O TSXG pregunta á UE se a cidadanía debe ter máis información sobre os eólicos antes de que a Xunta os autorice

Parques eólicos nos montes galegos CC-BY-SA Praza Pública

O Supremo avalou que a Xunta expoña os parques ao público en xeral antes de coñecerse os informes das administracións implicadas, o que limita as posibles alegacións, e agora o Tribunal Superior pregunta ao Tribunal da UE se iso é correcto 

En decembro o Tribunal Supremo validou a tramitación que vén empregando a Xunta para aprobar parques eólicos -e outro tipo de instalacións sobre o territorio- expoñendo os proxectos ao público en xeral para as súas alegacións antes de dispoñer de todos os informes sectoriais das diversas administracións implicadas. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) viu así como o Supremo revogaba a súa visión previa da cuestión, que defendía que os informes sectoriais debían obterse antes da exposición pública, para que esta fose máis garantista. Pero agora o TSXG vén de consultar ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea, a través dunha denominada cuestión prexudicial, se actuación da Xunta e a interpretación favorable do Supremo cumpren coa lexislación europea. 

Sedes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e do Tribunal Supremo CC-BY-SA CGPJ

O conflito sobre o que agora se pronunciará o Tribunal da UE iniciouse coa decisión do TSXG de anular en xaneiro de 2022 a autorización que a Xunta deu a un parque eólico en Corme. O tribunal galego censurou que a Xunta reducira de 30 a 15 días o prazo de exposición ao público do proxecto e que esta se realizase antes de que a Xunta obtivese todos os informes sectoriais necesarios. 

Segundo a visión do TSXG eses informes de todas as administracións implicadas "teñen que obterse antes do trámite de información pública" e nese caso foran tramitados "ao mesmo tempo", polo que a poboación interesada non puido "exercer de forma plena o seu dereito de participar de forma efectiva e con pleno coñecemento de todas as opcións que se presentaban" sobre o "contido, extensión e definición do proxecto".

Porén, o pasado decembro o Supremo revogou aquela sentenza do TSXG e non só avalou os 15 de exposición ao público senón tamén que esta se fixese sen contar aínda cos informes sectoriais. Segundo o alto tribunal, a lexislación europea "non indica exactamente a ensamblaxe entre estes trámites" e "non impón expresamente que o trámite de consultas ás autoridades se efectúe necesariamente antes do trámite de información pública para incluír nel a información que de aquelas se obteña". 

Parques eólicos en montes galegos CC-BY-SA Praza Pública

Para o TSXG as leis estatal e galega "poderían non ter transposto adecuadamente" a normativa europea, polo que pide ao Tribunal da UE que concrete que informes se teñen que facilitar nas exposicións ao público

Agora o que fai o TSXG, a raíz doutra causa sobre outro parque eólico -neste caso A Raña III, en Mazaricos, recorrido pola asociación Petón do Lobo- é preguntar ao Tribunal da UE se a interpretación do Supremo é correcta de acordo coa normativa europea, a Directiva 2011/92/UE. A Xunta e a empresa promotora do parque consideran, en liña coa sentenza do Supremo, que a directiva europea "ofrecía aos Estados membros diversas opcións procedimentais sobre o momento no que se terían que realizar a información pública e as consultas ás autoridades", o que ao seu ver se respectou na lei estatal de 2013 que traspuxo a norma comunitaria. 

Porén, o TSXG ten dúbidas e di que o mandato da directiva europea aos estados membros "é claro: teñen que garantir que os principais informes sectoriais se poñan a disposición dos interesados para que poidan exercitar o dereito [...] de formular as súas alegacións con anterioridade á toma da decisión de efectos ambientais". E engade que "unha cousa é que se lles faculte para trazar a canle procedimental para aplicar aquela directiva e outra é que se lles autorice a prescindir de algún trámite, como o é poñer a disposición dos interesados ou afectados (que non só o é o promotor) os principais informes emitidos, ao obxecto de que poidan formular alegacións antes da toma de decisión de efectos medioambientais".

O TSXG entende que as leis estatal e galega "poderían non ter trasposto adecuadamente o esixido" na directiva europea "na medida en que se ben outorgan audiencia ao promotor tras os trámites de información pública e obtención dos informes sectoriais, privan aos interesados [na cidadanía en xeral] do seu dereito a formular as alegacións con anterioridade a que a autoridade competente adopte a decisión" sobre a autorización do proxecto. 

Por iso o TSXG pide ao Tribunal da UE que aclare cales son os "principais informes e ditames" que a normativa europea esixe poñer a disposición do público, se os informes contemplados na lei española son os que require a norma europea e se tanto a lei española como a galega se opoñen á esixencia da directiva europea de garantir que eses informes estean a disposición do público antes de que a administración autorice un proxecto.

Consideracións que o TSXG transmite ao Tribunal da UE para que este as aclare CC-BY-SA Praza Pública

Por outra banda, tras a súa sentenza orixinaria que invalidara a actuación da Xunta, e antes de que fose corrixida polo Supremo, o TSXG empregou a súa argumentación para suspender cautelarmente ducias de parques eólicos mentres non se pronunciase sobre a legalidade global dos proxectos. Despois da corrección do Supremo o TSXG tivo que reformular os seus criterios para ditar esas suspensións e este martes divulgou un balance que di que desde a resolución do alto tribunal estatal acordou 16 novas suspensións de parques eólicos porque neles tamén eran de aplicación outros criterios distintos do anulado en decembro. Pola contra, cos novos criterios o tribunal rexeitou a paralización cautelar doutros dous parques eólicos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.