O acoso sexual dun superior a unha militar da base de Figueirido remata con condena tamén a Defensa por desprotexer a vítima

A ministra de defensa nunha visita o pasado outubro á base de Figueirido, en Pontevedra © Ministerio de Defensa

Un tribunal militar sentenciou en firme a existencia de acoso sexual con lesións psíquicas pero a administración, con "temeridade e mala fe", cualificou a baixa como enfermidade común e non como derivada do posto de traballo

En 2020 unha militar da base Xeneral Morillo de Figueirido, en Pontevedra, sufriu acoso sexual por parte dun superior, o brigada da súa unidade. Así o sentenciou de xeito firme en 2023 un tribunal militar, que constatou que a vítima sufrira lesións psíquicas. 

Porén, o seu caso foi cualificado como unha baixa por enfermidade común, non derivada do posto de traballo. Agora un xulgado ordinario do contencioso-administrativo de Pontevedra vén de condenar tamén ao Ministerio de Defensa a recoñecer o sucedido como enfermidade profesional.

Sentenza que acusa a Defensa de "temeridade e mala fe" por non recoñecer como laboral a baixa da milita acosada sexualmente por un superior en Figueirido CC-BY-SA Praza Pública

Segundo a sentenza agora divulgada polo poder xudicial, a condena que un tribunal militar emitiu sobre o caso en 2023 condenando ao superior da soldado a cadea e a indemnizala con 50.000 euros polas lesións sufridas "asumiu, sen a menor dúbida, a vinculación entre ditas lesións e a relación de servizo da actora coa Administración do Estado, declarándoa responsable civil subsidiaria" no caso de que o condenado non pagase. Porén, a súa baixa foi cualificada como froito de contixencia común, situación derivada de accidente ou enfermidade común.

A afectada presentou reclamación administrativa pero o Xeneral Xefe da Brigada Galicia VII, a antes coñecida como Brilat, desestimouna e tivo que recorrer á xustiza ordinaria. E agora esta, tirando do xa probado na causa militar previa por acoso sexual, reitera que o que sofreu a vítima foi unha continxencia laboral.

Desfile da Brilat en Pontevedra nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

A sentenza civil agora emitida critica que Defensa mantivese "inexplicablemente" a súa postura tras facerse firme a condena da xurisdición militar hai un ano

Pero o tribunal vai máis alá e non se limita a condenar ao Estado, a través do Ministerio de Defensa, a considerar a baixa como profesional e a pagar as costas do proceso. A sentenza tamén incide "na temeridade e mala fe da Administración do Estado ao non revogar de oficio" a súa decisión tras a sentenza da xurisdición militar ditada hai un ano "mantendo inexplicablemente a súa posición inicial, obrigando á continuación dun xuízo cuxo resultado atopábase xa predeterminado desde aquela".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.