O PP carga contra Luís Villares por un eólico anulado en firme polo Supremo no que nada interveu como xuíz

Parque eólico Sasdónigas en Mondoñedo anulado en firme polo Supremo antes de que Villares volvese ao TSXG e post do PPdeG en X, antiga Twitter, acusándoo de ser "xuíz e parte" © Imaxe: Norvento | Montaxe: Praza Pública

Os populares aumentan a súa campaña de presión contra os maxistrados do TSXG que supervisan os proxectos eólicos e acusan o ex-portavoz de En Marea de tentar "paralizar todos os proxectos industriais en Galicia"

O PPdeG deu este venres un paso máis na campaña de críticas contra a xustiza que veñen mantendo ese partido, a Xunta e empresas do sector eólico por decisións de diversos maxistrados do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contrarias aos seus intereses. Malia que o TSXG se pronuncia tras deliberacións e votacións secundadas por varios xuíces, os populares veñen poñendo o seu foco no feito de que un dos maxistrados membros da sala que decide sobre os proxectos eólicos é Luís Villares, portavoz de En Marea entre 2016 e 2020. Este venres acusárono de ser "xuíz e parte" e de tentar "paralizar todos os proxectos industriais en Galicia" durante a súa etapa na política.

A nova acusación do PP a Villares, tras unha campaña de críticas ao TSXG que xa levou a ese tribunal a protestar publicamente, prodúcese a raíz dun caso no que o Tribunal Supremo sentenciou que a Xunta autorizara ilegalmente un parque eólico en Mondoñedo, o denominado Sasdónigas. Cando a autorización dese parque estaba a ser analizada polo TSXG, Villares, como portavoz de En Marea, pronunciárase en contra do proxecto. 

Villares nada tivo que ver como xuíz con ese caso e a sentenza coa que en 2020 o TSXG anulou a autorización do parque foi ratificada en 2022 polo Supremo. O que sucede é que agora, na execución desa sentenza e con Villares no TSXG, o xuíz decidiu apartarse do caso. Unha decisión feita pública polo TSXG a primeira hora da tarde deste venres que deu pé catro horas despois ás novas críticas do PP contra el, e indirectamente contra o resto de xuíces do tribunal que veñen pronunciándose sobre o sector eólico. 

Extracto da sentenza coa que o Supremo anulou en firme o parque eólico Sasdónigas CC-BY-SA Praza Pública

O comentario do PPdeG nas redes sociais sinala que Villares "recúa despois de recibir un varapalo do Tribunal Supremo" ou que "só recúa cando ve as orellas ao lobo do Tribunal Supremo". Porén, ese comentario non se referiría ao caso do parque Sasdónigas, no que o Supremo considera que a Xunta cometeu ilegalidades, senón a outra recente sentenza do alto tribunal que rectificou outra previa do TSXG que anulara o xeito en que o Goberno galego estaba a tramitar outros parques. 

O PP carga contra Villares malia que as decisións sobre os eólicos veñen sendo tomadas por un tribunal composto por varios xuíces para o que TSXG chegou a pedir respecto en público 

Esa rectificación do Supremo ao TSXG por eses outros parques eólicos sería o varapalo ao que se refire o PPdeG. Porén, tras ese pronunciamento do Supremo contrario ao que sentenciara o TSXG, o tribunal galego decidiu elevar a cuestión ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Esa decisión, como outras moitas previas sobre o sector eólico -nomeadamente as que veñen paralizando cautelarmente diversos parques á espera de que o tribunal se pronuncie sobre a súa legalidade-, está tomada pola sección terceira do Contencioso-Administrativo do TSXG, encabezada polo seu presidente, Francisco Jaiver Cambón García e subscrita por unanimidade polos maxistrados Juan Carlos Fernández López, Luís Villares Naveira e María de los Ángeles Braña López.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.