"As Neves' é unha película de xente boa facendo cousas malas sen querer"

Sonia Méndez durante a rodaxe do filme 'As Neves' © Leo López

Un filme sobre as relacións entre un grupo de adolescentes nunha vila galega na que viven transitando a fronteira entre a hiperconectividade e o illamento. 'As Neves' chega aos cines o 10 de maio

Sonia Méndez (Vigo, 1980) estrea o 10 de maio a súa primeira longametraxe de ficción, As Neves, na que leva traballando cinco anos e que produce desde a produtora Cósmica, que dirixe xunto a Nati Juncal, en colaboración coa produtora Aquí y allí. Un filme sobre as relacións entre un grupo de adolescentes nunha vila galega na que viven transitando a fronteira entre a hiperconectividade e o illamento. 

Méndez é a autora da película documental A poeta analfabeta, que conta a historia da poeta Luz Fandiño, finada hai uns días con 92 anos en Compostela. O filme, que pode verse no sitio web da TVG, serve de retrato dunha muller que fascinou a cineasta desde o seu primeiro encontro na presentación dun libro. En As Neves conta cun potente elenco de rapazas e rapaces aos que a directora e guionista foi atopando en entrevistas polos institutos de todo o país, a película mostra como a paisaxe e a climatoloxía tamén poden condicionarnos como persoas.

Cando comezou esta historia na súa cabeza?

Vén de varios puntos, non sabería dicir cal foi exactamente o xerme. Sei que sempre quixen facer unha historia de adolescentes en Galicia e en galego. Iso tíñao clarísimo, faltábame. Non había nada no audiovisual que lles apelase, que non sei se a palabra é honesta, pero penso que faltaba ese relato. Tamén sentía moita curiosidade polo contraste entre a hiperconectividade e o illamento e coñecer máis a estas xeracións. A adolescencia en cada época ten un contexto distinto e quería explorar o que pasa con toda esa excitación adolescente, e todas esas emocións que se viven por primeira vez, nun contexto moi dixitalizado e, á vez, moi analóxico.

Fotograma do filme con Antía Mariño e Andrea Fernández © Cósmica / Aquí y allí

De feito, chama a atención como no momento no que a vila na que sucede a historia queda sen cobertura de internet a vida volve ser como hai un século practicamente.

Hai algo pretendido no filme que ten que ver con esa volta ao analóxico, que non é pretendida, pero progresivamente o mundo dixital vai desaparecendo e de pronto non sabes exactamente en que época estás. Pero dá igual, porque quería contar como no fondo a adolescencia é a adolescencia: abúrrense igual, divírtense igual e teñen os mesmos conflitos. Que pasa se lles vas quitando os móbiles e internet e vai quedando o que é estar cos colegas e pasalo ben, que é o que queren, ou raiarse a cabeza, que tamén é algo que pode pasar cando xa non tes estímulos exteriores. Aínda que a película está nun contexto contemporáneo, había unha vontade de que fose atemporal para que se puidera ver en calquera parte do mundo e te enganchase. Ademais, as tecnoloxías quedan obsoletas moi rápido, ves unha peli de 2005 e xa parece que queda antiga. Entón, queriamos que transcendese a iso. Non só é unha peli de móbiles e redes, é unha película sobre uns rapaces vivindo unha viaxe psicolóxica na súa adolescencia que os vai levar a cambiar.

"Que pasa se lles vas quitando os móbiles e internet e vai quedando o que é estar cos colegas e pasalo ben, que é o que queren, ou raiarse a cabeza, que tamén é algo que pode pasar cando xa non tes estímulos exteriores"

É deliberado o feito de que a rapazada protagonista recorra ao alcol como eixo da diversión/desconexión nas súas vidas?

Cando eu era adolescente faciamos moitos botellóns, había que bebía máis e quen menos, pero a relación coa substancia penso está moi relacionada co espírito adolescente de pertencer ao grupo e demais. A protagonista non bebe todo o tempo, é como unha evasión que penso que está dentro dun espírito adolescente. Tamén é certo que na película estamos sempre con eles e non sabemos nada que eles non saiban, non temos a parte do relato adulto. A min isto era o que me parecía interesante porque penso que é o máis honesto que podes ensinar. Na lóxica adolescente, sen móbiles e sen internet, cun temporal no que non pode quedar cos colegas, o que fai é poñer música e beber alcol.

O peso do filme está nesa rapazada protagonista, como foi o proceso de audicións ata dar co elenco? Porque foi vostede a encargada do casting tamén.

Foi moi exhaustivo. Vin a todos e todas as que quixeron vir e fun guiándome pola intuición. Progresivamente, despois de moitas probas, foi quedando esta pandilla, e traballei moito con eles. Fixemos convivencias na propia Fonsagrada nos espazos onde logo iamos rodar, fóronse facendo amigos entre eles e conseguimos xerar moita confianza deles comigo, que me permitiu saber como ir facendo a dirección de actores con cada un. Era imprescindible contar cun bo elenco porque cando as espectadoras vexan o filme xa se decatarán de que todo se sostén con eles e elas, se non funcionasen non funcionaría a película tampouco. O difícil é traballar a dirección de actores para que non pareza que están actuando e que son adolescentes reaccionando, sen máis. Isto é moi importante en películas que son moi naturalistas, como quere ser esta.

Sonia Méndez nun momento da gravación © Paula Quiroga

"Quería unha banda sonora que reforzase o conflito que está nas súas cabezas, que tampouco acabas de entender"

Dicía que sempre quixo facer unha película con adolescentes, quería que fose a súa primeira experiencia nunha longametraxe de ficción e con actores non profesionais?

O proceso foi moi longo, foron cinco anos, tes que querer moito facer unha peli. Estrear nunha sala, tal e como están as cousas, é unha milagre. Por algún motivo quería facer un filme así, si. Pero para min eles son actores, son rapaces que queren ser actores; de feito, algúns deles estanse formando e van nese camiño e outros descubriron aí algo que lles pode interesar. Nesas idades tamén é moi difícil atopar actores ‘profesionais’. En todo caso, a min encántame traballar con actores... Quen me dera facer outra peli na que poder traballar cun montón de actores e actrices que coñezo de Galicia e que me encantan.

As Neves ten unha atmosfera especial, apoiada en parte na súa banda sonora orixinal, da man do músico británico Andy Bell, membro da banda Ride e que formou parte de Oasis e Beady Eye, e producida polo galego Xavi Font. Por que é tan especial para vostede?

Escribirlle a unha persoa da que es fan, con moitísimo respecto, e que che conteste! Pois como se fose unha adolescente! Estamos falando dunha persoa á que non pensaba que tivese acceso, é a banda sonora soñada. Eu quería unha banda sonora que reforzase o conflito que está nas súas cabezas, que tampouco acabas de entender. Ese espírito adolescente para min era o acople, a pesar de que non é música desta xeración, para min iso está na distorsión. Con todo iso foise compoñendo a banda sonora, cun traballo chulísimo de Xavi Font na post-produción sonora.

Na miña vida a música é moi importante, tamén a nivel creativo, a pesar de que non sei tocar ningún instrumento; pero traballar con Andy Bell en Galicia foi un privilexio porque é un dos mellores guitarristas do mundo. Ademais, esta banda sonora é atmosférica e axuda a que como espectador entres nesa atmosfera de As Neves. Todo xoga a favor de conseguir iso, e Andy colleuno con moitísimo respecto e ilusión.

"En Galicia ben sabemos que a climatoloxía conforma o carácter, por iso para min era importante poder rodar na Fonsagrada"

Dentro desa atmosfera que constrúe hai referencias a Twin Peaks?

Eu son moi fan de Twin Peaks e penso que forma parte do noso imaxinario porque conta a historia dunha vila na que parece que non pasa nada pero pasan moitas cousas, na que parece que todo o mundo é unha cousa pero logo resulta que é outra. Entón, un pobo de montaña no que parece que non pasa nada e, de pronto, pasan cousas sempre che leva a esa referencia. Supoño que cando levas tanto tempo con algo, e para min David Lynch e Twin Peaks son fundamentais, traspasarase algo a través dos poros ao que fas. As Neves non é Twin Peaks, pero é o retrato dun lugar ficticio que podería estar en calquera parte, e nese sentido poden estar conectadas. Hai un rollo de ‘visite As Neves’, tamén.

De feito, a paisaxe no filme funciona case como un personaxe máis porque tamén vai cambiando.

É que é un personaxe máis. A paisaxe condiciona os caracteres dos personaxes. Obviamente non é o mesmo levantarse e ter diante unha rúa cun bar e xente movéndose dun lado ao outro que convivir con esa paisaxe que teñen eles. En Galicia ben sabemos que a climatoloxía conforma o carácter, por iso para min era importante poder rodar na Fonsagrada. Á parte, aquí tamén podía empregar lugares abandonados, dun pasado que xa non existe, e mostrar como esta nova xeración ocupa eses lugares que antes foron dos seus pais e das súas nais e os transforman para eles.

O colexio onde celebran a festa é un instituto real abandonado no monte onde estudaron as xeracións anteriores da zona, aí houbo EGB. E o bar pechado onde se reúnen tamén foi unha sala de festas da Fonsagrada na vida real. Para min era importante que eses espazos tivesen vida e ver como a rapazada os ocupa. É a mellor maneira de falar de como cambian e se transforman os lugares.

"Para min é unha película guai para ir ver cos teus fillos porque ao saír do cinema podedes manter un debate que axude a que vos comprendades mellor"

E tamén conecta as xeracións de pais e fillos, neste caso.

É que eses instituto abandonado funciona como de espello co instituto onde estudan agora. O que pasa é que me dixeron que antes había entre 50 e 70 alumnos e agora mesmo no instituto da Fonsagrada hai moitísimos menos.

O feito de que a historia suceda nunha contorna rural era importante para vostede como narradora?

Si, era importante porque quería traballar ese contraste entre hiperconexión e illamento. Obviamente porque é unha historia na que se conta que hai un temporal, algo que ten que ver coas neves e o feito de que o pobo queda incomunicado. Quería que iso se entendese como algo real na propia contorna porque sucede así na Fonsagrada cando neva. Nós na rodaxe vivímolo, de feito, para chegar á rodaxe iamos con protección civil e quitaneves e por momentos non dabamos chegado. Era importante que iso se entendese como que podía pasar, e logo ademais A Fonsagrada é un sitio que está por enriba do nivel do mar, no máis alto de Galicia, e ten a peculiaridade de que non hai nada máis alto: mires cara a onde mires ves o ceo. Ese mar de nubes que está por debaixo da Fonsagrada que se ve na película é real e é unha pasada.

Como vive os momentos previos a compartir o filme, porque o proceso dun filme non remata ata que se comparte coas espectadoras.

Esta é a primeira vez que vivo este proceso, e agora é como que a película vai ser da xente, e a xente levaraa consigo e a rematará de construír en función de como a sinta e como a viva. A min gustaríame que foran vela ao cinema, que se deixen levar e que visiten As Neves. Que se xere unha conversa, para min é unha película guai para ir ver cos teus fillos porque ao saír do cinema podedes manter un debate que axude a que vos comprendades mellor. A película deixa a pregunta de ‘que farías ti se sendo adolescente che pasase algo así?’. Ao final, é unha peli de xente boa facendo cousas malas sen querer. Non xulga aos rapaces, ségueos e enténdeos cando os entende. Todos fomos adolescentes, pero quizá nos falta colocarnos no seu punto de vista cando somos adultos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.