Canto se xoga en Galicia: cada persoa perde de 120 a 250 euros segundo o ano

Máquina comecartos nun local de hostalaría e perdas por tipo de xogo CC-BY-SA Praza Pública

A diferenza entre o gastado en xogos e apostas e os premios recibidos oscila cada ano segundo o azar, cun peso significativo das lotarías e apostas do Estado e unha cifra estable duns 50 euros ao ano por persoa nas máquinas dos bares

A cidadanía galega perde cada ano en xogos de azar e apostas entre 300 e 500 millóns de euros. Isto é, entre 120 e 250 euros por persoa maior de idade, xa que os menores o teñen prohibido. Esa é a diferenza entre o que se gasta en xogos e os premios recibidos, cunha oscilación importante polo azar e co exemplo significativo recente do premio gordo da lotaría de Nadal de 2022 que caeu en Vilalba. Se habitualmente Galicia perde en lotarías e apostas do Estado uns 200 millóns de euros, nese ano o azar fixo que a perda fose de menos de 9 millóns.

Tras repasar nunha anterior entrega a xeografía do xogo [Onde se xoga en Galicia: un bar con comecartos por cada 370 persoas], analizamos nesta peza canto perde a cidadanía galega en cada tipo de xogo.

Cejuego, asociación empresarial que di representar o 70% do sector do xogo privado en España, publica un informe anual sobre as grandes cifras do xogo no Estado e por comunidades autónomas. A última análise publicada ata o momento é a de 2022, que xunto coas de anos anteriores permite unha achega a un sector moi variable en función do azar.

O Gordo de Nadal caído en Vilalba en 2022 fai que nese ano as perdas en lotarías do Estado fosen mínimas, cando habitualmente supoñen uns 90 euros por persoa e ano

Segundo eses informes, en 2022 gastáronse en Galicia 730 millóns de euros en xogos de azar, recuperando así as cifras de entre 700 e 800 millóns ao ano nas que se movía o sector antes do baixón que supuxo a pandemia da COVID-19. Ese é o gasto total, ao que hai que descontar os premios entregados para obter o denominado xogo real, ou perdas das persoas xogadoras, que varían en función do azar, como se sinalou para o caso do premio gordo da lotaría de Nadal caída en Vilalba en 2022.

Esa singularidade de 2022 altera a liña habitual das perdas en anos anteriores, nas que o primeiro lugar o viñan ocupando as lotarías e apostas do Estado. Contan con máis de 900 administracións repartidas polo país nas que a cidadanía perde arredor de 200 millóns ao ano (uns 90 euros por cabeza), pero con notables oscilacións en función do azar. 

Unhas variacións que non son tan significativas, á marxe da pandemia da COVID-19, nas perdas nas máquinas emprazadas en locais de hostalaría, cuxos premios réxense por unha periodicidade fixa. Nese tipo de xogo, con máis de 7.000 bares e restaurantes implicados, as diferenzas entre gasto e premios roldan os 130 millóns de euros ao ano. Isto é, cada galego ou galega maior de idade perde ao ano uns 60 euros nesas máquinas. 

Tras as máquinas da hostalaría, os xogos da ONCE supoñen unha perda de entre 20 e 30 euros ao ano para cada galego ou galega, cifras novamente variables en función do azar dos números premiados. Así, en 2022 o xogo real nese eido, a diferenza entre o xogado e o gañado, ascendeu a 61 millóns de euros, mentres que no ano previo á pandemia fora de 45 millóns.

Por detrás os seguintes subsectores que deixan máis perdas son o das apostas e o das máquinas en locais de xogo específicos, cuns 30 millóns de euros cada un ao ano de diferenza entre gasto e premios. Isto é, preto de 15 euros de perdas por cabeza en cada subtipo de xogo.

E xa a máis distancia sitúanse as perdas en bingos (15,3 millóns de euros en 2022) e casinos (4,4 millóns).

Torneo de póker no casino da Toxa © Casino La Toja

A estas perdas habería que engadir as do xogo en liña, imposibles de cuantificar por comunidades autónomas pero que a nivel estatal Cejuego cifra en 963 millóns de euros en 2022 (fronte a 3.575 millóns xogados). Galicia ten arredor do 6% da poboación do Estado, polo que aplicando unha porcentaxe similar as perdas no xogo en liña poderían superar os 50 millóns de euros. Isto é, outros 25 euros de perdas por galego ou galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.