Xinzo de Limia sae á rúa en reclamación dun servizo de pediatría "digno"

Manifestación en Xinzo de Limia en reclamación dun servizo de pediatría "digno" CC-BY-SA PSdeG

"No rural, onde que naza un neno ou unha nena é un acontecemento e unha onda de esperanza, é especialmente doloroso recibir ataques desta agresividade", salientan os convocantes

Xinzo de Limia acolleu este mediodía unha manifestación en reclamación dun servizo de pediatría "digno" no centro de saúde da localidade, que cobre outros concellos da comarca. A mobilización contou coa presenza do candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, así como representantes do BNG e outras formacións políticas, pero o PP rexeitouna por precipitada e pediu agardar a próximas reunións coa Consellería de Sanidade para tentar solucionar o problema. 

Manifestación en Xinzo de Limia en reclamación dun servizo de pediatría "digno" CC-BY-SA PSdeG

A descrición que fai a plataforma convocante da situación da pediatría en Xinzo é a seguinte. Con máis de 1.700 nenos e nenas adscritos ao centro de saúde, este perdeu en 2015 unha das dúas enfermeiras pediátricas que tiña. Canto ás matronas, ao centro acoden dúas, "unha delas compartida con Terras de Celanova que ven dous días á semana e outra compartida con Monterrei-Verín, que ven un único día e que nesta mesma semana colleu permiso ata marzo, de modo que, no mellor dos casos, matrona 2 días a semana". 

E no que respecta aos postos de médico pediatra, as dúas prazas están sen cubrir e "os únicos médicos que atenden ás nosas nenas e nenos son un médico de familia, de 9:00 a 13:00, e unha médica puericultora que ven 3 días á semana 3 horas cada día, que ademais, estas semanas, está de vacacións".

"A Sanidade é o servizo primordial da nosa sociedade. Que sexa pública é o garante de que tódalas persoas sexamos igual e debidamente atendidas. É posiblemente a meirande conquista social desta era. Deixar que esmoreza, deixar que nola rouben é coma permitir que nos arranquen o corazón, sustento principal da nosa vida", salienta a plataforma convocante que engade que "no rural, onde que naza un neno ou unha nena é un acontecemento e unha onda de esperanza, é especialmente doloroso recibir ataques desta agresividade".

Manifestación en Xinzo de Limia en reclamación dun servizo de pediatría "digno" CC-BY-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.