Greenpeace e OGACLI alertan do "estancamento" da transición enerxética e piden á Xunta "ambición na política climática"

Protesta nas instalacións de Reganosa en Mugardos © Greenpeace

No 2022 desecendeu o peso das enerxías renovables en Galicia e aumentou o dos combustibles fósiles importados, un freo no proceso de descarbonización da economía do país

A pasada semana coñecemos o último balance enerxético de Galicia, correspondente ao ano 2022, un documento que, en opinión de Greenpeace e o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI), confirma "que as políticas climáticas avanzan moito máis lentas do necesario". Os datos feitos públicos polo INEGA amosan un descenso do peso dos recursos renovables autóctonos con respecto aos combustibles fósiles importados e, en consecuencia, un incremento da dependencia enerxética de Galicia do exterior (o país importa dous terzos da enerxía que consome) e das fontes máis contaminantes.

As dúas entidades subliñan que este "estancamento" na transición enerxética debería obrigar ao novo Goberno galego, que vén de constituírse, a apostar por políticas climáticas máis ambiciosas de cara a acadar en Galicia un sistema eléctrico 100% renovable en 2030 e un sistema enerxético no seu conxunto 100% renovable en 2040.

Greenpeace e OGACLI reclaman da Xunta medidas para acadar un sistema eléctrico 100% renovable en 2030 e un sistema enerxético no seu conxunto 100% renovable en 2040

Manoel Santos, de Greenpeace, lembra que o pasado mes de outubro Rueda se comprometeu a acadar a neutralidade climática en Galicia en 2040. "Pero as políticas climáticas non se fan só con declaracións", destaca Santos. "Nin a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 nin o anteproxecto de Lei do Clima de Galicia están aliñados con ese obxectivo. Non avanzamos en renovábeis, nin en electrificación, nin en eficiencia. O necesario abandono progresivo dos combustíbeis fósiles nin sequera está enriba da mesa. Necesitamos mudanzas reais e mudanzas rápidas se queremos cumprir o acordo de París”, afirma 

Segundo o INEGA, a porcentaxe de recursos enerxéticos de orixe renovable transformados en Galicia para obter electricidade, combustibles e calor caeu do 25 ao 21% entre 2021 e 2022. As causas principais foron o aumento da actividade da refinaría de petróleo da Coruña (as súas importacións de cru medraron un 20%), o cativo aumento da potencia renovábel e a seca, que reduciu a achega das centrais hidroeléctricas. Os preocupantes últimos datos do INEGA van en consonancia coa análise que xa realizaran hai uns meses Greenpeace e OGACLI no informe Galicia máis aló dos combustibles fósiles

OGACLI e Greenpeace critican tamén "o escaso incremento da capacidade de produción renovábel" e a caída do peso da electricidade no consumo enerxético galego

A achega do gas fósil, importado en barcos como gas natural licuado (GNL) a través da regasificadora de Reganosa en Mugardos, mantívose en máximos no ano 2022. Greenpeace alerta de que o GNL é máis intensivo en emisións de gases causantes de cambio climático que o de gasoduto, especialmente o extraído mediante fracking, como é a maioría do procedente dos Estados Unidos, segundo país de orixe dos barcos metaneiros descargados na regasificadora galega en 2022, só por atrás de Rusia.

OGACLI e Greenpeace critican tamén "o escaso incremento da capacidade de produción renovábel", pois a potencia renovable eléctrica tan só medrou en 226 MW (+3%) entre 2019 e 2023, e lembran que é "un problema que se arrastra nos últimos anos". Segundo as organizacións, o ano 2022 non só foi malo para a electricidade renovable senón tamén para a electrificación, pois o peso da electricidade no consumo enerxético galego non só non subiu senón que mesmo baixou tres puntos, caendo até o 22,7%. 

Refinaría de petróleo da Coruña © Repsol

A cota de renovables no consumo enerxético final galego medrou un punto en 2022, ata o 44,7%, lonxe do obxectivo do 58% para 2030 formulado na Axenda enerxética 2030 da Xunta

A cota de renovables no consumo enerxético final galego, un indicador usado na política enerxética europea que ten tamén en conta datos de anos anteriores, medrou case un punto en 2022, ata o 44,7%, lonxe do obxectivo do 58% para 2030 formulado na Axenda enerxética 2030 da Xunta e aínda máis do 70%, obxectivo máis acorde coa ciencia para combater a emerxencia climática.

A boa nova é que o consumo galego de enerxía final (electricidade, combustibles e calor) baixou un 4,5% en 2022. Porén, este descenso estivo unicamente ligado ao sector industrial, debido á suba dos prezos da enerxía que se rexistrou hai dous anos e ao inicio da parada da planta de aluminio de Alcoa San Cibrao. De feito, o consumo da enerxía nos transportes -maioritariamente procedente de combustibles fósiles- medrou un 12,5% ese ano, retornando a niveis prepandemia.

"É lamentábel que en 2022, mentres apenas medraba a potencia renovábel, o consumo galego de combustibeis fósiles aumentase un 3%", di Xosé Veiras

Xosé Veiras, do OGACLI, destaca que "o aumento simultáneo da produción de electricidade renovábel e da electrificación, cando substitúe combustíbeis fósiles, non só contribúe á descarbonización senón tamén ao aforro de enerxía. Por iso, é lamentábel que en 2022, mentres apenas medraba a potencia renovábel, o consumo galego de combustibeis fósiles aumentase un 3%, impulsado sobre todo por un maior uso do gas fósil na xeración eléctrica e de produtos petrolíferos no transporte”.

Atasco de tráfico en Vigo CC-BY-SA Contando estrelas

Greenpeace e OGACLI reclaman alcanzar unha cota de renovables no consumo final do 70% en 2030 e o de abandonar o uso de gas fósil para a xeración eléctrica antes de 2030

Finalmente, Greenpeace e OGACLI volven poñer sobre a mesa un decálogo de obxectivos a medio prazo, acadables entre 2030 e 2040, para que Galicia complete con éxito a súa transición enerxética e a descarbonización da súa economía. Entre elas figuran o obxectivo de acadar en Galicia un sistema eléctrico100% renovable en 2030 e un sistema enerxético no seu conxunto 100% renovable en 2040. Tamén o de alcanzar unha cota de renovables no consumo final do 70% en 2030 e o de abandonar o uso de gas fósil para a xeración eléctrica antes de 2030. 

Apóstase igualmente por incrementar rapidamente a electrificación, que en 2030 debería aproximarse xa ao 50% e por acadar un parque de vehículos cero emisións antes de 2040. Deféndese finalmente planificar a fin das actividades de refino de petróleo e de regasificación de gas licuado, para acompasalas ao resto de obxectivos e, no que atinxe á demanda, recoméndase reducir a demanda de enerxía final á metade para 2040 con respecto a 2019.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.