'+Cuñados': a comedia que quere ser comedia

Xosé A. Touriñán, Iolanda Muíños e Federico Pérez promocionando '+Cuñados' en Santiago CC-BY-SA Praza.gal

+Cuñados chega esta fin de semana ás salas de cinema como a maior estrea comercial dun filme en Galicia na historia recente

Temos adestramento de sobra en Galicia no humor, igual o que nos faltaba era levalo ao cine. En series é algo que estamos afeitos a ver, pero facer algo pensando en que poidas ir ver unha comedia en galego o cine non é tan habitual. Iso é o máis positivo que eu saco de Cuñados e +Cuñados agora”, conta Araceli Gonda, guionista das películas que converteron en cuñados a Miguel de Lira, Federico Pérez e Xosé A. Touriñán e a Iolanda Muíños, María Vázquez e Eva Fernández en irmás e fillas de Mela Casal.

Dous anos despois da operación policial que puxo fin á trama da primeira parte, Cuñados, celébrase o Entroido en Ourense e toda a familia está reunida para preparar os disfraces para o desfile. +Cuñados retoma a historia que levou de volta ás galegas e galegos ao cine aínda coas restricións da pandemia e faino aínda con máis doses de humor.

“Ao vir de Cuñados e ser unha continuidade tan directa xa hai unhas personaxes que están marcadas de antes e xa coñeces os actores. Iso fai moito camiño xa, sobre todo cara a imaxinar o resultado final. Xa escribes sabendo como o van interpretar. Si é verdade que con esta película, e tendo moi de referencia a primeira, decidimos cargar máis no humor. Coller o humor e levantalo un pouco máis xa desde o guión, con situacións un pouco máis disparatadas que no primeiro filme, e tamén sucedeu desde a interpretación”, explica Araceli Gonda.

"Tiramos máis cara ao extremo desde a conciencia de que estabamos facendo unha comedia que quere ser comedia", explica a guionista Araceli Gonda

A guionista sinala que “unha mesma escena, dependendo de onde poñas o ton, pódeche dar un humor moi distinto. Se a tiras para abaixo pódese achegar ao drama e se a tiras cara a arriba pódeche levar ao histrionismo e á farsa. Onde colocas o nivel de humor que lle queres dar á película? Eu creo que nesta segunda o nivel ata onde queriamos chegar elevouse un pouquiño máis”.

“Tiramos máis cara ao extremo desde a conciencia de que estabamos facendo unha comedia que quere ser comedia, é a miña impresión. Ás veces cóllese o humor cun pouco de precaución, intentando como non pecar de excesivos. E penso que nesta segunda entrega de Cuñados perdemos ese medo”, engade Araceli Gonda.

O equipo artístico do filme é unha garantía, pero como di Federico Pérez, “o Entroido é un personaxe máis” en +Cuñados. Os tres protagonistas e cuñados accidentais montan un posto de polbo para branquear os cartos cos que se fixeron na primeira parte, pero o devir dos acontecementos lévaos a meterse nun enredo aínda maior.

Equipo artístico do filme na preestrea en Ourense, onde se rodou © Portocabo

"Creo que o éxito da película é falar tamén de como somos os galegos", di Federico Pérez

Entre todas as situacións disparatadas segue a resultar doado identificarse cos personaxes. “Eu creo que é verosímil porque eles son así e son verosímiles. Para min a vida é unha comedia tamén. De feito, creo que nesta están máis verosímiles que na anterior. Están os tres máis equilibrados en canto a disparados”, di Iolanda Muíños. “Na vida real pasan cousas aínda máis disparatadas, que logo as pos nun guión e dinche ‘isto na vida real non pasaría’. Na vida acábaste vendo en situacións moi absurdas e moi patéticas e creo que o éxito da película é falar tamén de como somos os galegos. Os galegos somos así? Ben, hainos así e hainos doutra forma, pero isto pasa”, destaca Federico Pérez.

"O humor tamén é moi persoal e o que lle fai gracia a un non lle ten que facer rir a gargalladas a todo o mundo", conta Araceli Gonda

E quen escribe o guión tamén ri ideando esas escenas disparatadas? “Si, ás veces desespérome e case acabo chorando, pero para min a mellor mostra de saber se funciona ou non –que realmente ao cen por cen nunca o sabes– é cando deixas un pouco de tempo e volves ler o guión –e ti xa sabes o que pasa porque o escribiches e o pensaches mil veces– pero se o les e che fai gracia é que funciona. Moitas veces tamén o que fago é lelo en voz alta con outra persoa, e se o outro ri é que debe funcionar. O humor tamén é moi persoal e o que lle fai gracia a un non lle ten que facer rir a gargalladas a todo o mundo. Hai momentos nos que esperas que a xente ria, e non o fai; e hai outros nos que alguén ri e o celebras: ese pillouno! Pero o cine en xeral, e en particular na comedia, tamén depende de como esteas ti ese día e de se entras no código ou non. Se nunha comedia non entras no ton ao principio, esquécete porque non che vai facer gracia aínda que a persoa do teu lado se estea escarallando”, debulla Araceli Gonda.

“O raro é que non se fixese antes”, apunta Federico Pérez sobre o feito de empregar o humor desta maneira nun filme, algo ao que o público está acostumado más nas series. “Somos todos un pouco ‘fillos da TVG’, grazas a ela empezáronse a facer series e formouse moitísima xente, dende técnicos a actores e actrices. O formato usual era a serie de ficción era ese porque tiñamos a TVG. Hoxe en día non se produce tanto, entón pensamos ‘por que non facemos isto en película?’. Parece que a comedia é o xénero menor, pero a comedia vale contar todo e incluso sacarlle dramatismo ás cousas”, argumenta o intérprete.

Neste sentido, tanto Iolanda Muíños como Federico Pérez, que conversaron para o Fálase, o podcast informativo de Praza, sobre +Cuñados consideran que a boa saúde do audiovisual galego ten moito que ver na posta por producir estas películas. A produtora detrás deste proxecto, Portocabo, é a responsable de series de gran éxito como Rapa, rodada en Ferrol e premio á Mellor serie de televisión nos premios Mestre Mateo, onde tamén gañou os premios a Mellor montaxe para Gaspar Broullón, Julia Juanatey e Lucía Iglesias e á Mellor música orixinal para Xavi Font. “Hai un compromiso maior no sector, isto é unha industria”, destaca Muíños.

Como propón Iolanda Muíños, “isto só é o principio”. Os personaxes da saga Cuñados dan para unha serie e “hai que empezar a investigar nelas”, nas personaxes femininas que aínda teñen moito que aportar. “Temos que subirnos ao carro deles, pode ser unha tolería de familia!”, afirma a actriz.

+Cuñados chega esta fin de semana ás salas de cinema como a maior estrea comercial dun filme en Galicia na historia recente. Proxectarase simultaneamente en 34 salas, cubrindo practicamente todos os cines do país. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.