20 eólicos suspendidos e 2 que continúan desde que a xustiza restrinxiu criterios para ditar medidas cautelares

Parques eólicos suspendidos cautelarmente polo TSXG CC-BY-SA Praza Pública

Os proxectos, dunha ducia de empresas, espallaríanse por 40 concellos e agora son paralizados temporalmente mentres o tribunal analiza as súas autorizacións

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) divulgou este venres varios autos con novas decisións sobre suspensións cautelares de parques eólicos logo de adaptar os seus criterios sobre ese tipo de medidas temporais ao establecido polo Tribunal Supremo na súa sentenza do pasado decembro na que validou a tramitación dos proxectos que estaba a facer a Xunta. Cos novos autos agora coñecidos xa son 20 os proxectos suspendidos de xeito cautelar polo seu posible risco ambiental á espera de que o tribunal analice o fondo da cuestión e se as súas autorizacións cumpriron coa legalidade. 

Ademais dos 20 parques suspendidos, dunha ducia de empresas e que se espallarían por 40 concellos, o TSXG tamén validou ata agora a continuidade de dous parques mentres non se pronuncia sobre o fondo da cuestión. En varios casos o TSXG emitiu varios autos sobre un mesmo parque porque as medidas cautelares as pediron entidades distintas.

Ademais de adaptar os seus criterios para decidir sobre as peticións de suspensión cautelar de proxectos, o TSXG vén de preguntar ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea se a lexislación estatal e galega -e a decisión do Supremo que a avalou- é correcta.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

Esas dúas decisión, seguir suspendendo parques cautelarmente polo seu posible risco malia a sentenza do Supremo favorable á Xunta e elevar a cuestión ao Tribunal da UE, veñen provocando duras críticas ao TSXG tanto desde o Goberno galego como desde patronal e sindicatos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.