• Entrevista | Marta Hazas e Javier Veiga
  • Cultura

"Parece que aquí en Galicia non poden pasar cousas urbanas, só no rural"

Marta Hazas e Javier Veiga na rodaxe de 'Amigos hasta la muerte' © Aigiboga

'Amigos hasta la muerte' transcorre entre os límites da comedia e do drama nunha historia que pon a amizade no centro. Dirixida e escrita por Javier Veiga, nela se estrea como produtor xunto a Marta Hazas, tamén protagonista do filme, que se estrea o 22 de setembro

“É unha película que fala da amizade levada a tal extremo que, cando uns amigos se enfrontan ao máis forte que se pode un enfrontar na vida –a morte–, incluso aí a amizade e o amor fan que poidas ver as cousas dende outro prisma”. O grovense Javier Veiga e a santanderina Marta Hazas estréanse na produción cinematográfica dende Mediolimón con Amigos hasta la muerte, unha película escrita e dirixida por Veiga que ambos protagonizan xunto ao actor mexicano Mauricio Ochmann. A perda é un punto de vista, di a personaxe que interpreta Hazas, pois a intención deste filme é abordar a morte como inevitable, como parte da vida, e navegar nese horizonte no que se achegan o drama e a comedia.

Marta Hazas e Javier Veiga rodéanse de amizades para esta cinta da que falamos con eles en Santiago de Compostela –onde remata a historia– uns días antes da súa estrea, que será este venres 22 de setembro nas salas de cine.

Na película dise que “a risa pode rir da morte, pero a morte non pode matarnos da risa”, resume isto o espírito do filme?

Javier: Si, por que non se pode facer comedia disto? Non está faltando ao respecto a ninguén, ao contrario, creo que calquera persoa se vai sentir reconfortada con esta película, ou iso é o que quero pensar: que te vas sentir reconfortado cunha historia bonita, que vas estar sentado nunha sala de cine durante hora e media rindo e logo igual te emocionas, pero que o fas dunha maneira bonita, saes da película cun sorriso porque ás veces non hai nada máis pracenteiro que botar unha lágrima e quedar a gusto.

Marta: Nos festivais polos que xa pasou a película –que se presentou no Festival de Cine de Málaga– achegóusenos un montón de xente a contarnos a súa historia e a darnos as grazas porque a experiencia de ver a película foi un pouco catártica para eles e saían de vela con moi bo rollo.

Javier Veiga nunha escena de 'Amigos hasta la muerte' en Ourense © Aigiboga

"É unha historia que ten que emocionar, pero tamén quero que o público poida rir, que teña momentos de esmendrellarse coa risa no cine", di Javier Veiga

Como se fai para atopar ese equilibrio?

Javier: Isto era o gran reto da película, a gran dificultade e, á vez, o máis emocionante. Atopar este ton, que era unha fina liña vermella entre a comedia e o drama sen traizoar a ningunha das dúas. É unha historia que ten que emocionar, pero tamén quero que o público poida rir, que teña momentos de esmendrellarse coa risa no cine, pero que despois se deixe levar polos personaxes e pola emoción e acabe co corazón encollido. E creo que ambas cousas poden convivir, aínda que é verdade que é un ton pouco habitual, pero pola sensación que dá tras falar co público pensamos que o logramos.

Marta, vostede viña de enfrontarse á morte como intérprete dunha maneira moi distinta na serie Días Mejores, como se prepara para esta personaxe?

Ao contrario que en Días Mejores, que é unha persoa moito máis clara, máis directa e sen dobreces, aquí tiña que interpretar unha personaxe que está chea de capas e na que é moi importante todo o que non di. Quería facer unha interpretación honesta, que se o espectador volve ver de novo o filme vaia poder ir atando cabos e ver cousas na miña personaxe que diga ‘pois agora entendo esta reacción’ ou ‘agora sei por que esta mirada ou este silencio’. É o soño de calquera actriz que che dean unha personaxe na que ir facendo un montón de matices, máis aínda nunha historia que está contada dende o punto de vista da miña personaxe. É algo súper rico e paseino moi ben facendo a película.

"Ao final é material sensible co que traballamos e que haxa aí algo latente facilita moito o traballo", salienta Marta Hazas

E Javier, cando escribía o guión xa tiña claro que Marta ía ser a protagonista?

No momento que parte a idea non, pero desde que soubemos que iamos producir a película, que é cando o guión vai collendo xa a forma concreta, xa o souben. Aí xa souben que ía ser Marta e que ía rodar en Galicia. Resulta moi cómodo escribir así porque fas como un traxe a medida, sabendo incluso meses antes onde vas rodar. A min encántame ir a localizar eu mesmo e ver os sitios antes con tempo para atopar cousas que incluír nas secuencias. Ademais, saber quen vai ser o elenco axuda moito a dar matices, estás sentado escribindo e case escoitas a súa voz, a personaxe xa me falaba coa voz de Marta.

Hai unha complicidade entre ambos –parella na vida real e na ficción– que non se pode interpretar, non si?

Marta: Pois ás veces pasa que na pantalla non funcionas con xente que son un amigo ou unha amiga moi íntima, pero no noso caso, como xa nos coñecemos traballando, creo que ao entender a profesión da mesma maneira hai unha química que si traspasa a pantalla. Ao final é material sensible co que traballamos e que haxa aí algo latente facilita moito o traballo porque cunha mirada xa te entendes ou xa tes no teu imaxinario como che vai responder o outro nun momento dado. Hai algo aí intanxible que penso que é moi máxico á hora de traballar.

Javier: Marta pon un exemplo que me gusta moito, que isto é como xogar ao tenis a dobres. Non hai que ser os mellores xogadores do mundo, pero as mellores parellas de dobres son xente que se compenetra ben. Entón, creo que isto é unha boa maneira de definilo, que se nos dá ben xogar a dobres.

Sendo o filme Amigos hasta la muerte, era necesario rodearse de amizades no resto do elenco?

Javier: Neste caso era inevitable, si. De todas maneiras gústame traballar con xente achegada, que se converte en familia traballando. Porque non son amizades da infancia, son amigos que fixen na profesión porque nos gusta vivir isto dunha maneira semellante, porque nos entendemos traballando e tamén despois. É o caso de Touriñán, David Amor, Xoel López, Fele Martínez... É moi enriquecedor para a historia ter amigos nos que confías porque sabes moi ben o que che van dar e como sacarlle partido a todo iso.

"Creo que ver outras vidas urbanas tamén lle abre un pouco a cabeza ao espectador, non todo o mundo vive en Madrid e Barcelona", sinala Veiga

Dicía Javier que lle gusta buscar as localizacións, a película rodouse entre Ourense, O Grove e Santiago de Compostela e destacan os planos da zona vella ourensá, como os escolleron?

Javier: Funme a Ourense en dúas ocasións e dediqueime a percorrer as rúas da cidade, e atopamos tamén a localización principal da película, que é un café-concerto en pleno centro de Ourense. A verdade é que Ourense pode ser unha cidade menos coñecida fóra, pero ten un centro histórico fermoso. É unha historia moi urbana que temos a sorte de que suceda nunha cidade tan especial e pouco fotografada, porque case sempre que se vai rodar a Ourense faise no rural.

Marta: Tivemos a sorte de atopar La zapatería del abuelo, un bar moi fermoso, que era perfecto para rodar.

Javier: Eles o teñen como un sitio máis de café e nos queriamos convertelo nun bar cun rollo máis canalla así que houbo un traballo de ambientación do equipo de arte, pero os donos foron moi amables desde o principio.

Foi unha aposta concreta o feito de mostrar unha Galicia máis urbana? Semella que se exportan pezas audiovisuais que suceden máis no rural galego que nas cidades.

Javier: Para min parte do atractivo era xustamente iso. A min cánsame a idea de que aquí só existe o rural. A maioría da xente vive nas cidades e a vida urbana é exactamente igual en Ourense, A Coruña ou Santiago que en Valencia ou Sevilla. Parece que aquí en Galicia non poden pasar cousas urbanas, só no rural, e en xeral incluso cousas algo turbias e de xente que vive illada. Entón, o feito de poder rodar unha historia urbana aquí parecíame importante. Podería ser noutro lugar, esa parte realmente si, o que non podería ser noutro sitio é a parte do Camiño de Santiago, pero é que tamén pode ocorrer en Ourense e creo que iso é o importante. Creo que ver outras vidas urbanas tamén lle abre un pouco a cabeza ao espectador, non todo o mundo vive en Madrid e Barcelona, que ás veces dá esa sensación vendo cine.

Fotograma da película con Ochmann, Hazas e Veiga en escena © Mediolimón

Ambos son produtores da cinta, unha tendencia cada vez máis presente no cine que haxa unha participación en todo o proceso.

Javier: Si, a tendencia vai por aí, ten que ver en cada vez máis xente quere implicarse no que fai. E a maneira de implicarse é arremangarse, pero é certo que dá moita dor de cabeza, require moito esforzo e dedicación, pero a recompensa é moi grande: supón poder contar as cousas á túa maneira. Aínda que é fantástico ter socios tamén, e aquí os temos, pero estar implicado na produción e coñecer o que se fai é a maneira de que o produto sexa realmente teu.

Marta: Ademais, no caso dos creadores que escriben o seu guión e teñen moi claro como facelo de carne e óso paréceme interesante ter o control da obra completa. Por outra banda, tampouco tes escusa se non sae como esperabas.

"Eu que son cántabra levo escoitando desde pequena os debuxos animados en galego, series como Dragon Ball exportábanse ao resto de comunidades", conta Hazas

Amigos hasta la muerte é unha coprodución coa mexicana Onírica Films a través de Mauricio Ochmann, o terceiro protagonista da película, xunto a Eduardo Canto. Funcionan mellor as coproducións?

Marta: Creo que levamos anos desaproveitando que todos falamos a mesma lingua [o español] e é unha mágoa que, da mesma maneira que fan estadounidenses, británicos e australianos, que a súa ficción viaxa, era unha mágoa que nós non o fixeramos máis. E logo, no caso concreto desta peli de galegos, con toda a emigración a México desde Carballiño ou Avión, era moi natural que un dos personaxes fora mexicano. De feito, Mauricio cando veu aquí para a rodaxe era súper coñecido. Ademais, a ficción española está funcionando de forma incrible en Latinoamérica, estamos moi contentos porque conseguimos ser número un coa película, que leva un mes estreada alí; e nos Estados Unidos estamos tamén entre as pelis máis vistas, iso hai anos era algo impensable.

Vostedes traballan cun pé aquí e con outro fóra, como ven o momento actual do audiovisual galego?

Marta: Coa experiencia que tivemos con esta película, que foi moi complicado conseguir equipo para traballar porque está todo o mundo traballando, creo que está nun momento moi moi bo. Ademais, en Galicia hai unha televisión autonómica moi potente e tedes feito series moi famosas que se exportaron fóra. Eu que son cántabra levo escoitando desde pequena os debuxos animados en galego, series como Dragon Ball exportábanse ao resto de comunidades que non temos unha televisión tan potente. Aquí tedes uns profesionais de moito talento, eu teño traballado moito coa produtora Bambú e todos veñen do audiovisual galego.

Javier: Para esta película ademais estamos asociados coa produtora Undodez [da man de Xosé A. Touriñán] e rodar aquí é moi fácil porque hai moitos profesionais, e moi bos, en todos os departamentos. Iso fai moi cómodo traballar aquí porque hai moito talento e un gran estudio de gravación natural, e iso non é igual en todas partes. O momento é moi bo e espero que así siga.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.