Ence-Pontevedra: modelo de contribución á economía circular?

CC-BY-SA encefora.gal

Desde hai uns meses, e sen dúbida como resposta á situación de acoso social que atravesa a empresa, veñen aparecendo nos medios de comunicación notas de prensa (publicidade pagada ou encuberta, nalgúns casos) que baixo rimbombantes titulares (“modelo de mejora contínua”, “control en continuo de las emisiones” ou “ENCE contribuye a mitigar el cambio climático”) perseguen contrarrestar a imaxe derivada das súas malas prácticas empresariais e presentármola coma “empresa modelo de contribución á economía circular”.

Pero, en Pontevedra, coñecemos moi ben a ENCE e as súas prácticas! Porque en Pontevedra, e desde hai 57 anos, vimos soportando as múltiples agresións que coas emisións á atmosfera e os vertidos á Ría, provoca no medio ambiente, nos recursos naturais, na calidade de vida e na saúde das persoas, situación reiteradamente denunciada pola Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) e outros colectivos sociais e pola que foi condenada no seu día por delito ecolóxico, por dous delitos continuados de danos nas vivendas e cultivos do entorno, e por catro faltas contra a saúde das persoas. E aínda que algunhas cousas teñen mellorado desde aquela, ENCE continúa incidindo de forma negativa no medio ambiente, na calidade de vida, e na economía da comarca.

Aínda que algunhas cousas teñen mellorado desde aquela, ENCE continúa incidindo de forma negativa no medio ambiente, na calidade de vida, e na economía da comarca

Contrariamente ao afirmado nestes artigos, ENCE non é modelo de industria sustentábel, nin no proceso de fabricación de pasta de papel nin no de produción de enerxía; e tampouco é certo que contribúa a mitigar o cambio climático.

Como calquera árbore, os eucaliptos fixan CO2, pero -a diferencia do que ocorre, poñamos por caso, ao transformar a madeira en móbeis- todo ese CO2 devólvese, incrementado, á atmosfera no proceso de combustión cando se transforma en pasta de papel.

Pero, ademais, ENCE admite sen ningún rubor que está queimando aceites usados na caldeira de biomasa, unha práctica que invalida todo o que se di sobre a produción de enerxía renovábel e á utilización da biomasa como fonte de enerxía; ENCE, con esta inaceptábel práctica empresarial, prohibida pola Unión Europea e na revisión da súa Autorización Ambiental Integrada (AAI), non só está emitindo gases perigosos para o medio ambiente e a saúde das persoas, senón que está a contribuír de forma importante ao cambio climático.

E, aínda que de forma indirecta, ENCE -pola enorme cantidade de madeira de eucalipto que consume- contribúe tamén ao cambio climático a través da eucaliptización do territorio galego; en efecto, o eucalipto, unha especie pirófita que ano tras ano provoca a proliferación de incendios forestais, contribúe á emisión de CO2 e, xa que logo, ao quentamento global.

É dicir, lonxe de mitigar o cambio climático, ENCE incide de forma importante no aumento do efecto invernadoiro e no quentamento global.

Como se pode considerar a esta empresa modelo de contribución á economía circular? 

Como se pode considerar a esta empresa modelo de contribución á economía circular? Como considerar paradigma de economía circular a unha empresa que consume diariamente 40.000 m3 de auga do río Lérez para devolvela logo cargada de materia orgánica e contaminación microbiolóxica á Ría?

E non se pode admitir tampouco que se diga que en ENCE se realizan controis exhaustivos das emisións e vertidos á Ría. Abonda con saber que os valores máximos establecidos na AAI para os parámetros de vertido á Ría (DBO, DQO, SS, N2 e P) son moi superiores aos permitidos pola Directiva 91/271/CEE, polo R.D. Ley 11/1995, polo R.D. 509/1996 que o desenvolve e polo R.D. 2116/1998 que modifica ao anterior; que, así mesmo, ENCE non mide as emisións de metais pesados, dioxinas, PCBs, e outros compostos de elevada toxicidade que se emiten como consecuencia da combustión de aceites usados, uns compostos que -evidentemente- non se contemplan na AAI. E, para completar esta caricatura de control, diremos tamén que -tal como recoñece a propia Xunta de Galicia- das dúas cabinas de control de inmisións que posúe ENCE, unha, a de Campelo, está situada de tal xeito que en ningún caso recolle as emisións da fábrica, o que impide saber a súa incidencia na saúde da poboación. A outra, engadimos nós, tamén!

E polo que fai aos supostos recoñecementos e premios polo seu comportamento medio ambiental, con seguridade, ningunha das entidades que os teñen concedido poden coñecer esta situación, xa que, de coñecela -y de tratarse de entidades cun mínimo de seriedade e rigor- non os terían concedido.

Resulta pueril aludir -como se fai nalgunha destas notas- á existencia de praias con bandeira azul na Ría de Pontevedra para avalar a calidade dos efluentes da empresa, porque ese mesmo argumento debería levarnos a admitir a bondade dos vertidos procedentes da EDAR dos Praceres

Resulta pueril aludir -como se fai nalgunha destas notas- á existencia de praias con bandeira azul na Ría de Pontevedra para avalar a calidade dos efluentes da empresa, porque ese mesmo argumento debería levarnos a admitir a bondade dos vertidos procedentes da EDAR de Os Praceres, emprazada a escasos metros da fábrica, uns vertidos aos que o goberno galego, a APDR e outros sectores sociais (e a propia ENCE) achacamos boa parte da responsabilidade da mala saúde ambiental das augas da nosa Ría.

Xa por último -e sen entrar na batalla de cifras de postos de traballo por no ser cuantificábeis na maioría dos casos- debemos indicar que ENCE vén destruíndo postos de traballo de forma directa (na propia fábrica), indirecta (no marisqueo, no turismo e nos nosos montes) e inducida, ao impedir -coa súa presencia- que se instalen empresas limpas na comarca. Ademais, ENCE non só non contribúe ao desenvolvemento rural, senón que o impide. A desmedida eucaliptización, froito dunha política forestal que ten por único obxectivo abastecer ás fábricas de ENCE e de taboleiros e que ocupa terras de cultivo e pastos, provoca a perda da biodiversidade e impide, na práctica, a diversificación de usos dos nosos montes e o aumento do nivel de vida no rural galego. Se a isto unimos que ENCE exerce de verdadeiro monopolio na compra de eucalipto fixando os prezos á baixa, teremos que concluír por forza que máis que a solución, ENCE é parte fundamental dos problemas ambientais, sociais e económicos da nosa comarca.

Sinceramente, o único circular que somos quen de observar na fábrica de ENCE, son as portas xiratorias que conectan gobernos e Consejo de Administración da pasteira, unhas portas polas que circulan, entre outros, políticos como Isabel Tocino, ex Ministra de Medio Ambiente, ou Carlos del Álamo, ex Conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia...; e o único verde, o color das garabatas dos seus directivos!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.