O rei fútbol está espido

Os presidentes da federacións española e galega de fútbol, Luis Rubiales e Rafael Louzán, nunha imaxe de arquivo © Real Federación Galega de Fútbol

A sensación é a de impunidade, como se a sociedade asumira un tipo baixo nos estándares éticos deste deporte

Aínda que o pareza, este non pretende ser outro artigo sobre Rubiales, unha nova análise dese bico e de como, unha vez máis, un home amparado na súa posición de poder se sinte no dereito de violentar o corpo dunha muller, sen consentimento. Tampouco vai sobre se ese xesto de celebración, masaxeándose os atributos masculinos, é impropio do representante dun organismo como a RFEF. Tras o lido e visto estes días, pero sobre todo por esa sensación case unánime de grima e vergoña allea, coido que queda claro que as formas e actos de Rubiales, por públicos e retransmitidos a millóns de persoas, levan inherentes a súa reprobación a ollos da sociedade do século XXI, por máis que existan voces que o intenten xustificar e defender. 

En realidade, escribo isto tras ler que o próximo venres haberá unha asemblea xeral extraordinaria da RFEF na que estarán presentes os presidentes das federacións territoriais coa fin de tratar este asunto. Se non me equivoco, a Real Federación Galega de Fútbol está presidida por Rafael Louzán, condenado a sete anos de inhabilitación por un delito de prevaricación cando era presidente da Deputación de Pontevedra e que, a día de hoxe, continúa no seu cargo. Algunha dúbida sobre cal será a posición da Real Federación Galega de Fútbol sobre o caso Rubiales?

Demasiado a miúdo saltan aos medios de comunicación novas relacionadas con casos de corrupción, compra de árbitros, mordidas e diferente feitos de carácter delituoso no mundo do fútbol. Moitos destes sinalan a dirixentes con distintas responsabilidades en federacións, asociacións ou clubs, pero a sensación é a de impunidade, como se a sociedade asumira un tipo baixo nos estándares éticos deste deporte. Quizais as paixóns que levanta, a dose de emoción ou frustración que a cada partido xera nos afeccionados, favoreza que como sociedade realicemos a vista gorda. Finalmente, o fútbol é un negocio multimillonario que nos ofrece ídolos a quen adorar que a cada pase, a cada gol, nos elevan por uns instantes a ese universo de galácticos. Sentímonos como zidanes da vida, aínda que no noso día a día sexamos, máis ben, pavones

Quizais sexa un síntoma de como vai evolucionando este país, que o escándalo que veu sacudir con máis forza, nestes últimos anos, os cimentos dun sistema futbolístico anquilosado e pouco transparente estea relacionado cunha agresión machista. O feminismo foi quen de sinalar que o rei fútbol está espido. Pero cómpre reflexionar, tamén, sobre que o que podrece eses cimentos non só é o machismo. Neste país, lamentablemente, coñecemos demasiados casos nos que corrupción e machismo ían no mesmo paquete. 

O pasado domingo, cando vía ás xogadoras da selección española xogando ao primeiro toque, de maneira vistosa, sen apenas interrupcións innecesarias, a miña sensación era a de estar ante un fermoso espectáculo, a esencia do fútbol, do deporte mesmo. Eu non vou poñer nas mulleres a responsabilidade de levar o fútbol ao século XXI, porque, non nos enganemos, cando asistimos aos insultos racistas nas gradas, cando hai enfrontamentos violentos entre afeccións, ou cando a unha muller se lle ataca verbalmente por ser árbitra, a sensación é a de que o fútbol vai unhas décadas por detrás da sociedade. Sen embargo, cando dende o fútbol feminino se reivindican os dereitos LGTBI, fanse folgas para acadar un mínimo de dignidade salarial, ou, incluso, por esixir melloras profesionais no seu deporte varias xogadoras renunciaron a disputar a súa competición máis importante, o mundial, a miña sensación é a de que elas, as mulleres, están a marcar o camiño. O de Rubiales, hoxe, é o da porta. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.