O paro repunta con forza en Galicia no primeiro trimestre, no peor comezo de ano dende 2012

No primeiro trimestre destruíuse emprego no sector servizos CC-BY-NC-SA CIG

O número de desempregados e desempregadas sitúase en 131.600 persoas, 16.700 máis que as 114.900 de hai tres meses. A taxa de paro ascende, ademais, do 9,19% ao 10,45%

O primeiro trimestre do ano adoita ser negativo para o emprego. Nos últimos 16 anos o número de persoas desempregadas en Galicia sempre aumentou nos primeiros tres meses do ano, segundo as cifras da Enquisa de Poboación Activa (EPA). Porén, os datos coñecidos este venres amosan a maior incremento do número de parados e paradas nun primeiro trimestre dende o ano 2012, no peor momento da Gran Recesión.

O número de desempregados e desempregadas sitúase en 131.600 persoas, 16.700 máis que as 114.900 de hai tres meses. A taxa de paro ascende, ademais, do 9,19% ao 10,45%. Este aumento de 16.700 parados e paradas supera amplamente a que se rexistrara no mesmo período do ano anterior (+3.400) e tamén a media do período 2013-23.

O pasado ano o paro só aumentara en 3.400 persoas no primeiro trimestre

No conxunto de España os datos son igualmente negativos, cun aumento de 117.000 parados e paradas e un ascenso da taxa de paro ata o 12,29%. Neste caso, é o terceiro maior aumento dende 2012 (no conxunto do Estado os inicios de 2013 e 2020 foron máis negativos, algo que non sucedera en Galicia). 

Houbo unha destrución neta de emprego. En Galicia traballan 8.100 persoas menos que hai tres meses

No primeiro trimestre tamén diminuíu o número de persoas ocupadas, polo se produciu unha destrución neta de emprego. En Galicia traballan 8.100 persoas menos que hai tres meses, deixando a cifra total en 1.127.700. A taxa de ocupación cae por segundo trimestre consecutivo e sitúase no 47,62%.

Iso si, abrindo o foco e comparando os datos deste trimestre cos do mesmo período do pasado ano, a evolución do emprego e da ocupación segue a ser positiva

Iso si, abrindo o foco e comparando os datos deste trimestre cos do mesmo período do pasado ano, a evolución do emprego e da ocupación segue a ser positiva. A taxa de paro (10,45%) está por debaixo da que se rexistraba hai doce meses e tamén o número de parados e paradas é menor que no primeiro trimestre do 2023 (-3.400). O mesmo pasa co número de ocupados e ocupadas: neste momento hai 24.400 persoas traballando máis que hai un ano.

Galicia amosa nos últimos 12 meses un incremento da ocupación (+2,2%) por debaixo da media española (+3%)

En relación ao comportamento do conxunto do Estado e doutras comunidades autónomas, Galicia amosa nos últimos 12 meses un incremento da ocupación (+2,2%) por debaixo da media española (+3%) e lonxe dos datos de Cantabria, Asturias, Cataluña e Navarra, que encabezan a lista.

No último ano o paro cae un 6,5% no conxunto do Estado, case o triple que en Galicia (-2,5%)

En canto á evolución do desemprego en relación ao mesmo período do ano anterior, este descende en todas as comunidades agás A Rioxa e o País Vasco. No conxunto do Estado cae un 6,5%, case o triple que en Galicia (-2,5%). Navarra (-27%) e Cantabria (-17%) encabezan as reducións do número de persoas en situación de desemprego.

Por sectores, a ocupación aumentou no último trimestre no sector primario (+400) e na construción (+3.300), mantívose estable na industria, cun leve descenso (-200) e si caeu con forza no sector servizos (-11.600)

Por sectores, a ocupación aumentou no último trimestre no sector primario (+400) e na construción (+3.300), mantívose estable na industria, cun leve descenso (-200) e si caeu con forza no sector servizos (-11.600). 

Se comparamos os datos cos de hai 12 meses, atopamos unha mellora do emprego en todos os sectores, destacando o aumento do número de ocupados no sector primario (+5.500) e na industria (+12.200), cunha maior estabilidade na construción (+2.800) e no sector servizos (+4.000).

Entre as poucas boas novas que deixa a última entrega da EPA está a continuidade da tendencia á baixa da temporalidade a consecuencia da aplicación da última reforma laboral

Finalmente, entre as poucas boas novas que deixa a última entrega da EPA está a continuidade da tendencia á baixa da temporalidade a consecuencia da aplicación da última reforma laboral. Entre as persoas asalariadas en Galicia, 778.700 mil contan cun contrato indefinido (o 84,7%), fronte a 140.500 que teñen un contrato temporal (o 15,3%). En relación ao mesmo período do ano 2023, o número de persoas cun contrato indefinido medra en 33.000, mentres que as que teñen un temporal diminúe en 7.000. Hai un ano a porcentaxe de persoas cun contrato temporal era do 16,9% e hai tres anos, antes da reforma laboral, era do 23,3%.

CCOO subliña que o sector privado "foi este trimestre o motor do emprego, con 10.900 postos de traballo máis, compensando en parte a perda de 12.000 no conxunto do sector público, a metade na Administración autonómica"

Precisamente a caída da temporalidade é destacada por CCOO-Galicia na súa análise dos datos da EPA, nos que salienta que as últimas cifras "demostran que a reforma laboral segue reducindo a temporalidade no emprego, agora en mínimos históricos". 

O sindicato subliña, ademais, que o sector privado "foi este trimestre o motor do emprego, con 10.900 postos de traballo máis, compensando en parte a perda de 12.000 no conxunto do sector público, a metade na Administración autonómica". Ante os datos no sector autonómico, CCOO insta a Xunta a apostar polos servizos públicos, "xa que iso significa emprego de calidade", indica Maica Bouza, secretaria de Emprego do sindicato.

A CIG salienta a "preocupante" evolución do emprego e sinala que a caída da ocupación non semella responder á estacionalidade do emprego, xa que a maior parte deste descenso se produciu no sector público, concretamente en actividades educativas, sanitarias e da administración xeral

Mentres, a CIG salienta a "preocupante" evolución do emprego cunha baixada da ocupación do 0,7% e cun incremento da poboación parada do 14,5%, especialmente no sector público. Para o sindicato nacionalista, esta caída da ocupación non semella responder á estacionalidade do emprego, xa que a maior parte deste descenso produciuse no sector público, concretamente en actividades educativas, sanitarias e da administración xeral.

Ao mesmo tempo, destaca que se rexistrou un importante aumento dos fogares galegos que teñen todos os seus membros en situación de desemprego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.