Facer 40 anos en 2024: a "estabilidade inestable" dunha xeración

CC-BY-SA Dan Stephens/Unsplash

Unha ducia de voluntarias e voluntarios comparte con Praza.gal como chega ao seu 40 aniversario no contexto actual. Non ter unha vivenda en propiedade ou o coidado dos pais e nais que ven vir preocupa moito a estas persoas, que na súa maioría vive de alugueiro

Hai un sentimento común que se pode cualificar de “desencanto” entre as persoas que este ano fan 40 primaveras. Considéranse en medio de dous mundos, o máis analóxico e o dixital, aínda que non miran con nostalxia o pasado. Nestes primeiros 24 anos do século XXI sucedéronse as crises económicas e financeiras, as guerras volveron a Europa e o feminismo colleu impulso. Porén, un dos maiores conflitos do día a día segue a estar nos coidados, tanto das crianzas como dos maiores e dependentes.

Unha ducia de voluntarias e voluntarios comparte con Praza.gal como chega ao seu 40 aniversario no contexto actual, coa vivenda e a inestabilidade laboral como principais dores de cabeza, pero tamén coa preocupación polo mundo que lle estamos deixando ás xeracións máis novas: o cambio climático, a "crispación da sociedade" e as mortes nos conflitos armados repítense cando se lles pregunta por como se ven dentro doutras catro décadas. Mais, se nalgo coinciden todas e todos, é en remitirse a chegar aos 80 con boa saúde. 

“Aquí cando morre alguén de 70 ou 80 anos a perspectiva é que morreu novo, contan con vivir ata os cen anos”, di Paula Verao (Sober, 1984), que considera que a súa vida mudou máis que nunca coa chegada da súa segunda filla. “Teño o meu traballo, pero a maior parte do día é para organizar a loxística dos coidados. Aínda que agora xa van ao cole e polas mañás teño máis tempo”, conta. Lévaos ao colexio público de Sober, na comarca da Terra de Lemos, onde reside.

De esq. a dereita: Carla Gondar, Alicia Pedreira Sanjurjo e María Carballeira CC-BY-SA Cedidas / Montaxe: Praza.gal

O ritmo biolóxico non descansa e a maternidade afecta principalmente as mulleres en 2024, aínda que compartan os fillos coas súas parellas. De equilibrios para chegar a fin de mes a unha deriva de consumo masivo, así están as que naceron en 1984

A ex-deputada de En Marea no Parlamento chega aos 40 anos xusto no día que atende a Praza.gal, en pleno proceso de reformulación do proxecto da Libraría da Proencia, en Proendos (Sober) onde tamén é concelleira pola formación Interior Galego Vivo. “Ser mestra gustaríame máis, pero a vida levoume por outros camiños”, confesa. Con todo, afirma estar satisfeita coas expectativas que podía ter sobre esta idade: “Vivo nun entorno no que a media de idade fai que as persoas da miña idade sexamos moi novas”.

A economista Lorena Rey (Santiago de Compostela, 1984) admite certa tristeza coa chegada dos 40 porque é o primeiro ano que non ten unha celebración preparada. “Creo que estou coa crise dos 40 por presión social ­–sinala–. Sempre fun moi responsable e de deixarme levar polo momento, vivín moito ao día e nunca tiven expectativas de ter parella ou fillos. Non sei se aos homes tamén lles pasa ou aquí tamén hai un nesgo de xénero, pero é que a primeira vez que empecei a pensar nisto foi por un comentario da miña nai –que sempre llo terei en conta– que, comparándome cunha das miñas mellores amigas que ten dous fillos, dixo: ‘Ti xa tes dous fillos, pero é que Lorena non fixo nada na vida’. Ao meu ver, fago moitas cousas na vida, ao mellor non fago as mesmas que o resto da xente. Pero a crise dos 40 vénme de non ter unha casa e uns fillos, que parece que me tivera que escusar coa sociedade. Intento que non me afecte, pero faime reflexionar sobre se me equivoquei. Hai pouco fun a unha revisión xinecolóxica e advertíronme de que teño pouca reserva ovárica para preguntar se pensei en conxelar óvulos. Sacan estes temas sen que ti llo pidas e fanche reflexionar”.

Noutro enfoque sitúase a xornalista Antía Paz (Vigo, 1984), que hai un ano que cambiou de traballo e regresou á súa cidade natal. “Como teño saúde e agora mesmo teño traballo non vou ser avariciosa”, contesta á pregunta sobre as expectativas que tiña con 20 anos sobre como ía estar con 40. Ela di que non está pasando agora unha crise porque xa a pasou coa maternidade. “A miña hostia de realidade foi coa maternidade: ‘mira, colega, todo o que ti pensabas chega ata aquí’. Supuxo un bo sopapo de vida. A nivel laboral penalizoume moitísimo e tamén me pasou unha factura enorme a nivel persoal e psicolóxico. Todo o que eu cría que ía ser formar unha familia de maneira idílica, en pouco tempo deixou de ser. Esa foi a grande crise, así que agora estou ao outro lado do espello, como Alicia [no país das marabillas]”, relata.

"A crise dos 40 vénme de non ter unha casa e uns fillos, que parece que me tivera que escusar coa sociedade. Intento que non me afecte, pero faime reflexionar sobre se me equivoquei", conta Lorena Rey

Como Antía Paz, Alicia Pedreira Sanjurjo (Ordes, 1984) logrou organizar a súa xornada para ter as tardes libres e estar coa súa filla. “Moitos días cando chego ás oito da mañá ao traballo xa me parece que corrín unha maratón”, detalla. É xornalista e ten un contrato fixo nunha produtora audiovisual, pero para ela é como se fose temporal: “Isto é a precariedade, unha estabilidade inestable. Estudamos coa idea de ter unha estabilidade e un nivel económico, pero é unha fraude absoluta. Eu vou facer 40 anos e non teño a miña vida resolta nese sentido. Teño un traballo máis ou menos estable, pero se cadra dentro dun mes xa non o teño”.

As que teñen contrato indefinido tamén se definen como “inestables” no eido laboral, semella que só as persoas funcionarias senten unha seguridade ligada ao seu traballo. De feito, varias entrevistadas confesan que, de volver atrás, terían buscado a maneira de lograr unha praza na administración pública. Unha que perseguiu este camiño é María Carballeira (Monfero, 1984), que estudou xornalismo e filoloxía clásica e traballa como profesora de latín e grego nun instituto en Vimianzo. “Estou contenta de ser profe porque ademais na miña materia teño un público máis selecto, a maioría do alumnado está porque quere”, traslada.

Xa non sabe o que quería con 20 anos, mais María Carballeira asegura que está contenta. “Nos últimos anos é evidente que a cousa no laboral mudou moito. A ninguén se lle escapa que o soldo como xornalista é bastante cativeiro, eu traballei doce anos no audiovisual e estaba tres meses nunha produtora, outros catro noutra e logo volve a mandar currículum. A miña situación laboral cambiou e, aínda que poida haber días nos que chego a casa cansa, nada que ver porque teño un soldo estable e mellor e boas vacacións. Iso si, con 20 anos si pensaba que tería casa propia aos 40”, debulla.

Lorena Rey, Isaac González e Raquel Díaz CC-BY-SA Cedidas / Montaxe: Praza.gal

Carla Gondar (O Grove, 1984) ten un traballo indefinido a media xornada nun salón de peiteado de Bertamiráns e vive de alugueiro en Santiago. “É moi difícil ter algo propio –critica–. Contaba con chegar aos 40 con máis estabilidade, pero ninguén a temos de non ser funcionarios. Meus pais á miña idade xa tiñan pagada unha hipoteca. Falando coas miñas amigas estamos todas máis ou menos na mesma situación, especialmente as mulleres, cun salario máis precario porque nos ofertan moito contrato a media xornada. Se miras nas ofertas de emprego é habitual que para mulleres haxa contratos de menos horas e peor remunerados, nótase que nisto estamos bastante estancadas”. Ademais, para ela comeza a ser habitual que lle pregunten se é nai ou quere selo nas entrevistas de traballo. Neste sentido, como feminista, di que nota unha “involución moi grande”.

Quen ten unha vivenda sen hipoteca é porque a herdou ou lla prestaron na familia. A maioría viven de alugueiro, como Xabier Obispo (Santiago de Compostela, 1984), que reside nunha vivenda de alugueiro público na capital do país. “Deben ser as únicas vivendas en alugueiro público en Compostela, as últimas fíxoas un tal Emilio Pérez Touriño na súa época así que xa choveu”, ironiza este técnico superior en Administración e Finanzas cun contrato indefinido a xornada completa.

A economía de diario 

A Carla Gondar resúltalle imposible pasar ben o mes sen entrar a comprobar os seus gastos na banca móbil, tamén porque manifesta que non ten practicamente aforros. “Todas estamos na mesma situación coa inflación e da pandemia para acá os prezos disparáronse en todo”, apunta.

Outro dos que confesa medir moito os gastos facendo seguimento a través da aplicación do banco é Fernando Trigo Chouciño (A Coruña, 1984), afortunado por ter unha horta familiar que lle proporciona produtos frescos e que pola súa profesión actual –profesor de cociña– sabe como facer de comer sacándolle partido a todos os alimentos.

"A bioloxía imponse e a min apetéceme pensar no que ten que ver coa exposición pública. Teño unha pequena dimensión pública como poeta e observo, como tamén o facía cando estaba en política, unha especie de furor publicandi: o relato antes que os feitos", conta Oriana Méndez

Pola súa banda, a poeta e profesora interina no ensino público Oriana Méndez (Vigo, 1984) expón que o seu motivo para andar mirando con frecuencia as súas contas na aplicación do banco “non é tanto porque non me vaia chegar o salario e teña que medir gastos, máis ben é parte da compulsión da época coas aplicacións e os móbiles”.

Oriana Méndez rexeita as necesidades creadas para cada idade polo sistema capitalista, que as converte en consumo. “Aí temos o bombardeo dos ‘arranxos’ ou ‘retoques’ estéticos para os que nos din que xa imos moi tarde”, censura. “O que si é certo, é que non podemos modular de todo a bioloxía e no mellor dos casos estamos na metade da vida, e creo que isto dá para facer un balance e para pensar na marxe que tes para enfocar ou reorientar as decisións que podes tomar sobre a túa vida. Quizá os 40 é un bo momento para facelo, na medida en que non podemos alongar a esperanza de vida todo o que queiramos. A bioloxía imponse e a min apetéceme pensar no que ten que ver coa exposición pública. Teño unha pequena dimensión pública como poeta e observo, como tamén o facía cando estaba en política, unha especie de furor publicandi: o relato antes que os feitos. Entras na roda e tes que estar para seguir estando. O meu momento da crise dos 40 é para pensar sobre isto porque non sei se quero ser esa persoa”, debulla a viguesa.

“Cando tes claro que queres ser nai, resulta moi frustrante que despois non funcionen as cousas. Perdas polo camiño e situacións moi dolorosas, que sabes que veñen derivadas de que o corpo non é o mesmo con vinte que con trinta e cinco”. Iria Mariño (Pontevedra, 1984) é profesora no ensino secundario pero tardou máis tempo do que contaba en conseguir a estabilidade laboral porque houbo nove anos sen convocatorias de oposición, iso provocou que tardase máis en intentar ser nai coa súa parella. “Se lle tivera que dar un consello ao meu eu dos vinte anos sería que conxelase os óvulos, pero sei que non está ao alcance de todo o mundo. Eu tería que ter pedido cartos para facelo porque non hai moitas axudas para isto”, asegura.

Con todo, a Iria Mariño non lle preocupan os anos: “Como os adolescentes din que non se me notan! A verdade é que estar con adolescentes axuda moito porque non deixas de estar conectada co novo”. Iso si, repítelle ao seu alumnado que hai que aprender a xestionar as expectativas. Como lle pasa a Xabier Obispo, quen di que xa pasou por tantos estados mentais que agora só quere poder ter unha vivenda propia ou unha pequena casa no rural, “pero todo está cada vez peor”.

Oriana Méndez, Paula Verao e Xabier Obispo CC-BY-SA Cedidas / Montaxe: Praza.gal

"Algo que me gusta desta xeración é que poñemos sobre a mesa os coidados mentais", salienta Raquel Díaz

As expectativas mudaron máis para Raquel Díaz (Carnota, 1984), á que lle diagnosticaron unha enfermidade crónica aos 22. “Todas as expectativas que podía ter foron mudando moi rápido, pero non hai queixa. É unha enfermidade que non se expresa ao exterior, entón é complicado á hora de traballar moitas veces”, explica. Traballa como auxiliar administrativa cun contrato temporal, pero é animadora sociocultural por formación e vocación. “Estamos nunha situación [en xeral] de moita precariedade. A miña parella e mais eu traballamos, estamos facendo todo o que podemos pero vexo un retroceso: subiu moito a vida e os salarios non soben. Esíxennos cada vez máis á hora de traballar... Non sei, sinto unha pouca impotencia. Nós case non saímos, non temos moita vida social, priorizamos os nosos fillos”, argumenta. 

“A enfermidade deume moitísimas ferramentas para autocoñecerme e saber cando teño que parar, pero cando ma diagnosticaron fun ao psicólogo e agora estou pensando en volver porque son moitas as cousas que se xuntan. Algo que me gusta desta xeración é que poñemos sobre a mesa os coidados mentais, eu seino polos meus fillos: se estou baixa de ánimo ou enfadada, todo iso transmítollo e quero que eles estean ben. Na miña familia se estabas mal non se podía dicir, había este concepto de ‘ser forte’; pero temos dereito a dicir: estou mal, hoxe non me apetece”, engade Raquel Díaz. Máis da metade das persoas entrevistadas pasou algunha vez polas consultas de Psicoloxía ou Psiquiatría, quen xa non o fai asegura que pensa en volver

A 'crise dos 40'

Fernando Trigo Chouciño fará os 40 en decembro pero está seguro de non estar en crise porque considera que xa a pasou nos 30: “Agora xa deixei iso atrás e estou satisfeito coa miña vida. Se cadra, o que empezo a notar é que o meu corpo xa non é o que era; vou percibindo a vellez e a acumulación de citas no Sergas”.

"Tiven que tomar a decisión de se volves e reduces a túa ambición profesional (como é o meu caso) ou quedas fóra e dáslle prioridade á carreira. Eu decidín volver e darlle prioridade á miña familia", di Isaac González

Isaac González (Lugo, 1984) está no último ano de doutoramento en finanzas descentralizadas, as coñecidas como ‪Blockchain‬, na Universidade de Santiago de Compostela e é profesor de informática en FP con praza fixa desde 2019. “Con 20 anos tiña dous camiños: un era tirar por irme fóra e facer un desenvolvemento forte da miña carreira, de feito vivín fóra un par de anos e tiven que tomar a decisión de se volves e reduces a túa ambición profesional (como é o meu caso) ou quedas fóra e dáslle prioridade á carreira. Eu decidín volver e darlle prioridade á miña familia, que me parece algo moi importante e do que estou moi contento. É un luxo estar preto dos meus pais e poder gozar deles, e que eles gocen dos seus netos”, celebra.

O informático de Lugo revela que está “ao 100% na crise dos 40” porque acabou case todo o que quería. “A miña teoría é que a crise dos 40 chega cando todo che vai ben. Marcaches unhas metas pero o divertido é o camiño. Se máis ou menos remataches esas metas e analizas todo pregúntaste: xa cumprín?”, explica.

A vida no ano 2064

Se pensa no mundo dentro de 40 anos, Lorena Rey pide que se faga un bo peto para non perder as proteccións do Estado como a sanidade pública “porque as perspectivas futuras están bastante mal”. “Creo que non valoramos abondo a saúde”, destaca María Carballeira, quen engade que se está ben de saúde sabe que vai ter “alegría de vivir” máis tempo.

“Preocúpame a vellez dos meus pais e o paso dos anos en xeral, de súpeto teño 40 e sigo pensando que teño 15 anos mentais para algunhas cousas. Penso no futuro tamén porque non quero chegar a ser unha carga para ninguén, pero nalgún momento alguén terá que facerse cargo de nós. Eu vivo nun estado vital rosaliano no que sempre hai unha negra sombra, cando non é a vellez é a infancia da miña filla ou calquera outra circunstancia”, sentencia Antía Paz.

“Dos 80 preocúpame sobre todo ter unha calidade de vida aceptable: mobilidade e cabeza. Pídome ser coma a miña avoa. Para o resto, como din os mariñeiros, irémola virando”, manifesta Iria Mariño. “Quero chegar viva en todas as dimensións da palabra”, asevera Oriana Méndez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.