"Grazas por todo o que fixeches estes anos", di Rueda a Feijóo, que proclama: "esta é a nosa obra"

Rueda e Feijóo no mitin da praza de touros de Pontevedra deste sábado © PPdeG

Nunha praza de touros de Pontevedra ateigada, como nas grandes ocasións do PPdeG, o candidato popular asegura presentarse con "humildade" ao tempo que o ex-presidente e líder estatal do partido di que a Xunta é "un exemplo para toda España"

A praza de touros de Pontevedra é un dos lugares fetiche do PPdeG post-Fraga, algo similar ao que eran as romarías do Monte Faro para don Manuel. E a propia cidade de Pontevedra é o fogar do actual candidato popular, Alfonso Rueda. Así que o mitin deste sábado no anfiteatro pontevedrés, no segundo día da campaña electoral, estaba marcado desde hai tempo no calendario do partido como un fito especial. Alí, co recinto novamente ateigado, Rueda dixo presentarse a estas eleccións con "humildade" pero convencido de que "Galicia funciona". Unha Galicia que Feijóo presentou como "un exemplo para toda España". "Esta é a nosa obra", dixo o ex-presidente.

A praza de touros de Pontevedra este sábado © PPdeG

Na praza de touros, en 2009, nun mitin a rebordar, comezou a facerse visible a posibilidade de que Alberto Núñez Feijóo se convertese en presidente da Xunta. En 2016, na segunda xornada da campaña galega daquel ano, un Feijóo que aquel día cumpría 55 anos deuse unha homenaxe personalista antes de obter a súa terceira maioría absoluta. E hai catro anos, antes da súa cuarta maioría absoluta, nunha campaña marcada pola COVID-19 na que o PP quixo deixar a praza case baleira, Feijóo proclamou alí, ante Pablo Casado, que a súa prioridade era Galicia e que o seu partido "sábeo e acéptao".

Este sábado, dous anos despois de que Feijóo se lanzase á substitución de Casado á fronte do PP, o seu relevo á fronte da Xunta e do partido en Galicia, Alfonso Rueda, comezou a súa intervención agradecendo a Feijóo "todo o que fixeches en todos estes anos".

"Temos un prestixio gañado a pulso", di Rueda, que asegura que "Galicia funciona"

O candidato popular asegurou que nestas eleccións galegas "hai unha serie de persoas que se presentan con moito ego, e eu quero presentarme sinxelamente". Unha humildade que defendeu como propia de todos os simpatizantes populares presentes na praza. Porén, a continuación el mesmo asegurou que "temos un prestixio gañado a pulso"

Rueda tamén lanzou unha mensaxe de cara á manifestación en defensa da sanidade pública convocada para este domingo en Santiago e asegurou que os orzamentos da Xunta dedican "1.300 millóns de euros máis a sanidade que no bipartito".

Feijóo, Rueda e Rajoy na súa entrada á praza de touros de Pontevedra © PPdeG

Feijóo: "Esta é a nosa obra"

"Estas eleccións son tan importantes como as eleccións xerais", di un Feijóo que salienta que "a Galicia débolle o que son na política"

A Rueda precedeuno no mitin Feijóo, que dedicou o groso da súa intervención a cargar contra Pedro Sánchez e as maiorías políticas estatais contrapoñéndoas coa maioría absoluta do PP en Galicia. "O Goberno de España é un bochorno para Europa e o Goberno de Galicia é un exemplo para España", dixo, para pedir "menos soberanismo e máis autonomismo" ou "menos Sánchez e máis Rueda". 

Feijóo defendeu que Galicia manteña unha senda política distinta da estatal. "Pedimos o voto para que ninguén veña a cambiarnos", dixo, para asegurar, nese contexto e en referencia á Galicia actual, que "esta é a nosa obra".

As eleccións galegas son vistas tamén como un referendo para Feijóo tras non lograr a presidencia do Goberno de España nas xerais do pasado xullo. Nesa liña, o propio Feijóo asegurou que "estas eleccións son tan importantes como as eleccións xerais" e que "Rueda é a resposta que non quere escoitar Sánchez o 18 de febreiro". E ratificou que "a Galicia débolle o que son na política"

Na súa intervención, que realizou fundamentalmente en castelán máis alá de breves intervencións en galego ao comezo e ao remate, Feijóo asegurou que Rueda foi quen propuxo o mitin multitudinario de 2009 na praza de touros malia as dúbidas doutros populares sobre a posibilidade de encher o recinto, como o partido volveu lograr este sábado. 

"Non queremos que nos gobernen Puigdemont e Otegi", proclamou Rajoy

A aquel mitin de 2009 referiuse tamén Mariano Rajoy, que interveu este sábado antes de Feijóo e Rueda e que lembrou, sen citalos a "os que gobernaban daquela", dos que dixo que "seguen á espera, e o que lles queda". E sobre Rueda asegurou que vai gañar as eleccións "porque é persoa preparada, con experiencia" e cunha "gran traxectoria política". Segundo Rajoy, Rueda, nos seus menos de dous anos de goberno, deu "serenidade e calma" a Galicia. 

Pancarta contra a amnistía na praza de touros de Pontevedra CC-BY-SA Praza Pública

O ex-presidente cargou na súa intervención contra o resto de partidos en clave estatal, con proclamas como "non queremos que nos gobernen Puigdemont e Otegi" ou "non queremos a amnistía". Só ao final tentou dar un enfoque galego á súa participación no mitin: "Un goberno como este é malo para España e malo para Galicia, e non queremos en Galicia un goberno como este, queremos a Rueda".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.