

En primeiro lugar, cómpre sabermos canta electricidade se pode obter coa capacidade xa instalada. Para unha mesma potencia eólica, a produción eléctrica pode variar significativamente de ano a ano, dependendo de canto soprar o vento (1), polo que cómpre considerar períodos de varios anos. Entre 2015 e 2019, unha potencia eólica de 3.350-3.800 MW (megavatios) forneceu unha media anual duns 8.000 GWh (xigavatios hora). Nos últimos anos a xeración eólica na nosa terra equivaleu a un 40% do consumo galego. 

Se á eólica engadimos o resto da xeración renovábel (fundamentalmente hidroeléctrica), coa potencia renovábel actual xa estariamos perto de cubrir o consumo eléctrico interno. Cando menos nun ano sen seca acusada (como 2017),... e sempre que non se desmantelaren parte dos parques eólicos (2) e dos encoros hidroeléctricos existentes. Accións que deberían facer parte, xunto con outras, dunha estratexia de restauración ecolóxica a grande escala do territorio (ʺrewildingʺ). Malia o que repiten as campañas de promoción turística, quédanos pouca natureza e precisamos ʺproducirʺ máis para afrontar a emerxencia ecolóxica global, incluída a crise climática. 

Como ademais de habitarmos un ʺparaíso naturalʺ, somos ʺunha potencia renovábelʺ, estariamos logo a un paso, ou dous, despois de abandonar de vez o carbón en 2021, de poder prescindir das centrais de ciclo combinado a gas natural das Pontes e Sabón e máis das centrais de coxeración de gas natural ou gasóleo asociadas a diversas industrias. Iso si, sempre que renunciarmos a exportar electricidade, e unha vez que o almacenamento e a xestión da demanda poidan solucionar o problema da intermitencia das renovábeis. A autosuficiencia renovábel estaría próxima (3). Ou iso parece.

Se á eólica engadimos o resto da xeración renovábel (fundamentalmente hidroeléctrica), coa potencia renovábel actual xa estariamos perto de cubrir o consumo eléctrico interno

Parece, mais non é así. Da mesma forma que o noso excedente eléctrico non é un excedente enerxético, a menos que se tome a parte polo todo, autosuficiencia eléctrica non equivale a autosuficiencia enerxética. Porque o consumo final de enerxía nos diferentes sectores (industria, fogares, transporte,...) non só inclúe a electricidade, senón tamén os combustíbeis e a calor. Segundo o último balance enerxético (4), só o 26% de toda a enerxía final que demanda Galicia é consumida como electricidade.

Se ʺdeselectrificamos“ a nosa ollada e consideramos todo o consumo enerxético (incluído o eléctrico), o peso das enerxías renovábeis cae dramaticamente. A achega das renovábeis equivale a máis do 80% do consumo eléctrico (en anos sen seca), pero a pouco máis dun terzo de todo o consumo de enerxía final (5). E para que ese terzo poida medrar rapidamente até o 100%, cómpre electrificar máis o consumo. Pensemos no transporte. Os derivados do petróleo usados para mover persoas e mercadorías representan nada menos que un terzo do consumo enerxético do país (6). Sen unha maior electrificación do transporte non será posíbel desfosilizalo e descarbonizalo.

Considerando todo o consumo enerxético, e non apenas o consumo eléctrico, a potencia eólica instalada no noso país pasa de cubrir un 40% do consumo (eléctrico) interno a pouco máis dun 10%. Simplemente para que a eólica cubrise aproximadamente unha cuarta parte do consumo de enerxía final, cumpriría, grosso modo, duplicar a potencia actual, isto é, instalar 4.000 MW máis. E se, ao mesmo tempo, se quixese substituír a potencia instalada en espazos da rede Natura 2000 actual, a eses 4.000 habería que engadir outros 1.250 MW.

O consumo final de enerxía nos diferentes sectores (industria, fogares, transporte,...) non só inclúe a electricidade, senón tamén os combustíbeis e a calor

A patronal eólica galega aspira a que se instalen 2.500 MW nos próximos cinco anos. Os máis de 80 parques eólicos que iniciaron a súa tramitación ambiental desde finais de 2019, a través da Consellaría de Medio Ambiente ou do Ministerio para a Transición Ecolóxica, deben superar amplamente unha potencia conxunta de 3.000 MW, dos cales unha parte, seguramente non pequena, debería considerarse ambientalmente inviábel. Suficiente para falar de ʺfebre eólicaʺ? Talvez si, pero, tratándose de enerxía, habería que falar tamén da ʺfebre fósilʺ e da ʺfebre consumistaʺ. 

Por suposto, nin é preciso electrificar todo o consumo de enerxía final, nin basealo só no crecemento da enerxía eólica, aínda que o seu potencial en Galicia para a xeración eléctrica é moito maior que o de calquera outra fonte. Desde logo, incomparabelmente superior ao da biomasa e ao da hidroeléctrica. E, no tocante á solar fotovoltaica, que require dunha maior variedade de minerais e é máis intensiva en ferro e aluminio cá eólica, convén non esquecer que un MW fotovoltaico no noso territorio produce de media a metade de electricidade que un MW eólico (7).

Tamén cómpre ter en conta que as necesidades de maior produción renovábel para atinxir un sistema enerxético libre de combustíbeis fósiles dependen de canta enerxía se pretenda consumir (e exportar ou importar). Soster o sobreconsumo actual sobre fontes renovábeis autóctonas –supoñendo que iso fose viábel- tería un considerábel impacto socioambiental, considerando conxuntamente as escalas global e galega. Desde logo non sería superior ao que implica hoxe basealo maioritariamente en combustíbeis fósiles importados. Mais, paralelamente á relocalización da obtención de enerxía, habería tamén unha relocalización de impactos. Os custos para o territorio propio de substituír toda a enerxía fósil e renovábel (biocombustíbeis) importada hoxe, por enerxía renovábel autóctona non serían menores. Incluso aínda que todos os danos asociados á minaría metálica que fose preciso para iso fosen externalizados. A bulimia enerxética nunca é de balde. Alguén, nalgún lugar e nalgún momento, acaba por pagala.

A enerxía renovábel non é, por si soa, a solución ao quecemento global e ao declive do petróleo. No mundo (mal)desenvolvido é preciso decrecermos o consumo enerxético (e material)

A enerxía renovábel non é, por si soa, a solución ao quecemento global e ao declive do petróleo. No mundo (mal)desenvolvido é preciso decrecermos o consumo enerxético (e material). E en moita maior medida do que posibilitan as políticas convencionais de aforro e eficiencia enerxética, de efectos moi limitados baixo unhas regras de xogo económico que procuran o crecemento incesante da produción e o consumo. 

Decrecemento e renovábeis, baixo criterios de xustiza ambiental, deberían ser os piares da transición ecolóxica. Porén, a proposta ilusoria do imposíbel ʺcapitalismo verdeʺ para ʺsalvar o planeta“ é a ʺtransición verde e dixitalʺ, apoiada en megacentrais renovábeis e na ʺinmaterialʺ hiperdixitalización, e que non vai transformar un metabolismo socioeconómico devorador de natureza.

Combinar as renovábeis co decrecemento posibilitaría cubrir unha proporción moito maior do consumo enerxético con pequenas instalacións distribuídas polo territorio e en mans da cidadanía. Porque, non nos enganemos: sociedades con parques de vehículos descomunais e sobreutilizados, ou con grandes industrias devoradoras de enerxía, non se poden abastecer, en grande medida, con tellados solares ou con pequenos aeroxeradores (8). 

Combinar as renovábeis co decrecemento posibilitaría cubrir unha proporción moito maior do consumo enerxético con pequenas instalacións distribuídas polo territorio e en mans da cidadanía

Unha redución drástica do socialmente normalizado hiperconsumo enerxético (e material), xunto co crecemento das renovábeis, semella imprescindíbel para diminuírmos, ao ritmo que esixe a emerxencia climática e sen unha excesiva deterioración do noso territorio, as emisións de GEI. Como xa parece un lugar común, esta década é decisiva no combate á desestabilización do clima (aínda que tamén o foron as precedentes, por iso chegamos á complicadísima situación actual). Para non superar o perigoso limiar de 1,5º C, as emisións de países como o noso deberían ser, xa en 2030, polo menos un 65% inferiores ás de 1990, como defende, por exemplo, o Movemento Galego polo Clima, e non defende ningunha das principais forzas políticas. Un obxectivo que case triplica os defendidos tanto pola Xunta, para Galicia (-24,6%), como polo Goberno estatal, para España (-23%). 

As emisións territoriais galegas de GEI en 2018, ano máis recente con datos oficiais, superaban as de 1990 nun 1%, e terían sido ben superiores de non ser polas crises económicas e polos parques eólicos, que reduciron significativamente a actividade das centrais de carbón desde mediados da primeira década deste século. A comezos de 2021 estamos certamente nunha mellor posición de partida, por causa da próxima desaparición do carbón do noso ʺmix eléctricoʺ. Sen ter en conta as reducións conxunturais derivadas da Covid-19, talvez as emisións actuais estean un 20-25% por debaixo das de 1990. Polo tanto, aínda cómpre recortalas moito máis durante os próximos anos. 

Necesitamos bastante máis enerxía renovábel (e eólica en particular), incluso cun sector transformador de enerxía non orientado á exportación. Tanta máis enerxía renovábel canto menos decreza o consumo

Atinxirmos a descarbonización do sector eléctrico é parte fundamental da loita contra a crise climática, un obxectivo que, unido a unha maior electrificación do consumo de enerxía final, tería á súa vez repercusións decisivas na descarbonización doutros sectores, como o transporte (que se convertirá axiña, se non o é xa, na principal fonte de GEI na nosa terra), o industrial, o residencial ou o comercial. Un 80% das nosas emisións territoriais de GEI proceden da queima de combustíbeis fósiles, no sector enerxético e nos usos finais da enerxía nos diversos sectores de actividade (9).

Un decrecemento forte do consumo enerxético posibilitaría unha expansión das renovábeis con menores (que non desprezábeis) custos territoriais. Tomando como referencia o ámbito estatal, unha diminución do consumo de enerxía primaria dun 50% en 2030 podería aproximarnos á redución de GEI necesaria nesa altura sen ter que recorrer a un forte despregue de enerxías renovábeis hipertecnolóxicas e a unha densificación excesiva da rede de transporte e distribución de electricidade (pola maior electrificación do consumo de enerxía final), ao tempo que limitaría o consumo de minerais que esixe a transición enerxética e, polo tanto, a súa extracción doméstica e/ou a externalización da mesma a outros territorios (10). 

Precisamos obtela rapidamente, con xustiza social, minimizando os prexuízos para a biodiversidade e a paisaxe, reducindo os desequilibrios entre o medio urbano e o rural, achegando todo o posíbel a ʺproduciónʺ (transformación) ao consumo

Mais, como sabe calquera persoa minimamente coñecedora das estatísticas enerxéticas, rebaixar á metade, en termos absolutos, o consumo de enerxía en 10 anos, é un obxectivo moi ambicioso. A redución pretendida entre 2020 e 2030 na planificación enerxética estatal é dun 20%.

En definitiva, necesitamos bastante máis enerxía renovábel (e eólica en particular), incluso cun sector transformador de enerxía non orientado á exportación. Tanta máis enerxía renovábel canto menos decreza o consumo e máis se pretendan reducir as emisións de GEI. E precisamos obtela rapidamente, con xustiza social, minimizando os prexuízos para a biodiversidade e a paisaxe, reducindo os desequilibrios entre o medio urbano e o rural, achegando todo o posíbel a ʺproduciónʺ (transformación) ao consumo, e eliminando unha parte da capacidade actual (eólica e hidroeléctrica) localizada en espazos de alto valor ecolóxico. 
 

Notas

1- Así, en 2013 e 2014 a potencia instalada en Galicia non mudou, estancándose nuns 3.350 MW. Porén, a produción no primeiro ano superou en máis dun 10% a do segundo. 

2- Os parques eólicos situados en zonas de alto valor ecolóxico, dentro ou fóra da Rede Natura 2000, de exigua superficie, deberían ser progresivamente desmantelados. Só na Rede Natura 2000, e antes de que ficase prohibido, construíronse 53 parques, cunha potencia total de 1.250 MW. 

3- Segundos os datos provisionais de Rede Eléctrica de España (REE) para 2020, no ano pasado a xeración renovábel igualou o consumo interno, que descendeu moito a respecto de 2019 por causa dos efectos da Covid-19.

4- Referido a 2018 e elaborado polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta. Pódese consultar en http://www.inega.gal/enerxiagalicia.

5- Nos últimos cinco anos con datos (2014-2018), a participación das fontes renovábeis no consumo final bruto de enerxía en Galicia ascendeu ao 38 %. Entre as fontes renovábeis, ademais da electricidade e a calor producidas con renovábeis, inclúense os (insustentábeis) biocombustíbeis usados no transporte, mesturados coa gasolina e o gasóleo. Biocombustíbeis elaborados con materia primas non autóctonas.

6- Os balances enerxéticos suman o consumo do transporte co do sector primario, as minas e máis a construción, cuxo peso conxunto é menor có do transporte. 

7- Non consideramos aquí as posibilidades da enerxía eólica mariña. En todo caso, estas parecen sensibelmente limitadas pola existencia das Zonas de Especial Protección de Aves (ZEPAs) mariñas da Rede Natura 2000 e pola desexábel creación no futuro de novas ZEPAs mariñas, como a do Golfo Ártabro. 

8- Por exemplo, coa finalidade de garantir e abaratar o abastecemento enerxético da fábrica de alúmina-aluminio de Alcoa en San Cibrao, o plan industrial a 10 anos proposto polo Ministerio de Industria en xuño de 2019 propoñía gas fósil de alta eficiencia de 100/200 MW, parque eólico de 400 MW e parque fotovoltaico de 800 MW. O máis grande dos novos parques eólicos que se está a tramitar en Galicia é de 170 MW. En Galicia non existe nin se proxecta ningún megaparque fotovoltaico e os maiores en funcionamento no sur de España atinxen os 500 MW.

9- O restante 20% corresponde maiormente, e por esta orde, á agricultura e á gandaría (por causa principalmente do gando vacún, e sen incluír aquí as emisións debidas ao consumo de combustíbel na maquinaria agrícola) e a procesos industriais e uso de produtos que non implican combustión pero emiten GEI. Sempre segundo os datos desagregados para Galicia do Inventario Estatal de Emisións de GEI (serie 1990-2018).

10- ʺEscenarios de trabajo en la transición ecosocial 2020-2030ʺ. Varios autores. Ecologistas en Acción.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.