Democracia sen demócratas; tamén pasou antes en Galiza

Papeletas nun colexio electoral nas pasadas eleccións galegas CC-BY-SA Praza Pública

Dende que o bipartito entrara no poder, a cúpula de Feijóo comezou a construír a campaña do fango que dende esa sería a súa única forma de facer e entender a política

En febreiro deste ano, coincidindo co seu aniversario, regaláronlle uns libros ao meu compañeiro; dous de fotografía e un sobre a historia política da Europa do século XX. Por motivos profesionais, e porque me gusta particularmente, púxenme co último. O caso é que, entre todas as páxinas que lin, houbo unha frase que interioricei moito e que penso, volve ser moi axeitada tras a carta de Pedro Sánchez de onte. A frase en cuestión fai referencia ao período de entre guerras e di o seguinte “unha democracia sen demócratas é un perigo interior e exterior”. That’s it. Logo, segue con outra frase que me parece fundamental para desenvolver este artigo que explica que, normalmente, adoitamos concibir á Europa de entre guerra como un continente descarrilado por ditadores lunáticos no lugar de considerala como un continente que tiña optado polo abandono da democracia.

Sobre estas frases reflexionara en febreiro con D vendo cal estaba sendo a campaña do PPdeG ante o medre do BNG (todo aquelo do bildugá e a manipulación descarada dos medios de comunicación públicos). 

Á dereita e ás elites do país e do estado non lles gusta demasiado a idea de que goberne a esquerda, vímolo co bipartito e vémolo agora co actual goberno do Estado 

En realidade non é que nos pillara por sorpresa pois, por desgraza, todo acontece con anterioridade en Galiza (e se non que llo pregunten a Anxo Quintana e o acoso constante que sufriu na campaña do 2009). Sexa como for, dende que o bipartito entrara no poder, a cúpula de Feijóo comezou a construír a campaña do fango que dende esa sería a súa única forma de facer e entender a política. A política en minúsculas, claro; acusacións e falsidades para ocultar a súa falta de proxecto e ambición para Galiza que aínda seguimos padecendo - e disto ben somos coñecedores na Mariña- a día de hoxe.

Imos tarde para marcar liñas vermellas na política pois os dous principais partidos do estado levan actuando e consentindo un longo período de tempo. O que está claro é que a familia e a saúde mental é algo que hai que coidar e nese sentido, o presidente do goberno ten dereito a estimar que é o mellor para a súa porque detrás de calquera político existe unha persoa de carne e oso con vida persoal e propia. Non todo vale

Polo que sexa, á dereita e ás elites do país e do estado non lles gusta demasiado a idea de que goberne a esquerda, vímolo co bipartito e vémolo agora co actual goberno do Estado ao que levan seis anos chamándolles: golpistas, goberno ilexítimo, filoetarras, ocupas e un longo etc de sen sentido. Sen irnos máiss lonxe, sigo pensando no vídeo con fundido de imaxe entre Ana Pontón e o Otegi que fixo o PPdeG para a campaña das eleccións GALEGAS. De novo, normalizamos que se poda chamar ilexítimo a un goberno legalmente formado segundo a súa sacrosanta Constitución e que me chamen, por exemplo a min - que algo sei do tema-, terrorista por formar parte do BNG ou enxangar o debate para que non se fale do verdadeiramente importante: de Galiza. Dende logo non serei eu quen defenda ao Partido Socialista pois non só está sendo Pedro Sánchez o obxectivo das calumnias e da política do fango da dereita, foino naquel momento Anxo Quintana - o PSOE mirou para outro lado-, foino recentemente Mónica Oltra - mái do mesmo- , foi Irene Montero e a súa familia - o PSOE volveu mirar para outro lado- e moitas outras políticas e políticos aos que este tipo de manobras alonxaron da política, precisamente por iso: porque senten que o poder é seu, non noso.

Imos tarde para marcar liñas vermellas na política pois os dous principais partidos do estado levan actuando e consentindo un longo período de tempo. O que está claro é que a familia e a saúde mental é algo que hai que coidar e nese sentido, o presidente do goberno ten dereito a estimar que é o mellor para a súa porque detrás de calquera político existe unha persoa de carne e oso con vida persoal e propia. Non todo vale.

Esta tendencia obsérvase noutros países da UE onde se deu moito espazo ao populismo e á política en minúsculas da dereita e, veremos, como -probablemente- pagaremos as consecuencias en xuño. Democracia sen demócratas, interiorizada e reflexionada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.