A UE comunica a ecoloxistas e concellos que aínda non recibiu do Estado a solicitude para o proxecto de Altri

Representantes dos colectivos contrarios a Altri desprazados a Bruxelas © BNG

A delegación galega recibiu a "confirmación" de que non hai aínda ningunha solicitude oficial por parte do Estado para este proxecto

Colectivos medioambientais contrarios ao proxecto de Altri en Palas de Rei e representantes institucionais dos concellos afectados reuníronse en Bruxelas con representantes da Comisión Europea aos que trasladaron a súa oposición a “este desastre medioambiental”, nun encontro facilitado pola eurodeputada do BNG Ana Miranda. 

A delegación galega, que se reuniu coa Directora do Grupo Operativo do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, María Teresa Fábregas, e o Xefe da Unidade de Cumprimento da Normativa Medioambiental, Paul Speight recibiu a "confirmación" de que non hai aínda ningunha solicitude oficial por parte do Estado para este proxecto. María Teresa Fábregas indicou que en caso de que se introducira un proxecto destas características debería cumprir con todos os principios e esixencias de transparencia e tamén esixencias medioambientais e de conflito de intereses.

Representantes dos colectivos contrarios a Altri desprazados a Bruxelas © Ecoloxistas en Acción

Ana Miranda destacou que este encontro supón “un paso máis para frear a instalación de Altri en Galiza”

Ana Miranda destacou que este encontro supón “un paso máis para frear a instalación de Altri en Galiza” e explicou que “dende a Comisión Europea agradeceron que trasladásemos directamente o impacto que poida ter este proxecto, impacto socioeconómico, medioambiental, patrimonial, e sobre todo que esteamos alertando dun proxecto destas características como o que proxecta Altri”. A eurodeputada apuntou a posible existencia de conflitos de intereses e alertou da ausencia de información ambiental.

No encontro, representantes de ADEGA, Ulloa Viva, Santiso Vivo e Queremos Parcelarias XA destacaron que o proxecto incumpre até dez normativas europeas e vai causar uns danos significativos e incumprimento da Directiva Marco da Auga, dos recursos hídricos tanto no encoro de Porto de Mouros como o río Ulla até a ría de Arousa. Igualmente, alertaron de que Altri busca financiar o proxecto a través dun PERTE, o que na súa opinión iría en contra da protección de espazos recoñecidos como patrimonio natural e cultural e en contra do Plan Director do Camiño de Santiago. 

O proxecto de Altri “para nada ten as bondades que nos están contando, para nada vai crear emprego, máis ben todo o contrario, e van destruír o noso medio de vida, eminentemente agrarios e gandeiros”, sinalou o alcalde de Santiso

Así mesmo, o alcalde de Santiso, un dos representantes municipais que se desprazou a Bruxelas, critiou que o proxecto de Altri “para nada ten as bondades que nos están contando, para nada vai crear emprego, máis ben todo o contrario, e van destruír o noso medio de vida, eminentemente agrarios e gandeiros”.

De igual xeito, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace reuníronse en Bruxelas con representantes de partidos políticos para alertar do grave impacto socioambiental que carrexaría a macrocelulosa de Palas de Rei. Ademais de Ana Miranda (BNG) os grupos ecoloxistas reuníronse con Nicolás González Casares (PSOE) e María Eugenia Rodríguez Palop (Unidas Podemos), aos que solicitaron que que se opoñan á posible asignación dos fondos Next Generation para financiar este proxecto.

Representantes dos colectivos contrarios a Altri desprazados a Bruxelas © BNG

A empresa necesita obter cando menos 250 millóns de euros de fondos europeos para facer realidade o proxecto

Este apoio público por parte de fondos europeos é imprescindible para que o proxecto de Altri se converta nunha realidade. A propia empresa manifestou que necesita optar cando menos a un cuarto do seu investimento –uns 250 millóns de euros dos 900 que di investirá– de diñeiro público de entrada, centrando actualmente as súas miradas nos fondos Next Generation e o PERTE de descarbonización da industria.

Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace solicitaron a eurodeputados e eurodeputadas que se opoñan á posible asignación dos fondos Next Generation para financiar este proxecto

Ademais, informaron tamén ás comisarias europeas do Grupo de Traballo de Recuperación e Resiliencia das consecuencias ambientais deste proxecto. As entidades comunicaron que o proxecto GAMA de Altri-Greenfiber "terá impactos ambientais irreparables e acelerará os efectos do cambio climático sobre esta área de especial protección e de biodiversidade".

As tres entidades presentaron alegacións conxuntas ao proxecto de Altri e reclaman á Xunta que prorrogue o plazo de admisión ante a incapacidade da administración de xestionar a avalancha de alegacións. Nas alegacións presentadas sinalan que a posta en marcha de semellante industria tería tamén un impacto enorme no tecido socioeconómico tanto da comarca da Ulloa, eminentemente rural, agrogandeira e paso obrigado do Camiño de Santiago, como da Ría de Arousa, os seus bancos marisqueiros e a súa pesca tradicional.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.