O calendario do curso 24-25 xa é oficial: comeza o mércores 11 de setembro e remata o venres 20 de xuño

Imaxe dunha escola galega CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

O período de adaptación en infantil será dun máximo de 5 días e o Día do Ensino, non lectivo, fíxase o 31 de outubro, xoves, unido ao festivo do 1 de novembro

A Consellería de Educación vén de publicar este martes no Diario Oficial de Galicia o calendario oficial para o curso 2024/25 nos centros públicos e concertados. O ensino obrigatorio terá un mínimo de 175 días lectivos e as actividades comezarán o mércores 11 de setembro e durarán ata o venres 20 de xuño, ambos incluídos, para toda a educación abranguida: infantil, primaria, secundaria obrigatoria, bacharelato, FP e réxime especial. 

Porén, para o segundo curso de bacharelato a impartición efectiva das clases rematará de acordo coas datas previstas para a avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU), que se celebrarán os días 4, 5 e 6 de xuño.

Aula baleira nun centro de Primaria, nunha imaxe de arquivo © Xunta

Estas son as principais datas do calendario escolar: 

  • Vacacións escolares: No Nadal, desde o luns 23 de decembro ata o martes 7 de xaneiro, ambos incluídos. No Entroido, do luns 3 ao mércores 5 de marzo. En Semana Santa, do luns 14 ao luns 21 de abril, ambos incluídos.
  • Festivos: Ademais dos festivos de ámbito estatal, galego ou local, e dos ata dous días non lectivos que pode establecer cada centro educativo, tamén será non lectivo o Día do Ensino, que no próximo curso queda fixado para o xoves 31 de outubro, sendo o venres 1 de novembro festivo.
  • Período de adaptación en educación infantil: O DOG establece que "a incorporación gradual do alumnado" no cuarto curso de educación infantil "non se prolongará máis alá do 17 de setembro de 2024, martes. Isto é, durará un máximo de 5 días. 
  • Comedores escolares: Funcionarán durante todo o período de actividades lectivas, do 11 de setembro ata o 20 de xuño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.