A falta de persoal nos centros de maiores: residentes mal atendidos e traballadoras "ao límite"

Mobilización da CIG en Lugo en demanda de máis persoal para as residencias de maiores © CIG

"Temos que concienciarnos todos, dende as familias á Administración, de que as persoas que están nas residencias merecen unha mellor atención. As traballadoras non podemos facelo con estas ratios, con esta falta de persoal", di Ana Domato (CIG)

A falta de persoal nas residencias de maiores vén sendo dende hai anos unha das principais críticas das traballadoras do sector en Galicia, facendo fincapé en que a falta de mans non só empeora as xa negativas condicións de traballo neste ámbito, senón que redunda nunha atención deficiente aos e ás residentes nos centros. Hai uns días o Imserso publicou a primeira edición dun censo de centros residenciais, con datos detallados sobre o seu funcionamento no Estado. Entre estes datos figura información sobre o persoal e as ratios de traballadoras por residente.

No ano 2022 había nas residencias da terceira idade de Galicia 0,58 traballadoras e traballadores por cada residente. Unha cifra xeral que varía moito en función do modelo de xestión de cada centro e na que, ademais, é importante diferenciar a parte que representa o persoal de atención directa (o que leva o día a día do coidado dos residentes, como as auxiliares de enfermaría) e a parte do persoal de atención indirecta (o resto de traballadores das residencias).

Os datos do Imserso reducen a ratio deste persoal de atención directa a apenas 0,46 traballadoras por residente, unha relación que sindicatos coma a CIG ven totalmente insuficiente para garantir unha atención digna aos e ás maiores nos centros e tamén para facer posibles unhas condicións de traballo asumibles polo persoal

Os datos achegados polo Imserso reducen a ratio deste persoal de atención directa a apenas 0,46 traballadoras por residente, unha relación que sindicatos coma a CIG ven totalmente insuficiente para garantir unha atención digna aos e ás maiores nos centros e tamén para facer posibles unhas condicións de traballo asumibles polo persoal.

Hai, ademais, importantes diferenzas entre as residencias públicas (con ratios totais que chegan ata as 0,87 traballadoras por residente) e o resto de modelos, como os centros de titularidade pública e xestión privada, é dicir, concertadas, con ratios entre 0,56 e 0,58 traballadoras por residente, ou os centros de titularidade e xestión privada, que rexistran as peores relacións, que baixan ata as 0,54 traballadoras por residente no caso das privadas con ánimo de lucro. 

Aínda que hai moitas diferenzas entre uns e outros centros, "a norma xeral é unha completa falta de persoal", debida en primeiro lugar a que "temos as ratios sen actualizar dende o ano 1989" e á falta de acción ou control por parte da Xunta"

O pasado ano a CIG levou a cabo unha campaña de mobilizacións para esixir máis persoal nas residencias privadas e pola equiparación das condicións laborais coas que existen nas residencias de xestión pública, "porque é de xustiza que o persoal que fai o mesmo traballo teña as mesmas condicións laborais". CIG-Servizos demanda máis ratios de persoal para que a carga de traballo "sexa en condicións de humanidade e non de escravitude" debido ás baixas ratios decretadas pola administración galega, que ademais moitas empresas nin sequera están a cumprir ao computar tamén o persoal de atención non directa.

Ana Domato, que traballa nunha residencia privada-concertada na Coruña e forma parte da executiva comarcal de CIG-Servizos, denuncia a este respecto que aínda que hai moitas diferenzas entre uns e outros centros, "a norma xeral é unha completa falta de persoal", debida en primeiro lugar a que "temos as ratios sen actualizar dende o ano 1989" e á falta de acción ou control por parte da Xunta".

"Para non abrir xeriátricos públicos, a Xunta optou por subvencionar a grandes corporacións para que ofrezan prazas concertadas nos seus centros. Estas grandes empresas privadas buscan obter o máximo beneficio co mínimo investimento. Como o conseguen? Pois recortando en persoal", denuncia Domato

En Galicia o número de prazas nas residencias de maiores é "absolutamente insuficiente", dado o envellecemento crecente que sofre o país. Galicia sitúase entre os últimos lugares do Estado en canto ao número de prazas existentes en relación coa poboación maior de 65 anos, só por diante de Andalucía, Baleares, Comunidade Valenciana e Canarias. "Para non abrir xeriátricos públicos, a Xunta optou nas últimas décadas por subvencionar a grandes corporacións para que ofrezan prazas concertadas nos seus centros. Estas grandes empresas privadas buscan obter o máximo beneficio co mínimo investimento. Como o conseguen? Pois recortando en persoal", denuncia Domato.

Segundo os datos do Imserso correspondentes ao ano 2022, as ratios de persoal dos centros de maiores galegos (0,58 traballadoras por residente) sitúanse por debaixo da media do Estado (0,62) e moi lonxe de Baleares e País Vasco, as dúas comunidades autónomas con mellores datos. Galicia só mellora os datos de Aragón, Castela-A Mancha, Comunidade Valenciana e Castela e León.

As ratios de persoal dos centros de maiores galegos (0,58 traballadoras por residente) sitúanse por debaixo da media do Estado (0,62)

A situación é moi semellante en todos os modelos de xestión: en todos eles os datos galegos empeoran a media do Estado. No que atinxe aos centros de titularidade e xestión pública, sobre os que a Xunta ten un control directo, a realidade é a mesma: Galicia fica moi por debaixo da media española (0,87 fronte a 0,96) e só mellora os datos de Aragón, Asturias, Comunidade Valenciana, Estremadura e Navarra.

"Na nosa residencia nunha quenda de noite somos tres persoas para 190 residentes. Nunha quenda de mañá, que é o momento de máis traballo, temos 16 auxiliares para estes 190 residentes, e pola tarde diminúe moito o persoal"

Ana Domato exemplifica a situación que viven, en maior ou menor medida, o groso das residencias galegas detallando a situación do seu propio centro. "Póñoche un caso práctico: na nosa residencia nunha quenda de noite somos tres persoas para 190 residentes. Nunha quenda de mañá, que é o momento de máis traballo, temos 16 auxiliares para estes 190 residentes, e pola tarde diminúe moito o persoal".

"O persoal está sobrecargado, estamos ao límite, non hai mans suficientes nin descanso. En moitas residencias as traballadoras non teñen só que atender os residentes, senón tamén ocuparse na limpeza do centro, a lavandaría e a cociña", denuncia, engandindo que a situación se estende a outros servizos dos centros, máis aló da atención directa: "a partir de 50 residentes, tes que ter servizo de enfermaría. Pero a realidade é que hai unha falta absoluta de enfermeiras en todas estas residencias".

"Hai unha carga física moi grande e, sobre todo, unha carga emocional moi elevada neste traballo. Vemos a moitas compañeiras que chegan chorando, de pura impotencia. E non só polas condicións laborais que sofren, senón tamén pola imposibilidade de dedicarlle dez minutos a cada residente"

A sindicalista lembra que "as condicións laborais son pésimas e que "estamos cobrando por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional", pois o salario base non pasa de 1.109 euros "e non foi actualizado este ano", denuncia. Ademais, di, "non sabemos o que son as extras. No mellor dos casos páganse como horas ordinarias". Así mesmo, os horarios son moi cambiantes, de xeito que só unha parte ten a sorte de contar cunha quenda anual, pois o habitual é que as quendas varíen "mes a mes". Trátase, como volve certicar o informe do Imserso, dun sector moi feminizado, no que o 89% das traballadoras en Galicia son mulleres.

"Hai unha carga física moi grande e, sobre todo, unha carga emocional moi elevada neste traballo. Vemos a moitas compañeiras que chegan chorando, de pura impotencia. E non só polas condicións laborais que sofren, senón tamén pola imposibilidade de dedicarlle dez minutos a cada residente", advirte Ana Domato, que remata pedindo que "ten que aumentar a ratio de atención directa e teñen que mellorar as condicións de traballo". "Non pedimos máis, só pedimos condicións dignas", engade.

"Durante a pandemia de COVID víronse todas as deficiencias e as carencias das residencias e non se resolveu ningunha delas. Hai catro anos aplaudíannos, dicían aquilo de 'sodes imprescindibles'. Que rápido se nos esquecen as cousas", remata Domato

A responsable da CIG subliña que "temos que concienciarnos todos, dende as familias á Administración, de que as persoas que están nas residencias merecen unha mellor atención. As traballadoras non podemos facelo, con estas ratios, con esta falta de persoal". 

Domato denuncia que na actual situación "enriquécense Orpea, Caser, DomusVi... a conta destes mínimos que non están dando" e conclúe: "a administración é cómplice de todo o que está pasando, están mirando para outro lado. Durante a pandemia de COVID víronse todas as deficiencias e as carencias das residencias e non se resolveu ningunha delas. Hai catro anos aplaudíannos, dicían aquilo de 'sodes imprescindibles'. Que rápido se nos esquecen as cousas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.