O primeiro treito da AP-9 fai 45 anos coa concesión en cuestión pola UE e beneficios récord para Audasa

Audasa obtivo o pasado ano un beneficio récord de 82,6 millóns de euros CC-BY-SA Imaxe: Audasa | Montaxe: Praza Pública

O 27 de abril de 1979 abría ao tráfico o treito entre A Coruña e Santiago, seis anos despois de que Franco outorgase por 39 anos unha concesión que despois sería prorrogada varias veces, a última por Aznar e baixo sospeitas de ilegalidade

A media tarde do 27 de abril de 1979 Autopistas del Atlántico SA (Audasa), sociedade creada seis anos antes, comezaba a cobrar cartos, daquela en pesetas. O ano pasado foron 192,6 millóns de euros, dos que 82,6 foron beneficios, o seu récord histórico. E non debera haber máis, porque a concesión que a empresa ten sobre a AP-9, a principal vía de comunicación de Galicia, tiña que rematar o pasado agosto.

Pero o que pasou nestes 45 anos desde a apertura ao tráfico do primeiro treito da AP-9 entre A Coruña e Santiago foi que sucesivos gobernos foron ampliando a concesión, a última vez en 2000, ata 2048. Unha decisión do Goberno de José María Aznar que a UE vén analizando desde 2021 por non tomala cun concurso público senón discrecionalmente. Dous anos e medio despois, este mércores a Comisión Europea pediu máis explicacións a España.

A concesión para construír e explotar a AP-9 foi outorgada nun Consello de Ministros presidido por Franco no Pazo de Meirás o 17 de agosto de 1973. Naquel momento o período concesional era de 39 anos, contados a partir da publicación daquela decisión ao día seguinte no Boletín Oficial del Estado. Isto é, a concesión remataría o 18 de agosto de 2012.

En 2000 Aznar prorrogou a concesión 25 anos, ata 2048, e despois privatizou a concesionaria, ante o que agora a Comisión Europea considera que se vulnerou a normativa comunitaria que xa daquela obrigaba a convocar un concurso público

O primeiro treito da autoestrada, entre San Lázaro, en Santiago, e A Barcala, nas proximidades da Coruña, foi empregado comercialmente por primeira vez seis anos despois, na tarde do 27 de abril de 1979, por un SEAT 1430, pero os seguintes treitos foron demorándose mentres os bancos que lograran a concesión do franquismo non eran quen de facela rendible. O Estado interveu, primeiro cunha prórroga dun ano durante o goberno de UCD, despois co rescate da concesionaria, que se converteu en sociedade pública, e novamente con outra prórroga de dez anos en 1994, durante o goberno de Felipe González, a cambio da gratuidade das peaxes nos treitos urbanos da vía e de que se axilizase o treito entre Vigo e Tui.

Tras esa prórroga socialista o remate da concesión da autoestrada, en mans da daquela pública Audasa, quedou fixado para o 18 de agosto de 2023. Pero o 13 de xaneiro de 1998 o Discoverer Enterprise rachou amarras no estaleiro de Astano e bateu contra a ponte das Pías, daquela único acceso a Ferrol cruzando a ría desde Fene. Un accidente que levou ao Goberno de José María Aznar a acelerar a prolongación da AP-9 ata Ferrol desde Fene, onde remataba daquela. Fíxoo a través dun real decreto publicado no BOE o 5 de febreiro de 2000 que, ao tempo que establecía que o novo treito Fene-Ferrol sería libre de peaxe, prorrogaba a concesión 25 anos máis, ata o 18 de agosto de 2048

Publicación no BOE da ampliación da concesión da AP-9 ata 2048 e nota oficial sobre a privatización da Empresa Nacional de Autopistas, que incluía a Audasa CC-BY-NC-SA Praza Pública

E tres anos despois de ampliar a concesión, o mesmo Goberno de Aznar a privatizaba. Era unha autoestrada máis atractiva para os investidores xa que o seu prazo de concesión pendente viña de pasar duns 20 a uns 45 anos.

Porén, en setembro de 2021 a Comisión Europea decidiu abrir unha investigación a España sobre esa última prórroga. A normativa comunitaria de defensa dos mercados e a libre competencia establece que "a prórroga dun contrato de concesión equivale a unha nova concesión que só pode adxudicarse mediante licitación".

Esa normativa xa estaba en vigor cando Aznar tomou a súa decisión, pero "España ampliou a duración da concesión da AP-9 sen iniciar previamente un procedemento de licitación pública", di a Comisión Europea. Dous anos e medio despois segue sen ver xustificado o sucedido e este mércores anunciou a remisión ao Estado un "emprazamento complementario" para reclamarlle máis explicacións.

O presidente preautonómico Rosón inaugura a AP-9, primeiros vehículos circulando e obras da autoestrada en Pontevedra e Santiago © Imaxes de TVE (27/4/1979) e do documental de Llorenç Soler sobre as mobilizacións contra a construción da AP-9

Pero mentres a concesión segue funcionar e Audasa a cobrar. O pasado ano, segundo o balance feito público hai un mes, foron 192,6 millóns de euros ingresados por peaxes, dos que 134 foron pagados polas persoas usuarias e 58,5 millóns achegados polo Estado a través das diversas bonificacións ou peaxes en sombra implantados na autoestrada ao longo dos anos, outro atractivo e garantía de ingresos para a empresa concesionaria. Unha Audasa que vén amosando que non só non está disposta a perder cartos senón tampouco a deixar de gañar todo o que poida. 

Audasa xa avanzou que, no caso de que a Comisión Europea anule a prórroga da súa concesión, reclamará ao Estado unha indemnización de máis de mil millóns de euros

Ante as restricións de mobilidade da pandemia da COVID-19 en 2020, ano no que aínda así obtivo uns beneficios de 33 millóns de euros, a empresa reclamou ao Estado ata 46 millóns polo que di que deixou de gañar, petición que vén de ser rexeitada polo Tribunal Supremo nunha sentenza avanzada por Praza.gal hai dúas semanas. Igualmente, a empresa vén recorrendo aos tribunais para tentar non asumir responsabilidades en accidentes 

E xa avanzou que, no caso de que a Comisión Europea anule a prórroga da súa concesión, reclamará unha indemnización ao Estado por máis de mil millóns de euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.