As iranianas Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi, condenadas a prisión polas súas informacións, gañan o Premio Couso

Niloofar Hamedi e Elaheh Mohammadi © Mehrdad Aladin/dpa/Alamy Live News

A candidatura impúxose ás outras finalistas: a do xefe da oficina de Al-Jazeera en Gaza Wael Al-Dahdouh; a do xornalista vasco encarcerado en Polonia Pablo González; e á de Fran Sevilla, veterano periodista radiofónico madrileño especializado na cobertura de conflitos

Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi, xornalistas iranianas coñecidas por informar do caso de Mahsa Amini e condenadas a prisión polas súas informacións, son as gañadoras da vixésima edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. A organización do galardón deu a coñecer este venres en Ferrol o resultado das votacións realizadas nas últimas semanas polas persoas colexiadas do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e asociadas do Club de Prensa de Ferrol.

A candidatura de Hamedi e Mohammadi impúxose ás outras tres finalistas: a do xefe da oficina de Al-Jazeera en Gaza Wael Al-Dahdouh; a do xornalista vasco encarcerado en Polonia Pablo González; e á de Fran Sevilla, veterano periodista radiofónico madrileño especializado na cobertura de conflitos

Anuncio da candidatura gañadora da vixésima edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, este venres en Ferrol © CPXG

A contorna das xornalistas informou á organización da absoluta imposibilidade de tan sequera falar con elas para facerlles chegar a concesión do galardón

A contorna das xornalistas informou á organización da absoluta imposibilidade de tan sequera falar con elas para facerlles chegar a concesión do galardón, por medo a que sufran represalias se manteñen algún tipo de contacto con organizacións de xornalistas no exterior. Desde a organización exixiuse ao goberno de Irán que garantan a seguridade de Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi, e cesen a continua persecución que están a sufrir nese país as xornalistas e as mulleres en xeral.

Detidas por informar do asasinato de Mahsa Amini a mans da policía iraniana por non levar correctamente o veo, pasaron 15 meses en prisión. En xaneiro, tras numerosas protestas, foron postas en liberdade baixo fianza, pero coa prohibición de deixar o país ou exercer a profesión. Ao día seguinte da súa liberación, foron denunciadas por non levar o veo

Nilufar Hamedi (Babol, 1992) é xornalista do diario reformista iraniano Shargh. O 16 de setembro de 2022, conseguiu acceder ao Hospital Kasra de Teherán, onde se encontraba en coma a moza de 22 anos Mahsa Amini, logo de ser detida pola policía da moral por levar supostamente o veo de maneira "inadecuada". A foto que Hamedi sacou dos pais de Amini abrazados no hospital fixose viral durante as protestas que sucederon á morte da moza. Pola súa banda, Elaheh Mohammadi (Teherán, 1986) é reporteira de sociedade e temas relacionados coa muller no xornal Ham-Mihan. En setembro de 2022, trasladouse a Saqqez para cubrir o funeral de Mahsa Amini e informou sobre o ataque da policía durante as honras fúnebres. 

A finais de setembro dese ano, ambas as dúas foron detidas no contexto dos disturbios que sacudían o país, nos que foi detida a xornalista galega Ana BaneiraA Elaheh Mohammadi aplicóuselle unha pena total de doce anos: seis por colaboración con Estados Unidos, cinco por conspiración contra a seguridade nacional e un por propaganda contra a República Islámica. Pola súa banda, Nilufar Hamedi foi condenada a trece anos: un máis que a súa compañeira por colaborar cos Estados Unidos, e a mesma sentenza polos outros dos delitos. As dúas foron encarceradas na prisión de Evin, coñecida por acoller a meirande parte de disidentes iranianos en prisión. 

Protestas en Melbourne polo asasinato de Masha Amini por non usar o seu hiyab correctamente CC-BY-SA Matt Hrkac

As catro candidaturas desta edición son un fiel reflexo da mala situación mundial da liberdade de prensa en lugares como Gaza, Ucraína, Irán ou mesmo a propia Unión Europea

O pasado 14 de xaneiro, tras numerosas protestas, foron postas en liberdade baixo fianza logo de pasar entre reixas 15 meses, pero coa prohibición de deixar o país ou exercer a profesión. Ao día seguinte da súa liberación, foron denunciadas por non levar o veo.

Na súa intervención, o secretario do premio, Darío Janeiro, destacou que as catro candidaturas desta edición son un fiel reflexo da mala situación mundial da liberdade de prensa en lugares como Gaza, Ucraína, Irán ou mesmo a propia Unión Europea. De aí que este galardón sexa "unha chamada de atención anual" que demostra "que os motivos que nos levaron a crear este premio seguen estando vixentes". 

Os convocantes do premio quixeron expresar o seu apoio para a familia e a coordinadora de xornalistas e amigos que manteñen vivo o caso de Pablo González, así como lembrar, como en todas e cada unha das edicións anteriores, que os asasinos de José Couso e Taras Protsyuk seguen impunes

Os convocantes do premio quixeron expresar o seu apoio para a familia e a coordinadora de xornalistas e amigos que manteñen vivo o caso de Pablo González, así como lembrar, como en todas e cada unha das edicións anteriores, que os asasinos de José Couso e Taras Protsyuk seguen impunes.

Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi súmanse así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal-Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015), Miguel Ángel Aguilar (2016), Xosé Hermida (2017), Julia Otero (2018), Defende A Galega (2019), Lorenzo Milá (2020), Manuel Rico (2021), Érika Reija (2022) e Marcos Méndez (2023).

Protesta na universidade Amirkabir de Teherán tras a morte de Masha Amini CC-BY-SA Darafsh Kaviyani

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.