Galicia seguiu á cola do Estado en cobertura das residencias de maiores durante o segundo ano da COVID

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitando as instalacións da nova residencia de maiores de Cerdedo-Cotobade o pasado agosto de 2022 CC-BY-SA Xunta

Á espera de que o INE publique por primeira vez a súa primeira análise de datos das residencias da terceira idade en virtude do acordo acadado co Ministerio de Servizos Sociais como unha das novas liñas do plan estatístico do pasado 2022, os informes da Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais seguen sendo un dos indicadores máis empregados para realizar radiografías ao sector. Por exemplo, para coñecer comparativamente ata que punto Galicia cumpre ou non cos estándares de cobertura recomendados neste eido pola Organización Mundial da Saúde e a comparación da situación co resto do Estado.

Este colectivo vén de actualizar a súa serie de datos, tirados do IMSERSO, cos relativos a 2021, o segundo ano da pandemia da COVID-19. Neste ano, aínda que cunha lixeira mellora a respecto de exercicios anteriores, Galicia seguía á cola do Estado na cobertura de prazas residenciais dentro do indicador que o mide sobre o total da poboación maior de 65 anos. 

Tamén continuaba lonxe da que, lembra a asociación, é a recomendación da OMS neste eido: cinco prazas por cada cen persoas nesa franxa de idade, cun total de 3 -sete décimas máis que no anterior informe-. Para acadalo serían precisas, calculan, 14.072 prazas máis. No conxunto do Estado estiman que cumprirían 76.350 novas prazas.

A Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais estima que Galicia precisaría unhas 14.000 prazas adicionais para chegar á recomendación da OMS de dispoñer de cando menos 5 por cada 100 persoas maiores de 65 anos

Sempre segundo os datos do IMSERSO analizados neste documento, nese 2021 Galicia superou as 21.000 prazas en residencias para persoas anciás por primeira vez dende o ano 2016. Pero o incremento da poboación maior de 65 anos provoca que a ratio por cada cen sexa peor que en anos nos que supera ese total. Así, por exemplo, nese ano 2016 o país contaba con 3,38 prazas por cada cen maiores de 65, o mellor nivel dentro da serie que debulla o informe, que se remonta a 2010.

En relación co resto do Estado, esas tres prazas dispoñibles por cada 100 maiores de 65 sitúan a Galicia por baixo da media (4,20) e no grupo de cola entre as comunidades autónomas. Só Andalucía, Balears, a Comunitat Valenciana e Canarias teñen unha menor cobertura. Na banda contraria están Castilla y León, Castilla-La Mancha, Extremadura e Aragón, con máis de 6 prazas por cada cen habitantes maiores de 65. Tamén están por riba do recomendado pola OMS Aragón e mais Asturias.

Preponderancia do sector privado

Como amosan os gráficos sobre estas liñas, todos os cálculos de cobertura realízanse sobre o total de prazas dispoñibles, con independencia da titularidade pública ou privada dos centros, e o informe distingue unicamente a orixe do seu financiamento. Isto é, o traballo desagrega as prazas de financiamento privado en centros privados e as prazas de financiamento público con independencia de que se atopen en residencias de titularidade privada ou xestionadas por compañías ou entidades privadas.

O aumento de prazas con financiamento público en Galicia nos últimos anos chegou, sobre todo, pola vía da subvención a residencias privadas

Esta é a razón pola que, nunha primeira ollada, nos datos da Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais Galicia o sector público ten unha preponderancia de practicamente o 70% no total de prazas dispoñibles en residencias da terceira idade, pero a cifra ten matices. Outros datos recentes do Instituto Galego de Estatística (IGE), no seu caso sobre o total de residencias de servizos sociais -non só de maiores- poden dar pistas para interpretalos con maior precisión. Eses números, como informou Praza.gal, amosan que as prazas en residencias privadas duplican as públicas e que oito de cada dez son para persoas anciás.

A explicación é o forte e crecente peso en Galicia das prazas subvencionadas polo Goberno galego en residencias privadas, non a apertura de moitas novas residencias públicas nin á ampliación das xa existentes. Neste sentido, é destacable que o Goberno presidido dende 2009 e ata maio do ano pasado por Alberto Núñez Feijóo e actualmente por Alfonso Rueda aínda non inaugurou ningunha nova residencia pública da súa titularidade.

Dende 2017, o gabinete do PP proxecta a apertura de sete residencias de titularidade pública nas sete principais cidades, proxecto que volveu anunciar en 2019 tras asinar un convenio coa Fundación Amancio Ortega, que se comprometeu a financiar sete delas con 90 millóns. Na presentación daquel acordo situárase o ano 2020 como horizonte para a construción destes centros. Actualmente atópanse en diferentes fases da súa tramitación, pero ningunha abriu aínda. Ademais, anunciou a creación doutros dous centros novos en Antas de Ulla e Ribeira e o pasado agosto inaugurou un centro de titularidade pública con 46 prazas en Cerdedo-Cotobade que terá xestión privada. Outras administracións como a Deputación de Lugo si ampliaron a súa rede pública en maior medida nos últimos anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.